Os técnicos de cultura da Xunta: “Somos os peor pagados de toda España”

Súmanse ás protestas dos funcionarios da Xustiza e do Sergas e reclaman un incremento salarial, xa que din cobrar 500 euros mensuais menos que o mesmo persoal de concellos e outras autonomías.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional do Persoal técnico de arquivos, bibliotecas e museo (Arbimuga) representa aos traballadores da wscala do mesmo nome da Consellería de Cultura, Educación e O.U (área de cultura) da Xunta de Galicia. Un grupo de funcionarios que tamén se suma as protestas de incremento salarial e denuncia que son os “peor pagados” de toda España.

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

Este colectivo, que desenvolve o seu traballo nos arquivos históricos das catro provincias galegas, bibliotecas provinciais e museos xestionados pola propia Consellería e tamén nos servizos de arquivos e bibliotecas da Secretaría Xeral de Cultura (Cidade da Cultura) e nos arquivos centrais das diferentes consellerías en San Caetano, representan un colectivo de 120 funcionari@s.

“Neste momento no que asistimos ás demandas de diferentes colectivos de traballadores públicos da Xunta de Galicia (Xustiza, Sergas), non queremos deixar de chamar a atención sobre a nosa situación”, di a entidade nun comunicado.

COBRAN 500 EUROS MENOS AO MES

Así, di que o persoal técnico arquiveiro, bibliotecario e museólogo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está relegado a niveis base (20 para o grupo A1 e 16 para o grupo A2). Isto tradúcese, di, “en que son os peor pagados de todo o Estado”. “Os concellos galegos, a totalidade das Comunidades Autónomas e o Estado manteñen niveis superiores para as mesmas prazas no desempeño do mesmo traballo, polo que a diferenza salarial pode chegar aos 500 euros mensuais”, quéixanse.

Tamén critican as “escasas posibilidades de carreira profesional”, xa que máis do 80% deste persoal accede e se xubila no mesmo nivel base ou o feito de que son os únicos traballadores da Xunta de Galicia que realizan, sen compensación económica ningunha, as súas tarefas en quendas de mañán, tarde, sábados e, nalgúns casos, domingos. 

Ademais, critican a sobrecarga de traballo á que están sometidos pola “amortización sistemática de prazas en Cultura e a negativa da Xunta de Galicia a cubrir vacantes”. 

“Así pois, nun momento de clara expansión económica, segundo nos contan, e de mellora da situación laboral doutros sectores como o das forzas e corpos de seguridade, o persoal técnico de Cultura da Xunta de Galicia tamén demanda a súa equiparación cos seus homólogos do resto de Comunidades Autónomas e do Estado”, di Arbimuga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Foucellas

Pois haberá que emigrar a Madrid

1 Xan Maceiras

Pois xa era hora de que sacarán esta aldraxe á luz pública