Pepe Carreiro: “Se se fai ben, o cómic pode ser un cabalo de Troia para introducir o galego en ambientes hostís”

É un dos grandes ilustradores galegos e, quizais, o que máis sona está tendo nos últimos anos, en parte, debido ao éxito de 'Os Bolechas'. “Contar a historia de Galicia a nenas e nenos é, ademais, moi necesario para que saiban que neste territorio sucederon cousas importantes”, asegura nesta entrevista.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Pepe Carreiro traballou de debuxante e director de arte en varias axencias de publicidade de Vigo, fundou con outros socios unha axencia e ten un estudo propio desde os anos 90. Fundou as revistas Can sen Dono e XO! "; publicou dous libros de humor gráfico: Fraga na Galiza (Laiovento) e Mellor que onte, pero mellor que mañán (Fervenza).

Capa de Os Bolechas, de Pepe Carreiro
Capa de Os Bolechas, de Pepe Carreiro

De feito, definese como humorista gráfico e ten publicado viñetas e tiras en numerosos medios. Como debuxante e guionista de banda deseñada publicou tres álbums da serie Os Barbanzóns: Baroña ou morte, Non solpor da prehistoria e A noite de Samaín; un álbum sobre Galicia nas guerras napoleónicas: A retirada de Sir John Moore e Historia de Compostela (Toxosoutos).

O seu maior éxito foi a creación da serie infantil Os Bolechas editada primeiro por A Nosa Terra e actualmente por Bolanda Edicións e Marketing e que deu o salto do papel a outros múltiples formatos, como espectáculos para teatro, discos, unha serie de televisión e agora está xa no mercado portugués. De feito, grazas a esta serie, milleiros de nenos  e nenas tiveron o seu primeiro contacto co galego. “O galego penetra mesmo en lugares onde non é ben recibido, pero para iso ten que estar ben escrito e o cómic tratar temas e debuxos que nin o máis recalcitrante españolista poida resistirse a ver”, asegura.

Descarta que o éxito chegue así porque así e suliña que “o éxito maior é levar moitos anos neste oficio”. “Os Bolechas son como unha especie de eclipse que agachou o resto do meu traballo. Creo que ninguén sabe xa que eu son humorista gráfico”, lembra.

Para Carreiro contar a historia de Galicia a nenas e nenos é, ademais, “moi necesario” para que saiban que neste territorio, di, “sucederon cousas tan importantes ao longo dos séculos como en calquera outra parte do mundo: contruír hórreos, por exemplo”.  Sobre o mercado galego do cómic é contundente; “é moi cativo e por riba compite cun monstro de sete ou vinte cabezas que é o libro en español. Ser un best-seller en Galicia dá a risa, porque as tiraxes son liliputianas”, asegura.

O ilustrador Pepe Carreiro
O ilustrador Pepe Carreiro | Fonte: Biblioteca IES Laxeiro

Carreiro participa este venres na segunda conferencia do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que terá lugar no Museo Interactivo de Lugo (MIHL) ás 20.00 horas.

Levas máis dun millón e medio de libros vendidos e máis de 550 títulos no mercado. Cal é o éxito de Pepe Carreiro?

Primeiro, o éxito maior é levar moitos anos neste oficio, aínda que non sei se iso se pode chamar éxito con exactitude. Segundo, moitos deses títulos son cadernos para colorear, etc., non libros en sentido estricto. Pero é certo que levo publicado moito. Nisto de ter boa acollida do público non hai fórmulas, pero penso que un ingrediente imprescindíbel é traballar con gañas e iso non me falta.

Parte deste éxito é debido aos Bolechas. Por que cres que tiveron tanto tirón entre os máis pequechos?

Os Bolechas son como unha especie de eclipse que agachou o resto do meu traballo. Creo que ninguén sabe xa que eu son humorista gráfico, por exemplo. Como dicía, para o éxito non hai fórmulas. Eu fago os libros dos Bolechas con moita ilusión, especialmente os da colección clásica: contos de pequeno formato e 24 páxinas, cunha aventura que se pode ler practicamente só coas imaxes, polo que hai moitos lectores, nenas e nenos, que aínda non saben ler, pero “len” os libros desta familia. Utilizo o humor neles e mesmo a comicidade, tamén uso cores planas e composicións comprensíbeis. Os textos son moi breves e con frases moi sinxelas: suxeito verbo e predicado. Os personaxes “viven”, teñen emocións: rin, choran, berran… e teñen problemas que resolver: arranxar un autobús de cartón, darlle de comer a un gato, bañarse xuntos na bañeira, etc. Supoño que todos isto ten algo que ver coa súa boa acollida.

Sempre se fala de que o galego é un problema á hora de vender cómic. Tes ti esa percepción?

O galego penetra mesmo en lugares onde non é ben recibido, pero para iso ten que estar ben escrito e o cómic tratar temas e debuxos que nin o máis recalcitrante españolista poida resistirse a ver. Se se fai ben, o cómic pode ser un cabalo de Troia para introducir o galego incluso en ambientes hostís. Eu son consciente de que os libros dos Bolechas penetran en familias refractrarias ao galego, pero se os fillos os levan á casa, que se lle vai facer?

Podes ler toda a entrevista no medio colaborador Historia de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Undopobo

Pois eu son un deles, un deses "recalcitrantes españolistas" como tí dis, e na miña casa, os meus fillos len en castelán e un pouquichiño en inglés. Tampouco vemos a TVG nin escoitamos a Radio Galega. Mágoa non ter a opción de escoller o español como língüa vehicular xunto co inglés e deixar ao galego para a clase desta asignatura. E iso non é por autoodio nin por cousa semellante. Os meus amigos e os amigos dos meus pícaros, os amigos deles, a miña muller (que non é galega), a miña familia (e por suposto a dela), malia ser galegos temos como língüa propia o español, polo tanto, non precisamos da lectura en galego e por iso non mercamos libros no idioma rexional. O galego non nos aporta nada que non faga xa o español.

1 Serafín

Que será o autoodio? "Non precisamos", " non nos aporta nada" "o idioma rexional". " Por suposto", de onde será idioma rexional" o "español"? E postos, deixade o paletismo, pasádevos de vez ao idioma internacional ou universal, o inglés como " língüa propia" (sic) da túa casa, dos teus e do españolismo recalcitrante. Ou tedes as esencias patrioteiras no voso "idioma rexional"?

2 Undopobo

Non sei a razón deses entrecomillados. Non precisamos o galego porque no noso día a día non é necesario que falemos galego para nos comunicar; raro é que na nosa contorna alguén nos fale en galego e si o fai, non hai problema: todo o mundo o entende e sempre contesto na miña língüa propia: o español. O de non aportar nada refírese a que a gran maioría dos libros que lemos tamén están en español e os que só están en galego, non merece a pena mercalos. En xeral a calidade literaria, ou o interés dos mesmos e os seus autores, dista anos luz. E respecto do idioma rexional, se queres chámolle minorizado a ver se non te alporiza tanto este termo. Iso é o galego, un idioma rexional minorizado. Non sei pero semella que es un pouco intolerante. Non hai sentimentos adversos hacia o galego, coma non os hai hacia a muiñeira, o pulpo á feira ou calquera outro obxeto, cultural ou non. Saúdos.