Micro-relatos para proxectar o galego en Internet

A Real Academia Galega e a asociación PuntoGal dan a coñecer os gañadores do seu concurso literario.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/04/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Trinta e cinco palabras lle abondaron a Silvia Camesella Gesteira, natural de Nigrán, para facerse co primeiro premio do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal, entidades que amosaron a súa satisfacción pola alta participación rexistrada e a calidade dos textos recibidos. O seu texto, titulado “Odio as mans frías”, foi o mellor valorado polo xurado na xuntanza mantida na sede da RAG.

Reunión do xurado do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal.
Reunión do xurado do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal.

Héctor Cajaraville Araújo (Santiago de Compostela) foi recoñecido co segundo premio por “O milagre” e Ceres Serea Manso Acuña (Nigrán) conseguiu un terceiro premio con “Cousas que pasan”. Outros dous terceiros premios son para dous menores de idade: Nee Barros Fernández (Marín), de 15 anos, por “Desexo concedido”, e Teo Alonso Vidal (Vigo), de tan só 10 anos, por “Unha hora”.

O xurado, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Helena Villar Janeiro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a poeta, editora e membro do comité de redacción de Luzes Dores Tembrás, avaliou os case 400 relatos de ata 200 palabras que participaron no concurso convocado no marco dunha campaña para proxectar o galego en Internet.

Os cinco gañadores impuxéronse nunha listaxe de 14 finalistas que completan “As liñas das túas mans”, “As verbas perdidas”, “Clase media 2.0”, “Babel II”, “Espiritismo”, “Lección de xeografía”, “Se non tivese medo”, “Ratos” e “A derrota”.

O primeiro premio consiste nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro, nun lote de libros, un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos. Tanto os relatos gañadores como os demais finalistas serán publicados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nosstrus

¿O galego é bon para o colesterol?, ¿para a gorxa?, ¿para o medio ambiente?. Non comprendo porque se fan tantas parvadas polo ben do galego si total abonda con garantir que o use todo aquel que o desexe. ¿Que gañamos con que o use quen non queira usalo?