Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/04/2018 | Actualizada ás 09:00
A mostra leva o nome “Carlos Velo. A volta a Cartelle, 1967” e na mesma poderanse ver retratos e fotografías que fixo o cineasta galego logo de case tres décadas de exilio no lugar onde naceu e viviu a súa infancia. Esta exposición está organizada pola Fundación Carlos Velo e a inauguración será este martes 17 de abril ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade.
O acto estará presidido pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez. Tamén participará a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; e o comisario da mostra Enrique Acuña.
En palabras do propio Enrique Acuña, a exposición fala de Carlos Velo facendo “unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e mocidade, para levar de volta a México a memoria da súa terra”. A idea de mostrar este conxunto de imaxes naceu en 2017 cando se cumpriron os cincuenta anos da visita de Velo a Os Pereiros.
A exposición confórmana 42 fotografías seleccionadas dun total de medio cento de imaxes realizadas polo propio Carlos Velo na súa aldea natal, Os Pereiros, en 1967. Este conxunto de imaxes, é segundo a opinión de Enrique Acuña “unha das mellores mostras da fotografía galega do século XX".
As visitas poderán facerse ata o 25 de maio en horario de luns a venres de 17:00 a 20:30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.