Propoñen análises de drogas e alcol para poder recuperar o carné de conducir

Expertos da Universidade de Santiago de Compostela realizan un estudo piloto para identificar aqueles condutores que consomen estupefacientes e psicotrópicos e queren recuperar a licenza perdida. Propoñen aplicar análises de cabelo e probas psicolóxicas aos que realizan o curso de sensibilización e reeducación viaria tras perder todos os puntos.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 09/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Análises de cabelo e probas psicolóxicas combinadas para detectar consumo de alcol ou drogas. Estas son as medidas que aconsellan aplicar expertos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para os condutores que perderon as súas licenzas e pretenden recuperalas. Actualmente, a normativa só impón someterse a un curso de sensibilización e reeducación viaria e superar un exame posterior.

Coche interceptado en Lousame que duplicaba a velocidade permitida.
Coche interceptado en Lousame que duplicaba a velocidade permitida.

A proposta parte de Elena Lendoiro, Ana de Castro, Cristian Jiménez Morigosa, Xosé A. Gomez Fraguela, Manuel López Rivadulla e Angelines Cruz, da Sección de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses e do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC. E baséase nos resultados das análises feitas por estes expertos a condutores que perderon os seus permisos de conducir.

A implementación da licenza de conducir baseada en puntos contribuíu, en xeral, a cambiar o comportamento dos condutores e relaciónase coa redución de accidentes de tráfico e mortes nas estradas de toda España. Con este sistema, cando se perden todos os puntos a licenza de conducir é revogada e o condutor debe inscribirse nun curso de sensibilización e reeducación viaria de recuperación do permiso de condución de 24 horas. Se supera a proba de control de coñecementos sobre as materias impartidas no curso, o condutor recupera a licenza.

Nese proceso, os infractores non se someten a ningunha proba para confirmar que non consomen alcol ou drogas, algo que os investigadores da USC consideran necesario, tendo en conta que o 9% dos condutores en España perden a licenza por conducir baixo a influencia destas substancias, segundo aportan no seu estudo.

ESTUDO PILOTO EN GALICIA

Co obxectivo de comparar a utilidade das probas psicolóxicas e a análise do cabelo para identificar as persoas cun consumo crónico de alcol e drogas, entre os condutores que realizan os cursos de sensibilización e reeducación viaria, os expertos da USC realizaron un estudo piloto cun grupo de 61 voluntarios —cunha media de idade de 37 anos— que estaban realizando o devandito curso en Santiago de Compostela, Ourense e Ferrol. O estudo foi financiado pola Dirección General de Tráfico (DGT), do Ministerio do Interior.

No test AUDIT (proba de identificación de trastornos relacionados co consumo de alcol), a puntuación media en máis da metade dos casos (52,4%) foi de 9,6, isto é, por enriba do 8, valor que marca o que se considera consumo de alcol perigoso e nocivo.

A puntuación media de todos os participantes no cuestionario de proba de detección de drogas (DAST-10) foi de 2,9, pero no 21,3% dos casos se detectaron valores iguais ou superiores a 6, que indica abuso ou dependencia de drogas.

No que se refire ás análises de cabelo, 22 mostras foron positivas en etilglucurónido (marcador para o consumo de alcol). A concentración de etilglucurónido foi de entre 20,7-1254,1 pg/mg, mostrando 21 casos (34,4%) niveis máis altos que o límite que marca a Society of Hair Testing (SoHT) para o consumo crónico de alcol (≥30 pg/mg). 

Para a detección de drogas foron analizadas 17 mostras, das cales o 58,8% foron positivas, sendo a cocaína a más detectada: oito casos de abuso de cocaína, dous de opioides, dous de metadona, un de anfetamina e outro de cannabis; tamén se detectou en tres casos abusos de antidepresivos e noutro de benzodiazepinas.

Todos os casos positivos de metadona e cannabis, e a metade dos casos positivos de opiáceos e cocaína presentaron concentracións máis altas que os límites que marca a SoHT para o consumo crónico.

A maior puntuación nas probas psicolóxicas e unha maior concentración de etilglucurónido no cabelo asociáronse estatísticamente coa declaración dun consumo de alcol por enriba de catro veces ao mes e cunha multa previa por conducir baixo os efectos do alcol. Ademais, as puntuacións do test AUDIT e a concentración de etilglucurónido no cabelo tiveron unha correlación significativa, apuntan os autores da investigación.

Os expertos da USC consideran que a combinación de probas psicolóxicas e análises do cabelo pode ser unha ferramenta eficaz para identificar as persoas con consumo crónico e problemático de alcol e abuso de drogas, e a súa aplicación podería aumentar a eficacia dos cursos de sensibilización e reeducación viaria, reducir a reincidencia e mellorar a seguridade viaria.

Os resultados do estudo piloto preséntanse na revista Forensic Science International, nun artigo  titulado 'Usefulness of hair analysis and psychological tests for identification of alcohol and drugs of abuse consumption in driving license regranting'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta