Un novo método con selo galego para elaborar a clasificación mundial de universidades

Domingo Docampo, da Universidade de Vigo, presenta canda o investigador Francesco Alessandro Massucci un novo sistema "confiable" para a "avaliación obxectiva do prestixio dunha institución académica".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os rankings de universidades están de moda, pero non están libres de polémica. Cada vez son máis os sistemas de mediciómn para comparar a nivel mundial e local a calidade e reputación das institucións académicas, en plena globalización da educación superior. Pero detrás destas clasificacións cóanse serios cuestionamientos metodolóxicos, grupos de presión, intereses comerciais, poxas entre universidades por millonarias doazóns e investimentos... Hoxe, estes rankings configuran xa todo un mercado global no que as universidades compiten por estar o máis arriba posíbel na táboa clasificatoria, das que mesmo os medios de información damos conta de maneira incesante, e seguramente sen criterio, contribuíndo a alimentar ese negocio dos rankings universitarios. Agora, Domingo Docampo —ex-reitor da Universidade de Vigo e membro do comité científico do atlanTTic (centro de investigación en tecnoloxías da información e a comunicación da UVigo)— vén de propoñer un novo método para avaliar a reputación das universidades. Faino canda Francesco Alessandro Massucci, do departamento de investigación da empresa SIRIS Academic, sita en Barcelona.

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago
Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

O que propoñen Docampo e Massucci é aplicar un método "confiable" que dea como resultado unha "avaliación obxectiva do prestixio dunha institución académica", tarefa esta que recoñecen "difícil e acaloradamente debatida". Para probar o seu método, estudaron os patróns de citas entre as universidades en cinco categorías de materias diferentes de Web of Science —plataforma en liña que recolle as referencias das principais publicacións científicas de calquera disciplina do coñecemento— e utilizaron o algoritmo PageRank nas cinco redes de citas resultantes, cuantificando o prestixio das institucións nun determinado campo de investigación seguindo un modelo que se basea "unicamente en datos bibliométricos duros".

Dado o volume dos datos analizados — 188.,533 rexistros bibliográficos únicos atribuídos a 5.063 afiliacións únicas e citando 2.907.556 referencias indexadas—, Docampo e Massucci afirman que os seus resultados son "estatisticamente robustos e menos propensos ao nesgo" que atribúen ás "enquisas ad-hoc a miúdo empregadas polos organismos de clasificación co fin de lograr resultados similares".

Os seus resultados, proseguen, "correlaciónanse extremadamente ben" coas clasficiacións por áreas do Shanghai Academic Ranking of World Universities —considerado o indicador de universidades más prestixioso do mundo—, polo que consideran que o seu enfoque "pode abrir a porta a novas metodoloxías de clasificación académica que van máis aló dos métodos actuais, conciliando a avaliación cualitativa con medicións cuantitativas". 

"O feito de que o algoritmo PageRank funcione con datos duros obtidos a través da análise de patróns de citas entre artigos publicados en publicacións de revisión por pares, ben enraizado, por tanto, nun mecanismo sólido e crible para recoñecer a reputación entre investigadores e institucións, fai de PageRank un candidato moi razoable para ser utilizado como medio directo de avaliación da reputación académica", argúen

Docampo e Massucci avisan de que esta só é unha "primeira ollada ao que a combinación da teoría da redes e a bibliometría poden ofrecer". Neste sentido, avanzan que están a explorar, por exemplo, a medición do "impulso" no prestixio académico debido ás autocitacións institucionais, a detección de comunidades (é dicir, grupos de institucións académicas que se cruzan citas entre si máis frecuentemente do agardado) e a relación das dúas propiedades anteriores coa localización xeográfica das institucións analizadas.

O método vén de ser presentado nun artigo científico titulado 'Measuring the academic reputation through citation networks via PageRank'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta