Temas: MOCIDADE XUNTA

Será quen a mocidade de revitalizar o uso do galego?

A Xunta anuncia que o primeiro plan de dinamización do galego entre os mozos aprobarase este ano para "incrementar" o seu uso cotián. Román Rodríguez defende o sistema plurilingüe de Feijóo pero recoñece a "realidade" de que "a mocidade non usa a diario o galego como lingua maioritaria", situación que "hai que cambiar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2018 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou este martes o documento marco do primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, que se aprobará a finais de 2018, e que pretende "incrementar o uso da lingua propia de Galicia entre os mozos".

Presentación do primeiro plan de dinamización do galego entre os mozos
Presentación do primeiro plan de dinamización do galego entre os mozos | Fonte: Europa Press

E como pretende facer a Xunta isto?. Román Rodríguez explicou que o plan busca "dar visibilidade" ao galego en nove áreas, como son o deporte, as asociacións, o lecer --concertos e espectáculos--, as industrias culturais, a formación continua, a comunicación dixital e as redes sociais, o ensino, a familia e o emprego e emprendemento.

Dentro deles, tamén sinalou que se "proporán medidas" como o "establecemento de acordos con clubes deportivos" para que "incorporen a lingua galega nas súas comunicacións", así como a "promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos" e o "impulso da transmisión do galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais", entre outras.

OS MOZOS SON O FUTURO DA LINGUA

Na presentación, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, o conselleiro resaltou que os mozos "son o futuro da lingua galega", persoas que "incentivan e pretenden facer cousas" e que están "orgullosos de ser galegos e falar o idioma" da Comunidade. Por iso, destacou que "o galego necesita dos mozos".

Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.
Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.

Así mesmo, destacou que a lingua de Galicia é "culta, cunha historia que se remonta ao pergamiño Vindel" --copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV, contén sete 'cantigas de amigo' do trobador galego Martín Códax-- e cunha "gran transcendencia na literatura, nacional e europea". Así, apuntou que o galego ten "pasado e presente", pero "debe ter tamén futuro".

Por iso, subliñou que Galicia debe estar "orgullosa" de ser, a nivel autonómico, a Comunidade que "ten un maior coñecemento a nivel oral e escrito das destrezas propias" da súa lingua. Con todo, tamén sinalou a "realidade" de que "a mocidade non usa a diario o galego como lingua maioritaria", situación que "hai que cambiar".

Neste sentido, Rodríguez expuxo unha reflexión sobre "o que se di dos mozos" actualmente. Así, explicou que "sempre se escoita" que os adolescentes de agora "son pasotas e non teñen ilusión", algo que é "erróneo", porque en Galicia están hoxe "máis comprometidos" que antes.

No acto tamén estiveron presentes a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, que sinalou que "o futuro da lingua galega pasa polos mozos", que son os que "deben ser capaces de que chegue ao futuro de Galicia"; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

CREACIÓN CONXUNTA DO PLAN

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación apuntou que é necesario crear "medidas positivas", dentro deste plan, que traten de "convencer aos mozos de que o galego pode ser a lingua propia na que desenvolver a súa vida cotiá", en todos os ámbitos --"deporte, lecer ou relacións familiares", apuntou--.

Ademais, mostrouse "disposto" a "escoitar que pensan os mozos", para "pedir axuda" no deseño conxunto dunha "folla de ruta que posibilite que a lingua galega sexa un vehículo de comunicación cotiá".

Rodríguez tamén incidiu en que a pesar de "fomentar a lingua galega", é importante tamén respectar o resto de linguas, porque "os galegos non somos mellores nin peores que ninguén", polo que "non hai que enfrontarse aos demais". Finalmente, quixo resaltar a necesidade de que este plan "non sexa só dun goberno, senón que naza con formulacións, ideas e reflexións comúns", para que continúe e prolónguese no tempo.

GALICIA, MELLORES ÍNDICES DO ESTADO

O titular do departamento educativo da Xunta tamén lembrou ademais que o sistema educativo galego "garante o coñecemento" da lingua propia, coas "porcentaxes de coñecemento máis elevados da historia" nas distintas competencias --entender, falar, ler e escribir--.

Neste sentido, apuntou que a Comunidade conta con "os índices máis altos" das linguas cooficiais do Estado, polo que "é momento de fomentar o seu uso" e "apostar por ir máis aló do ámbito educativo", mediante a "creación de contextos que favorezan o feito de optar pola lingua propia de Galicia na vida cotiá dos mozos".

PARTICIPACIÓN

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, destacou que o plan é un documento "participado polas entidades que desenvolven a súa actividade no campo xuvenil".

Tamén apuntou que "para obter uns resultados satisfactorios" na súa aplicación "é necesaria a implicación de todos os sectores" aludidos.

SEGUNDO PLAN PARCIAL

O Goberno galego lembrou que este será o segundo plan parcial de dinamización da lingua galega derivado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), tras o elaborado en 2016 para a dinamización do galego no campo económico.

Deste xeito, tal e como indicou a Xunta, "desenvólvese o establecido" no PXNLG no que se refire ao sector social da mocidade, para o que "se propoñen obxectivos e medidas dirixidas a impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a xente nova".

Tatuaxe dunha moza na que defende a lingua galega a través dunha tatuaxe
Tatuaxe dunha moza na que defende a lingua galega a través dunha tatuaxe | Fonte: cinamomorosa
Temas: MOCIDADE XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 vojko

E a oposición que di sobre o plan? Como se van medir os resultados?

2 Tellas

Cousa fea de tatu.

1 Hedicho

Donde hay que centrarse es en las familias si en casa no lo hablan ya puedes gasrar el dinero en planes que ira cayendo