Esmorece o Centro Dramático Galego coa indiferenza dos organismos públicos

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia denuncia nun comunicado a caída no número de representacións ademais de polémicas arredor de procesos selectivos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/04/2018 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O comunicado da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) pon énfase na míngua de actividade do Centro Dramático Galego (CDG) nos últimos anos. Ademais diso, sinalan a escasa contratación de intérpretes, polémicas arredor da selección de elencos, “a baixa distribución dos espectáculos e un principio de externalización dos servizos”.

Billeteira do Centro DRAMÁTICO Galego.
Billeteira do Centro DRAMÁTICO Galego.

A propia AAAG avisaba o ano pasado sobre a situación que envolvía o CDG logo da dimisión da metade do tribunal “e as presuntas irregularidades do proceso de selección de elencos” para a obra “Martes de Carnaval”. A asociación que representa os actores e as actrices galegas pedira unha mesa sectorial para tratar o futuro da institución cultural. Así as cousas, desde a administración autonómica convocouse unha serie de reunións durante os últimos meses. Ditas xuntanzas “están a carecer de efectividade” pois desde AAAG entenden que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) búscase “limitar o diálogo aos procesos de selección e non abordar a problemática no seu conxunto”.

FUNCIONAMENTO PROBLEMÁTICO

As queixas dos intérpretes galegos sobre o CDG compezan pola reducida produción propia do mesmo centro. Nos últimos tres anos dita baixa acadou o número dunha obra por tempada, cando en tempadas anteriores as montaxes eran dúas ou tres. Esta caída supón “acentuar a desconexión co público e coa profesión”.

Outro punto destacable sobre o escaso interese no CDG serían as coontratacións de elencos reducidos para os espectáculos. Entre os anos 2012 e 2015, cando a direción do Centro estaba en mans de Manuel Guede, houbera obras de entre tres e cinco persoas. Na actual etapa, coa direción de Fefa Noia, o número de intérpretes vai dos nove aos dez. Non obstante, as cifras seguen sendo baixas comparadas con épocas anteriores. Neste punto, o comunicado da AAAG sinala que hai compañías privadas que si poden manter elencos superiores. Por outra banda, tendo en conta que o CDG é unha institución pública tamén para levar montaxes por toda Galicia, ultimamente as opcións para ver obras deste organismo “víronse ben limitadas”. O caso máis recente volve ser “Martes de Carnaval” que se limitou a sete representacións por toda Galicia.

BUROCRATIZACIÓN E EXTERNALIZACIÓN

A todo isto “engádese a burocratización que interfire no funcionamento do CDG e
que alcanza a súa máxima expresión nos procedementos de selección de elencos” apunta o comunicado. Estes procedementos están  baseados “no criterio da pública concorrencia” e sometidos a “unhas normas da función pública que non se axustan á realidade da nosa profesión”. Segundo a AAAG isto dificulta o traballo dos directores e directoras ademais de obrigar “os profesionais da interpretacón a participar en concursos públicos máis que cuestionables”. Como exemplo volven aludir ás “presuntas irregularidades que se puideron observar no proceso de selección de Martes de Carnaval tal e como quedou demostrado nas preguntas” en 2017.

Critícase tamén a burocratización dentro do CDG restoulle luz a eventos como a daptación ao galego de Valle-Inclán ou a entrada de novos directores e directoras. AAAG considera que “neste 2018 debemos celebrar que os compoñentes de Chévere traballen no CDG” pero que a burocratización e falta de vontade política da administración para cambiar o rumbo da institución crea “perigosos precedentes que se desprenden tras a publicación na Plataforma de Contratación da Xunta” da adxudicación da Contratación da “dirección, dramaturxia, tradución e interpretación de protagonistas” da obra “Divinas Palabras”. Sinalan desde o comunicado que isto se fixo polo procedemento negociado sen publicidade, en exclusividade e cunha entidade única, Chévere Producciones S.L.

Este réxime contractual fai que Agadic, de quen depende o CDG, contrate os servizos dunha empresa que establecerá relacións laborais cos profesionais. Isto a AAAG enténdeo como unha externalización “o que fai dubidar se se trata dunha produción propia do CDG en sentido estricto”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Máis Fariña e menos farelo !!! Se pechara o CDG igual espertaba un Novo Teatro Galego ?

2 Mafalda

O Centro Dramático Galego está nunha situación Dramática; de aí a razón do seu nome.

1 cazarraposas

Chévere, o grupo dos rompedores, seica! Acordades cando a protesta polo local en Compostela e as axudas amigas... Con un rupturista (non figurado) na metade dos oitenta como Ron Pereira, agora dirixindo o amaño coa Xunta institucional, presebrista, corrupta e casposa de Feixoó. Ver para crer! Poder, que ben me sabes! Eu fun anarquista e agora son presebrista! E os que nos taparon agora non poden criticar. Paisiño.