Un século sen lavar a cara de Rosalía

A concelleira Goretti Sanmartín propón que se limpe a escultura de Rosalía de Castro en Santiago. Despois de cen anos consideran preciso a eliminación da sucidade acumulada sobre o conxunto.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/04/2018 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

Logo dun século á intemperie, a representante do BNG no concello de Santiago considera que todo o conxunto escultórico precisa dun proceso que elimine a sucidade que acumula a pedra de Novelda e o mármore de Carrara cos que foi erixido. Para que isto se faga, a concelleira Goretti Sanmartín Rei proporá no vindeiro Pleno a limpeza da obra situada na alameda de Santiago de Compostela.

Valentín García, Anxo Angueira e Martiño Noriega, entre outros participantes, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Compsotela
Valentín García, Anxo Angueira e Martiño Noriega, entre outros participantes, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Compsotela | Fonte: EP

A escultura en homenaxe a Rosalía de Castro é obra do arquitecto Isidro de Benito, do escultor Francisco Clivillés e dos irmáns Giménez como mestres de obra. A petición para erixir este monumento  foi realizada en 1917 por subscrición popular. Considérase preciso un proceso de limpeza non daniño para a pedra de Novelda e o mármore de Carrara, cos que foi realizado o monumento, e así recuperaren a súa beleza orixinal.

Esta obra dispón dun peche de planta cuadrangular cos ángulos redondeados que acolle unha zona de xardín. No centro do mesmo érguese o monumento formado por un elemento vertical a modo de fuste con dous grupos escultóricos nos lados leste e oeste. Culmina todo isto unha coroa que serve a un mesmo tempo de remate aos escudos da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense nos lados este, oeste, norte e sur, respectivamente.

A escultura de Rosalía, sentada e apoiando a cabeza no brazo dereito nunha actitude pensativa, foi realizada en mármore de Carrara. Aos seus pés, sitúase a placa conmemorativa “Galiza, a Rosalía de Castro de Murguía. MCMXVII”. No extremo oposto sitúase outro grupo escultórico conformado por un home e unha muller ataviados co traxe tradicional acompañados de versos da autora dedicados á emigración.

O monumento ten diversas placas: da Unidade Galega de Nova York dedicada á "cantora do pobo galego", do Centro Santiago de Compostela de Bos Aires (1934), da Peña Galega Manuel Murguía de Santa Fe (1959), do Centro Galego de Porto Rico en (1965) e de Cantigas e Agarimos (1971), entre outras, que tamén convén sometelas a un proceso de limpeza.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta