Aparecen 41 vacas e cabras en estado de descomposición tras ser abandonadas polo seu dono

Investigado o propietario por abandono de animais domésticos. Percibira unha subvención de 22.000 euros dentro das axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/04/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Guardia Civil investiga a un veciño de Ourense de 28 anos de idade por un delito de abandono de animais domésticos con resultado de morte, após achar os axentes nunha nave 41 reses falecidas, que poderían ser moitas máis, xa que non se puido verificar o número exacto. O mesmo veciño xa fora denunciado por feitos semellantes hai uns anos.

Reses mortas na nave de Ourense
Reses mortas na nave de Ourense

Segundo informou o Instituto Armado, o 13 de abril o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Guardia Civil de Ourense procedeu a tomar declaración en calidade de investigado a A.M.B, de 28 anos e veciño de Ourense, como presunto autor dun delito de abandono de animais domésticos con resultado de morte, "por non proporcionarlles durante un longo período de tempo, as necesidades básicas de coidado a un rabaño ovino e caprino".

Após realizar unha inspección nunha nave situada nunha leira da Lama, no municipio ourensán de Piñor, a Guardia Civil localizou 41 reses en avanzado estado de descomposición, "sen prexuízo de que o número puidese ser maior, dado os múltiples restos óseos esparexidos por toda a instalación", engaden as mesmas fontes.

O Seprona procedeu á recollida e xestión dos cadáveres e restos óseos, coa finalidade de "evitar calquera risco para a saúde pública", destaca a Benemérita.

OUTRA INVESTIGACIÓN

O investigado percibira unha subvención de 22.000 euros dentro das axudas para a incorporación de mozas á actividade agraria. Ademais, xa fora investigado no ano 2017 como presunto autor dun delito de abandono de animais domésticos con resultado de morte, por feitos ocorridos en Liñares, no municipio de Nogueira de Ramuín.

No marco da presente investigación colaboran o Seprona; Concello, Policía Local e Protección Civil de Barbadás, así como o Servizo de Gandería da Delegación territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta