A serie 'Fariña', revolución ou castigo para o audiovisual galego?

O éxito desta teleserie, levada por unha produtora radicada en Madrid pero dirixida por galegos, fai preguntarse se a produción audiovisual galega está nun bo momento ou se é un terreo aboado para producir a baixo custe.

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/04/2018 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A industria audiovisual é un sector moi atractivo. Cada ano queren ingresar centos de novas e novos profesionais, en todos os seus ámbitos, desde a actuación, produción, edición, dirección ou distribución. Pero o mercado non dá absorbido toda a oferta e iso que é moito máis aberto agora coas novas cadeas de TV, plataformas dixitais e a industria cinematográfica. Non obstante é iso, un mercado e como tal, non esquece que hai unha meta, os beneficios e se é posible, telos ao menor custe posible.

Actividades no Laboratorio Audiovisual de Vedra
Actividades no Laboratorio Audiovisual de Vedra

Quizais por iso os diferentes  sectores que compoñoen o audiovisual en Galicia están tomando conciencia da súa posición. Tamén das carencias que como segmento industrial lle afectan e por iso, desde hai anos tomaron conciencia e foron unindo forzas.

AS ORIXES

A aparición da Compañía de Radio e Televisión de Galicia, CRTVG, trouxo canda si a posibilidade da creación propia en galego. Isto propiciou o nacemento das primeiras produtoras que quixeron aproveitar o “tirón”. Así botaron man de persoal que sendo de aquí, se formou fóra no caso dos máis especializados. Logo aproveitaron a canteira de actores e actrices que xa se estaba creando na escena galega.

Deste xeito, cunha falta de “tradición” empresarial ou productiva no campo do que falamos, as expectativas ao mellor se puxeron moi altas. Pero co paso do tempo as diferentes especialidades no terreo audiovisual comezaron a sentir que a carga de traballo era maior e os salarios ou beneficios, non experimentaban a mesma suba. “Os prezos e salarios non cambiaron moito desde hai tempo, por iso as produtoras de fóra de Galicia veñen aquí e ven que hai  profesionais moi cualificados cunhas condicións salariais que variaron  moi pouco” di Andrés Rozados, produtor.

O MÉTODO

Como en todas as profesións e traballos, existen fórmulas que permiten a redución de custes e alongar os orzamentos ata o máximo que dean. O primeiro dos métodos é facer contratos aos artistas co salario mínimo establecido polo convenio. A isto engadir que hai tácticas como que actores secundarios non figurarán pero si traballarán como reparto, é dicir, estes actores e actrices teñen moi poucas frases pero aparecen como actores e actrices sobre os que recaen papeis de peso.

Iria Sobrado, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) di que tamén é habitual que “haxa actrices e actores que descoñezan o convenio” e que por iso desde a Asociación ofrecen asesoramento legal. Preguntada sobre se é barato producir audiovisual en Galicia, Sobrado respode “si, é máis barato que noutros lugares do estado, por que? Non che sei dicir, pero por exemplo, hai produtoras que veñen de fóra e cumpren cos convenios”. 

Outra técnica empregada é a da contratación de traballadores e traballadoras como autónomos, pero que ao final acaban sendo falsos autónomos. “Isto pode facer que ás veces a calidade do produto puidera non ser a esperada, pero ao final o produto sae para adiante” di Andrés. Ademais, tamén está a manobra das prácticas de empresa. Estas prácticas, en teoría para formar novos e novas profesionais, son un recurso moi utilizado para reducir custos. Así poden prolongar o estado de “prácticas” durante un tempo grazas a diferentes ofertas de bolsas.

Esta formación práctica moitas veces está acompañada dunha remuneración, case sempre moi baixa, que a empresa pode solicitar ao fondo que promove a formación. Pero tamén hai casos onde as empresas non ofrecen remuneración. Algúns profesionais consultados por Galicia Confidencial consideran que este apartado debera estar máis regulado.

A temporalidade é outro factor cun grande peso no desenvolvemento de carreiras profesionais, sobre todo no terreo da actuación. Un proxecto pode durar tres meses e outro semellante pode durar dous grazas ás novas tecnoloxías. A redución de prazos na materialización dos traballos fai que actores e actrices teñan que andar xogando coa axenda para ir tomando nota das novas posibilidades que se podan abrir en canto filmes, series etc. Falamos entón de incerteza laboral.

Sobre os guionistas, Enrique Lojo da directiva da Asociación Galega de Guionistas, AGAG, o sistema de contratación pasa por un convenio colectivo de contratación do ano 2015. "O problema é que falamos dunha táboa salaria que afecta a guionistas por conta allea, figura pouco común en Galicia e no resto do Estado, onde a maioría de nós, sobre todo guionistas de ficción traballamos no réxime de autónomos". Lojo di que tamén se dá a contratación de "axudantes de guión" en vez de contratar guionistas e remarca que "a TVG non contempla a figura de guionista no seu cadro de traballadores".

A VISIÓN DESDE DENTRO

A falta de estruturas que amparen certos campos profesionais dentro do audiovisual é unha das primeiras demandas das persoas envolvidas neste ámbito. O caso é que si existen asociacións, mesmo algunhas funcionan case como sindicatos, na defensa dos convenios de cada sector. Pero o que botan de menos é que esas estruturas se formen como asociacións que establezan tarifas para soportar e axudar na defensa dos dereitos deste sector, apuntan algúns técnicos de posprodución e edición.

A día de hoxe as diferentes asociacións como a de actores e actrices (AAAG) ou a de directores e produtores (CREA), levan adiante accións que promoven a defensa duns salarios dignos, condicións dignas e por tanto, o desenvolvemento da súa profesión de maneira que supoña un exercicio laboral sen riscos.  Non obstante, cada departamento ou área é un mundo, segundo se recolle de diferentes declaracións recollidas para este traballo. Polo que se considera unha tarefa difícil a coordinación entre as diferentes áreas para crear un marco común de resposta.

Ao final hai profesionais que deciden alonxarse por longos períodos ou irse definitivamente do sector. “Cada vez quero desvincularme máis do audiovisual” declara unha produtora, de baixa agora por cuestións de saúde.  A presión no medio segundo outros traballadores pode crear a síndrome do “traballador queimado”. Non obstante, tamén hai persoas que deciden a día de hoxe comezar e seguir para adiante. É o caso de Inés Pérez, participante no último Carballo Interplay. “O que vin foi moita ilusión e moita ilusión por parte das persoas que coñecín nese encontro”. Ademais considera logo da súa experiencia, que é doado poder entrar”

Enrique Lojo considera que a figura do guionista tería que "poñerse en valor e recoñecer o noso traballo como creadores e se nos mencione como parte esencial das obras, algo que non sucede habitualmente".

LOGO DALGÚNS ANOS

As protestas xurdiran cando se estaba gravando a serie El Faro, unha coprodución con diñeiro público de diferentes cadeas e tamén algunha privada. O caso foi que se comezaron a presentar denuncias sobre a baixa remuneración económica para actores e actrices. O outro aspecto era que a produción, ao ser cofinanciada ao 50% pola CRTVG, debería reflectir o contexto social e cultural onde se desenvolvía, que era o galego.

Logo deste caso, as diferentes partes que compoñen a industria, déronlle forma a unha unidade que antes non era moi visible e que agora está dando pasos cara a súa consolidación. Non obstante, de cara unha mellora na calidade de vida para os e as traballadoras, faltan aínda camiños por percorrer e que están dando os primeiros froitos logo de décadas sen que se vise claro como facelo.  Por tanto, aínda que os custes das licenzas para rodar sexan dos máis baratos, os custes en salarios sexan tamén dos máis baixos, é posible que nestes momentos os compoñentes do audiovisual galego estean dando pasos cara unha nova forma de facer e entender o seu traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gutier Rolán

CREA non é a asociación de directores e produtores, é a Asociación Galega dos Profesionais da Realización e da Dirección. As persoas produtoras teñen a súa propia asociación.

1 Gamela

Só restan catro capítulos de Fariña !!!