Os sindicatos da Xustiza acusan a Rueda de mentir para dividilos e piden o seu cesamento e que Feijóo tome o mando

O comité de folga anuncia que "recruará" as súas mobilizacións e reivindica a "unidade" sindical fronte as declaracións do vicepresidente, que asegurou ter un preacordo con catro dos sete sindicatos. Piden que o presidente da Xunta encabece as negociacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2018 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

Os representantes do sete sindicatos que están no comité de folga de xustiza —SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO.— compareceron conxuntamente para reivindicar a súa "unidade" e acusaron ao vicepresidente, Alfonso Rueda, de "mentir", á vez que esixiron o seu cesamento e que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tome as rendas da negociación.

Sindicatos de xustiza volven sentar coa Xunta o 18 de abril.
Sindicatos de xustiza volven sentar coa Xunta o 18 de abril. | Fonte: Europa Press

"Non hai acordo e deixan os galegos cun conflito por 12 euros", sentenciou Manuel González Carvajal (UXT), tras un encontro para tentar desbloquear a folga dos funcionarios da Xustiza que culminou de novo en fracaso, e despois de que Rueda comparecese ante os medios para manifestar a súa "indignación" e asegurar que había "un preacordo" con catro sindicatos.

Segundo Rueda, SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO., cos que asegurou que el negociou directamente, comprometéronse a levar ás asembleas dos traballadores a última proposta que este mércores deixaron sobre a mesa, antes de abandonar a reunión, os representantes do Executivo autonómico.

A "última" proposta porque a xornada foi longa e comezou sobre o mediodía cun plan económico á alza menor por parte do Goberno galego, ao que os sindicatos responderon rebaixando a súa última proposta de 180 a 140 euros lineais para cada corpo —xestores, tramitadores e auxilios—, que se aplicarían en tres anualidades. Iría ligada a unha cláusula de revisión que lles garantiría "sempre" un cuarto posto na táboa salarial de comunidades.

O Goberno galego subiu a súa aposta e presentou a segunda e última oferta do día, que se traduciu nunha suba gradual en tres anos de 135 euros máis ao mes para xestores, 127 para tramitadores e 122 para corpos de auxilio. A última 'oficial' sobre a mesa era de 133 euros ao mes para xestores; 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio.

SE HAI PREACORDO "ASINADO", QUE O "ENSINE"

Segundo Rueda, "o preacordo" que catro sindicatos se ofreceron a trasladar ás asembleas de traballadores correspondíase con esta última oferta. Pero os membros do comité de folga retaron ao vicepresidente a que "se existe ese preacordo asinado" que o ensine".

Ao tempo, acusaron a Rueda de "mentir" e de tratar de "dividir". "Aquí estamos os sete membros do comité", remarcaron, antes de reivindicar a "unidade" e de avanzar que se "recruarán" as mobilizacións.

De feito, como a Xunta "se levantou" da mesa de negociación, avanzaron a súa intención de presentar un escrito diario solicitando unha nova reunión. Tamén informarán as asembleas dos traballadores da situación e insisten en que Rueda "debe irse" e Feijóo, "tomar as rendas".

"A NOSA CONTRAOFERTA TAMPOUCO ESTÁ ENRIBA DA MESA"

Así mesmo, e tras incidir en que tamén o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, debería pronunciarse "como superior de Rueda", incidiron en que, se o vicepresidente afirmou que, dada a actitude dos sindicatos, a súa última oferta quedaba "inmediatamente" sen validez, os membros do comité aseguraron que "tampouco está xa sobre a mesa" a súa contraproposta de baixar a 140 euros.

E é que, ao seu modo de ver, a actuación de Rueda e da Xunta pon en evidencia que "non teñen intención de negociar". "Unha vez máis, a prepotencia da Xunta fai que os cidadáns teñan que seguir sufrindo a mala xestión, a mala política do señor Rueda", concluíron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Non_funcionario

A maior parte dos políticos son funcionarios. Funcionarios subíndolle o soldo a funcionarios, eles que xa teñen a vida resolta, máis privilexios que ningún outro traballador, e aínda piden máis do noso imposto!

1 Ramiro

Os funcionarios TAMÉN pagan impostos, seguridade social, etc... Os funcionarios tamén pagan os salarios e os beneficios empresariais cando van de compras ou solicitan servizos do sector privado. Basta xa da cantinela de que "eu pago o teu salario". Todos pagamos os salarios de todos.