O accidente das Catedrais... Crónica dunha morte anunciada

Diversas entidades, expertos e o propio Concello de Ribadeo advertiron de que a masificación deste monumento natural sería problemático, tanto para a conservación deste espazo natural como para a propia seguridade dos visitantes. A Xunta ignorou os avisos e segue sen anunciar ningún tipo de medida ao respecto.

Por Xurxo Salgado | Ribadeo | 02/04/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

Case 5.000 persoas por día. Ese é o límite imposto pola Xunta de Galicia nun dos principais espazos naturais de Galicia. Un límite que entidades como Mariña Patrimonio ou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), expertos e concellos da Mariña criticaron no seu día, así como todo o plan de xestión da Praia das Catedrais polos grandes efectos negativos que tería sobre o medio ambiente. E, a pesar das advertencias, a Xunta continuou cos seus plans. 

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais | Fonte: eltiempo.es

Esta fin de semana, a morte dunha moza polo desprendemento dunha rocha no interior dunha cova da praia non fixo máis que avivar unha polémica que estaba latente desde hai tempo. A Xunta segue insistindo en que se tratou dun “fatal accidente”, pero destacados expertos e asociacións lembran que algo así podía acontecer e que a Consellería de Medio Ambiente xa estaba sobre aviso.

Fran Canosa, xeólogo, membro do Instituto Geográfico de España, e gran coñecedor da Praia das Catedrais e do seu entorno, fala dun “fracaso absoluto en seguridade e conservación”. En declaracións a GC, suliña que son inexistentes as normas de seguridade nun lugar con riscos de desprendemento. “Eu estiven cuns rapaces a semana pasada e a praia xa estaba perigosa. Díxenlles que nunca se debe andar ao carón dos cantís e, de feito, pouco despois de dicilo caíu unha pedra do tamaño dunha pelota”, asegura.

OS DESPRENDEMENTOS SON HABITUAIS

Canosa, suliña que este espazo natural entraña risco polo tipo de material e a súa disposición en capas e insiste en que os desprendementos nos cantís e covas é algo habitual do que xa están avisadas as administracións. “Eu falara xa co Concello de Ribadeo para amosar a miña preocupación por esta situación”, indica.

Imaxe das Catedrais
Imaxe das Catedrais | Fonte: Agremon

Unha falta de seguridade que ten que ver, insiste, cun “errado modelo de xestión” da Praia das Catedrais que só se basea na “turistización” e na “masificación”. “É unha zona de risco e se se permite ese número de persoas as probabilidades de que haxa un dano son moi elevadas”, engade. De feito, destaca que este modelo o que fai, ademais, é poñer en risco todo o espazo natural, xa que moita da xente que se achega á praia e non ten permiso, o que fai é percorrer toda a súa parte superior, que non está balizada, nin controlada. 

“Isto xera erosión e, obviamente, axuda a que se produzan máis desprendementos tanto nos cantís, como no interior das covas pola presión constante deste modelo turístico”, dixo. De feito, lembra que leva anos facendo roteiros pola zona e que, nos últimos anos, “perdeuse a capa de solo por completo”.  Por iso, fai un chamamento a “replantexar por completo” o nivel de seguridade e conservación de todo este ecosistema natural “porque actualmente é un desastre”.

“Eu entendo que haxa preocupación de que se se quita o número de persoas pois haxa repercusión turística pero o que hai agora é un turismo masivo, low cost, sen control, de paso e, sobre todo, sen educación, e iso non aporta nada aos concellos da Mariña”, suliña. Neste sentido, a súa proposta é reducir o número de persoas e controlar e balizar todo o espazo, aumentar a franxa de protección e as medidas de seguridade. 

XA HABÍA AVISOS

Esta diagnóse é moi semellante á realizada por Augusto Pérez Alberti, catedrático da Universidade de Santiago, quen tamén avisou hai meses dos riscos do "exceso" de visitantes e da necesidade de regular as visitas a zonas de cantís. “A Xunta tería que escoitar aos investigadores" e "non pode dicir que non se avisou", dicía este domingo nunha entrevista radiofónica. 

Non obstante, o Goberno galego defende que o número de visitas fixado polo plan de accesos se fixo en base a un estudo rigoroso e que o actual modelo de xestión do espazo natural conta con garantías e avais de investigadores e científicos que tanto Canosa coma Pérez Alberti poñen en dúbida e mesmo cualifican de “nefasto”.

En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente encargou un novo informe sobre a situación dos cantís da Praia das Catedrais, que será complementario ao último existente, de setembro do pasado ano, que confirmou, di, a "inestabilidade" destas formacións xeolóxicas e determinou que se incluíse unha advertencia por escrito aos visitantes sobre os riscos.

Unha opinión semellante é a que mantén a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) quen lembra que en 2014 xa remitiu un escrito dirixido á entón Directora Xeral de Conservación da Natureza (hoxe Directora Xeral de Patrimonio Natural), coas súas alegacións ao documento preliminar do "Plan de Conservación do Monumento Natural da praia de As Catedrais". Unhas alegacións nas que daba conta de que, como consecuencia da dinámica climática global e dos propios procesos evolutivos dos materiais xeolóxicos, “detectáronse nos últimos anos caídas de pedras provenientes dos arcos e columnas pétreas, a estabilidade das cales podería estar comprometida.".

Tamén denunciaba que o plan carece dunha mínima diagnose sobre os elementos xeolóxicos. Deste xeito, sinalaba que a singularidade destes elementos, e a súa preservación a curto ou medio prazo, “debe pasar por unha análise sobre a estabilidade dos distintos elementos, identificando os problemas que inciden sobre eles, os posibles riscos, os posibles efectos que poderían repercutir no uso público do espazo, e as medidas concretas para asegurar a súa preservación e estabilidade”.

“Como en tantas ocasións anteriores, as suxerencias e alegacións de SGHN foron completamente ignoradas. Nunca saberemos se se tiveran tido en conta poderian ter evitado o accidente que agora lamentamos”, engaden agora desde esta entidade.

Outra entidade que tamén ten alertado sobre o actual modelo de xestión da Praia das Catedrais é a  Plataforma Mariña Patrimonio, que ten criticado o deterioro serio “sobre todo na parte de arriba, porque esa parte está moi abandonada”. O seu presidente, Manuel Miranda, estima que a falta dun plano integral para esta áera desde un primeiro momento, debeuse en boa medida a que “cando viron a chegada de xente, non se atreveron a frear algo que podía ter repercusión económica”.

MODELO DE STONEHENGE

A demanda dunha actuación para o control de acceso e frear o deterioro do lugar pasaba pola intervención das diferentes administracións, neste caso Xunta e Concello. Tal e como xa publicou hai GC nunha estensa reportaxe sobre a masificación deste espazo, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, aclarou que “non hai un plano consensuado coa Xunta”, aínda que o PXOM de Ribadeo, aprobado en decembro de 2014 “contempla a creación dun plano especial de actuación para toda a área de influencia do areal das Catedrais”. 

A superficie que entraría dentro desta actuación serían 54 hectáreas. O plano especial sería desenvolvido polo Concello de Ribadeo e para iso  adxudicáronse os traballos de elaboración a un grupo de traballo. O máis importante “para nós é ter un documento aprobado para ordenar todo o potencial que ten agora e que pode ter no futuro” remarcaba entón Suárez. Non obstante, hai dous anos a Xunta de Galicia nomeara a zona como Monumento Natural, entón aí si que lle correspondía xestionar ao goberno galego. O caso é que esa medida só afectaba ao areal e unha parte mínima do cantil, uns accesos e unhas zonas recreativas. 

A idea básica deste plano especial é a protección do monumento natural. Para facer unha planificación coma esta botouse man das diferentes iniciativas semellantes que había por Europa. Unha delas era Stonehenge no Reino Unido, onde as autoridades estatais interviñeron sen prexuízo dos veciños e veciñas do lugar. É dicir, veciños e veciñas poden acceder ás súas propiedades, habendo límites para as visitas. “Iso é o que nós queremos, que as persoas que viven alí perto, podan acceder libremente” di Fernando Suárez. Curiosamente as iniciativas como a británica proceden das autoridades estatais, o mesmo que no resto da Unión Europea, sendo España un dos poucos lugares onde son as autoridades locais teñen case todas as competencias sobre este tipo de áreas.

PROPOSTA DE RIBADEO

O plano especial en exposición pública contempla a prohibición de construcción na zona, a retirada dos aparcadoiros máis ao sur, detrás das liñas de FEVE, e por outra banda, a negociación coa mesma FEVE e ADIF, para levantar un apeadeiro que permita achegar xente á zona, pois o xa existente, está a douscentos metros de distancia e non ten un tráfico de persoas destacable. A proposta está enviada á autoridade ferroviaria  pero polo de agora non se tivo resposta no concello. Outras acutacións sería a compra de terreos no caso de ser necesario, mesmo se fose necesario pasaría pola expropiación dalgunhas parcelas. A día de hoxe, o Concello non ten ningunha propiedade de seu no lugar. O investimento total estimado é de 2.5 millóns de euros.

Playa de As Catedrais en Lugo
Playa de As Catedrais en Lugo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Marea

Deixade de contar mentiras. Cando a Xunta limitou o acceso, reducindo o número de visitas, o Concello de Ribadeo opoñíase. Se o concello da Coruña proibira entrar na praia do Orzán non houbera morto a moza ourensá.

2 turismo de frijoles

a cousa esta descontrolada, miren o video, dentro da desgraza soamente caeu un.ha pedra, pero e si chegan a caer 20 ou 50 nun desprendemento enton que teriamos 20 mortos, 50 mortos, a xunta pasa de todo, aquí esta a promoción xunteira do monumento, a morte dunha rapaza - https://www.youtube.com/watch?v=ZT_...

1 Calculista

Un poco de matemáticas reforzaría el sentido común: 4000 visitantes son, a una media de 70 kg. 28,000 kg. Ventiocho mil kilogramos: 28 TONELADAS. Lo que equivaldría al peso de un edificio de ocho o diez plantas. Esa sobrecarga sobre el monumento producirá que se venga abajo completo. Los números no engañan. La tragedia está servida.

1 Pepiño

Pues si que son pocas las matematicas. Un edificio moderno pesa unos 600 kilos por metro cuadrado, por lo que 28 toneladas viene a ser el peso de 50 metros cuadrados. Un edificio de 10 plantas, con cuatro viviendas de 100 m2 por planta, pesa, como minimo, 2400 toneladas.Vaya calculos que hace usted. En cuanto al articulo,GC deberia buscar opiniones de gente con mayor conocimiento, y que no insulten a los turistas.