Docentes temporais das universidades galegas cobrarán complementos

Entre os complementos que se aboarán están os de investigación e docencia. Isto supón que a Axencia para a Calidade do Sistema Unversitario de Galicia (ACSUG) acepte en parte as demandas dun recurso presentado no mes de xaneiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/04/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino anunciou a equiparación do persoal docente temporal das universidades galegas á hora de cobrar os complementos de investigación e de docencia. Isto supón que a  Axencia para  Calidade do Sistema Universit ario de Galiza (ACSUG) admita parcialmente o recurso presentado en xaneiro fronte á convocatoria que regula a avaliación previa para o cobro destes complementos autonómicos

Facultade de Historia da Universidade de Santiago
Facultade de Historia da Universidade de Santiago | Fonte: Iago Pillado en Wikipedia.

Esta aceptación parcial suporá que o persoal que cumpra os requisitos fixados no Decreto 55/2004, que regula os complementos autonómicos, poida cobrar case máis de 1.000€ ao ano no caso do complemento docente e sobre 900€ no de investigación. Non sucede o mesmo co da fixeza e estabilidade na praza que foi anulado tras o recurso do sindicato.

LÍMITES AO PERSOAL CONTRATADO

A ACSUG limitaba ao persoal funcionario e contratado doutor con carácter fixo e estábel o acceso ás convocatorias para a avaliación previa. Esa avaliación facíase antes da asignación de retribucións adicionais relativas aos complementos autonómicos de docente e investigador. Segundo CIG-Ensino, “a discriminación do persoal interino e colaborador, así como do profesorado axudante doutor, contravén as directivas da Unión Europea e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE, que obrigan a outorgarlle os mesmos dereitos ao persoal fixo e eventual que presta servizos nas administracións públicas”.

Na resolución da ACSUG, que estima parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Axencia accedeu a abrir un prazo adicional para que “o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor cuxa praza non sexa fixa ou estábel, poida acollerse a esta convocatoria”.

Segundo di CIG-Ensino "estamos diante dun feito que debe supor un antes e un despois na actual discriminación retributiva entre o persoal con emprego fixo e temporal nas tres universidades galegas". Con todo desde a forza sindical, temen que ACSUG queira limitar os efectos deste recurso á figura do persoal interino. Así podería deixar fóra outros perfís de contratación como o persoal colaborador ou o axudante doutor, figuras tamén incluídas na demanda sindical.

A ACSUG antes de ditar esta resolución consultou a súa actuación coa Asesoría Xurídica da Consellaría de Educación. Segundo fontes sindicais, na resposta da administración indícase que “tendo presente a reclamación do sindicato, deixaría de aplicarse o requisito da praza fixa e estábel”, polo que para a CIG-Ensino "está claro que a decisión adoptada conta coa aprobación da Xunta de Galiza".

NOVOS PRAZOS PARA PRESENTAR DOCUMENTACIÓN

Chegados a este punto, a ACSUG terá que abrir un novo prazo para que poidan presentar a documentación pertinente as persoas con contrato temporal inicialmente excluídas. Isto traduciríase en que en próximas datas publicarán unha resolución no DOG anunciando o novo prazo para o persoal cunha praza non fixa ou non estábel. Para accder aos complementos aceptados pola Axencia deberanse cumprir os puntos descritos no Decreto 55/2004. Estes puntos son:
   Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas
   Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
   Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
   Presentar unha memoria de autoavaliación.
   Para o recoñecemento do complemento ao labor investigador
   Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas galegas
   Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza.
   Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
   Ter presentado na Universidade un traballo de investigación que, sendo xulgado por un tribunal avaliador, lle teña outorgado o grao de doutor.
   Presentar unha memoria de autoavaliación na que consten os méritos investigadores do ou da solicitante.

NEGOCIACIÓN SOBRE AS NORMAS

Por outra banda, a CIG dirixiuse ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para que convoque a Mesa Sectorial de Universidades. Búscase negociar a modificación do Decreto 55/2004, que quedou parcialmente alterado logo da demanda presentada. A central sindical busca que todos os colectivos de persoal docente e investigador estean recollidos expresamente no Decreto. Para iso tamén queren modificar o II Convenio Colectivo de PDI Laboral en todo o relativo con esta norma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta