Un roteiro reivindicativo lembrará ao cura revolucionario que se enfrontou a Fenosa

Cerceda acolle este sábado a súa II Marcha pola Memoria cun acto no que se lembrará a revolta labrega de 1977.

Por Galicia Confidencial | Cerceda | 20/04/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As Encrobas (Cerceda) acollerá este sábado a II Marcha pola Memoria, dedicada neste ano a Moncho Valcarce por cumprirse o 25 aniversario da súa morte. O cura revolucionario das Encrobas, icona da resistencia e da unión popular, foi peza clave nas loitas labregas contra a ocupación das terras por parte dunha Unión Fenosa que no ano 77 comezou a perforar o val para convertelo nunha mina de carbón a ceo aberto que debía abastecer á central térmica de Meirama.

Mural 'As Encrobas'
Mural 'As Encrobas' | Fonte: Sechu Sende

Organizado polos veciños e veciñas das Encrobas, en colaboración coa Irmandade Moncho Valcarce e co Concello de Cerceda, os actos desta II Marcha pola Memoria comezarán ás 11:00 da mañá en Pontoxo, á beira da igrexa das Encrobas, precisamente onde está situado o busto na honra de Moncho Valcarce. 

A partir deste lugar comezará un roteiro que se prolongará até as 15:00 horas e que levará a toda a xente que se anime a asistir a facer un percorrido a pé pola memoria: visitando lugares e revivindo momentos transcendentais para a parroquia. Nesta andaina haberá intervencións musicais en directo, poesía e, sobre todo, moita memoria e a voz de moitas persoas que foron protagonistas da historia das Encrobas.

A deste sábado será a II edición dunha Marcha que comezou no 2017. O ano pasado preto de 300 persoas asistiron á chamada e lembraron o 40 aniversario dos enfrontamentos do pobo das Encrobas contra a Garda Civil para impedir que lles quitaran as terras en Pao Rañón. Desta vez, novamente, aínda que por unha ruta diferente e durante todo o traxecto a pé, camiñarase por espazos asoballados que gardan mil historias e coa compañía de persoas que rexurdirán das súas cinzas para facer revivir feitos históricos que é necesario lembrar para poder tamén transmitirllos á xente máis nova.

Así, haberá ocasión para reencontrarse con Moncho Valcarce, con Cesáreo Pena, con Carme de Xende, con Emilio Suárez, co Costiñán, con moitos personaxes que marcaron unha época na historia das loitas galegas na defensa da terra. O obxectivo, segundo os organizadores é, “apelar á memoria para chamar á solidariedade con moitos colectivos que hoxe seguen a loitar por todo o país contra novos proxectos que tamén pretenden acaparar as terras e rematar coa vida digna das persoas do rural para cumprir os intereses económicos das grandes multinacionais”.

Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, nunha protesta
Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, nunha protesta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta