Delegado do Goberno e militares rexeitan de novo comparecer na comisión de incendios

Fano despois da insistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno, Santiago Villanueva, e a unidade militar de emerxencias (UME), dependente do Ministerio de Defensa, emitiron senllas cartas con data dos pasados días 10 e 11 de abril. A primeira, do tenente xeral xefe Miguel Alcañiz Comas, en nome da UME, indica que "persisten os mesmos motivos de dependencia e de suxección administrativa" que lle fixeron "declinar" a primeira petición.

Comisión de incendios no Parlamento galego
Comisión de incendios no Parlamento galego | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, Villanueva, delegado do Goberno en Galicia, reitéralle a Santalices "a non procedencia da comparecencia de cargos da Administración Xeral do Estado nas comisións dos parlamentos autonómicos". Xunto a isto, tamén apunta que espera que "a documentación remitida no seu día sexa de utilidade" para a comisión. A propia comisión rematou o calendario de comparecencias e que agora terá que elaborar as súas conclusións.

Mentres, o xefe da UME recalca "o máximo respecto" desta unidade "polo labor dos parlamentos autonómicos", pero sinálalle que "persisten os motivos" despois de "elevar consultas" respecto diso. Por último e xa redactado a man, o tenente xeral xefe manda "un forte abrazo" a Santalices e engádelle que "se vén por Madrid" estarán "encantados" de que visite a unidade.

Da listaxe de comparecentes que configurou a comisión, non se produciron nin a de Santiago Villanueva, nin a dalgún representante da UME, nin tampouco a dun responsable da pasteira Ence, con fábrica de celulosa en Lourizán, na ría de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Esta tropa ignora o parlamento galego. Como o Real Madrid cando quería que se xogase aquel partido en Balaídos, tratan aos demáis como súbditos provincianos. Pero en Madrid son máis pobres que en calquera aldea da nosa terra. E o gafas no que mallaban todos os nenos na escola aí o temos, facéndose o estirado representando aos imperialistas fracasados. De circo.