Temas: INCENDIOS

Tendencia dos incendios en Galicia: cada vez menos hectáreas queimadas pero lumes máis intensos

O director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picosnecesidade, avisa da necesidade de prepararse “para grandes incendios en áreas densamente poboadas”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Un gran lume, sumado ao abandono dos terreos próximos, fai as zonas xa afectadas “máis sensibles a sufrir un novo e máis intenso incendio pasados uns anos”. Deste xeito, os lumes de hoxe poden converterse nos “pais dos lumes de mañá”. Así o alertou o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, no marco da segunda reunión de traballo sobre xestión de perigos naturais do proxecto Net Risk Work (Networking for the European Forest Risk Facility Initiative), impulsado polo EU Civil Protection Mechanism que se celebra en Cerdeña (Italia).

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Picos aludiu na súa presentación a que os “grandes episodios de lumes” traen tamén como consecuencia un “incendio en verde”, o abandono de áreas non afectadas, pero anexas ás queimadas, o que “leva a unha homoxeneización do terreo que o fai máis sensible a sufrir un novo grande incendio” pasado o tempo.

“Podería dicirse que o lume ten memoria”, engadiu Picos na súa intervención neste encontro, que xunto ás conferencias de Alberto Ferrando, alcalde de Quiliano, e Pablo Forruci, da Fondazione CIMA, e do representante da Forestry Comission británica Rob Gazard, serviron como punto de partida a un dos grupos de discusión do encontro.

Dirixido a promover o intercambio de coñecementos e a creación de redes en torno aos catro perigos naturais que centran a reunión, un dos propósitos desta iniciativa é promover unha mellor comprensión de como interactúan estes perigos nun contexto de cambio climático. De aí que o investigador do campus pontevedrés abrise o seu relatorio, centrado no factor humano e no impacto social dos lumes e que prestaba especial atención aos que azoutaron Galicia o pasado mes de outubro, incidindo na evolución destes fenómenos.

GALICIA

Nese senso, Picos aludiu na súa presentación a como “a tendencia en Galicia” é a unha redución da superficie total queimada nos “episodios máis desfavorables”, citando como exemplos as 200.000 hectáreas que arderon en 1989 fronte ás 90.000 de 2006 e as 60.000 do pasado ano. Mais se ben a superficie total é menor, “a intensidade destes lumes e maior”, afectando cada vez a unha maior cantidade de terreo “en menos días de lumes moi intensos”.

Do mesmo xeito, Picos tamén incidiu na necesidade de prepararse “para grandes incendios en áreas densamente poboadas”, lembrando precisamente o caso dos lumes que afectaron á contorna de Vigo en outubro, e na importancia de traballar en maior medida cos propietarios forestais. “Necesítase unha maior empatía, porque son imprescindibles para unha xestión preventiva do territorio”, engadiu este experto, que tamén achegou a este grupo de traballo información sobre diferentes estudos que amosan “efectos moi duradeiros” destes lumes na saúde das persoas que residente en áreas afectadas.

Temas: INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta