O presidente do Parlamento galego lembra que os deputados deben ser "exemplares no ámbito público e no privado"

Miguel Santalices remarcou que "a ética debe sempre estar por enriba da política". Fíxoo na entrega das Medallas do Parlamento, entregadas este ano a Cáritas, Aldeas Infantiles e Cogami.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2018 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, aproveitou este venres a entrega das Medallas do Parlamento para lembrar a "obriga de exemplaridade" dos deputados, "no ámbito público e tamén no privado". "A ética sempre por enriba da política", proclamou. Esta fíxoa nun escenario político marcado en Galicia polo incidente coa Policía na que se viu implicada a parlamentaria de En Marea Paula Quinteiro e materializouna nunha entrega de galardóns de "marcado acento social". Non en balde, as tres entidades recoñecidas son Cáritas, Aldeas Infantiles e Cogami.

Entrega das Medallas do Parlamento
Entrega das Medallas do Parlamento | Fonte: Europa Press

Ante numerosas autoridades, lembrou outras "obrigas" dos representantes do pobo galego, tales como "o esforzo, rigor e coherencia" no traballo diario, a procura do entendemento, a de "respectar o adversario político, xamais inimigo" e a de "respecto escrupuloso" ao marco normativo e institucional.

No marco dunha entrega que se realiza o 6 de abril, como conmemoración da promulgación do Estatuto hai 37 anos, Santalices tamén incidiu na "obriga de respectar a separación de poderes, esencial para salvagardar a democracia", e a de "acatar as decisións xudiciais". "Obriga, en suma, de responder á confianza que os galegos entregaron nas urnas", resumiu.

"MARCADO ACENTO SOCIAL"

Na terceira edición destas Medallas, tamén resaltou que se avanza "pola senda da recuperación", aínda que precisou que esta non será "completa" nin hai que "darse por satisfeitos" mentres que os efectos positivos "non se estendan a cantos o precisan".

Ao tempo, incidiu no "marcado acento social" das entidades premiadas, para as que non escatimou en eloxios. Así, de Aldeas Infantiles remarcou que "supuxo un radical cambio de paradigma, deixando atrás o modelo dos vellos hospicios e apostando sen complexos pola tenrura e os estímulos positivos".

Despois de recoller o seu premio, o presidente de Aldeas Infantiles, Pedro Puig, dedicou a Medalla aos nenos que "co seu esforzo diario" e a pesar das dificultades son capaces de "integrarse" e de converterse "en pais e nais exemplares".

"SOCIEDADE MÁIS AMIGABLE E HUMANA"

De Cáritas, Santalices destacou o seu papel e incidiu en que "lamentablemente" os recursos públicos "non resultan suficientes para atender a cuantos necesitan apoio nos momentos de dificultade". Os directores das distintas delegacións de Cáritas en Galicia recolleron as súas distincións.

A continuación, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, agradeceu e reivindicando o labor de quen integran os equipos de Cáritas, "o rostro laico" da Igrexa. Tamén defendeu a "caridade" sen esquecer "as esixencias da xustiza", e avogou por traballar para ter "unha sociedade máis amigable e humana".

Finalmente, da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), o presidente do Parlamento destacou que, no seu "relativamente curta historia", a entidade demostrou "con feitos o enorme potencial das persoas con discapacidade". "Persoas como nós, pero con capacidades diferentes", apostilou.

O presidente de Cogami, Anxo Queiruga, recoñeceu que é "unha profunda honra" recibir esta distinción, á vez que instou a que se integre a perspectiva da discapacidade nas distintas actuacións sociais.

"CAUDAL DE SOLIDARIEDADE"

No acto, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que "sempre é oportuno" premiar aos que encamiñan "o caudal de solidariedade" que ten o pobo galego, e destacou a traxectoria das distintas organizacións galardoadas.

"Todas elas son parte do noso país. Hoxe o Parlamento premia palabras e feitos. Cando Aldeas Infantiles fala de solidariedade, cando Cáritas se refire ao compromiso ou cando Cogami alude ao seu traballo social, podemos afirmar que estamos ante realidades sensibles, visibles e tanxibles", afirmou.

Non en balde, fixo fincapé en que "inclusión" é a palabra que asocia ás organizacións solidarias de Galicia con este Parlamento. "O noso Parlamento inclúe, e as tres entidades que aplaudimos dedican o seu esforzo a incluír. Fano, ademais, sen esquecer que a verdadeira inclusión xamais esquece esa parcela fundamental de todo ser humano que é a dignidade", esgrimiu.

Ao acto acudiron numerosas autoridades, como o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; ex-presidentes do Parlamento e numerosos conselleiros, así como os portavoces de todos os grupos parlamentarios con representación no Pazo do Hórreo e deputados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Que esta xentiña fale de ética,inclusión social,independencia xudicial,conduta exemplarizante...é un insulto á intelixencia de todos os que escoitan.Dimitide,entregádevos á Xustiza,e ilegalizade esa organización criminal...entón estaredes dando exemplo e deixando espazo para políticas de inclusión. social que on fagan depender aos excluídos da caridade de ninguén.A xente precisa e merece dereitos, non caridade.