A eurocidade Chaves-Verín, un exemplo de integración que se expón en Atenas

Foi seleccionada polo Comité das Rexións para contribuír coa súa experiencia a un seminario que se celebrará na capital de Grecia sobre cooperación transfronteiriza na Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/04/2018 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín foi seleccionada polo Comité das Rexións para contribuír coa súa experiencia ao debate sobre o papel que as AECT desempeñarán no futuro da Unión Europea. O ente transfronteirizo participará nun seminario que terá lugar en Atenas (Grecia) durante os días 3 e 4 de maio e que reunirá ás autoridades e expertos máis destacados en cooperación transfronteiriza da UE.

Sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín.
Sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín.

Baixo o titulo "The EGTCs contribution to the debate on the future of Europe” (A Contribución das AECTs no debate sobre o futuro de Europa), a AECT Eurocidade Chaves-Verín, representada polo seu director executivo, expoñerá xunto a dous AECT europeas máis: a AECT Estrasburgo- Ortenau (entre Francia e Alemaña) e a AECT Eurometropole Lille- Kortrijk- Tournai (Francia e Bélxica), o seu modelo de cooperación de proximidade e as actividades desenvolvidas nos últimos anos como beneficiario principal de proxectos financiados polo programa Interreg España-Portugal coa axuda do FEDER.

Este seminario reunirá as autoridades e expertos máis destacados en cooperación transfronteiriza da UE, entre eles: o Servizo Europeo de Iniciativas transfronteirizas (CESCI), representantes da Dirección de Política Rexional da Comisión Europea, do Comité das Rexións, do goberno heleno e doutras experiencias de cooperación gregas.

Desta maneira, Chaves-Verín reforza o seu papel de actor principal na cooperación europea denominado como Laboratorio de integración Europea.

Para o Comité das Rexións, a AECT Eurocidade Chaves-Verín representa o modelo real de integración de proximidade. Unha eurocidade que influenciou aos seus cidadáns cara un sentimento de pertenza a unha mesma comunidade, representando principios como a subsidiariedade, a proporcionalidade, a solidariedade e a cooperación que a UE establece nos seus tratados, garantindo un desenvolvemento social e inclusivo de todo o territorio, independentemente ao lado da fronteira que ocupe.

A Eurocidade Chaves-Verín logrou constituírse como AECT no 2013, dotándose de personalidade xurídica propia en Portugal e en España. Desde a súa constitución, logrou avances coa xestión compartida de servizos grazas á posta en valor do cartón do cidadán, a creación do destino de fronteira Chaves-Verín “a Eurocidade da auga”, a creación da Rede de Postos de turismo, a realización de estudos de viabilidade sobre xestión hospitalaria, de transporte e de recollida de residuos en todo o territorio de fronteira. Estes logros fixérona gañadora do premio Regio Star 2015 ao mellor proxecto de cooperación da UE.

Nestes momentos, Chaves-Verín é beneficiaria de dous proxectos Interreg España-Portugal 2014-2020 coofinanciados por fondos FEDER por valor de 1,4 millóns de euros, cun período de execución ata 2019, e está a traballar na expansión da súa personalidade xurídica a todos os municipios do Alto Támega transfronteirizo (CIM- AT e Mancomunidade de Verín).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta