Feijóo di que foi "a sociedade" a que "venceu" a ETA e pide "non esquecer ás vítimas" e rexeitar "relatos falsos"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que foi "a sociedade democrática no seu conxunto" a que "venceu" á banda terrorista ETA e advertiu da importancia de "non esquecer ás vítimas" e de rexeitar os "relatos falsos" dos terroristas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2018 | Actualizada ás 15:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que foi "a sociedade democrática no seu conxunto" a que "venceu" á banda terrorista ETA e advertiu da importancia de "non esquecer ás vítimas" e de rexeitar os "relatos falsos" dos terroristas.

En declaracións aos medios en Santiago en relación ao comunicado emitido por ETA na que pide perdón a parte das vítimas e ao seu anuncio de disolución, Núñez Feijóo quixo lembrar que "quen disolveu" a banda "non son os terroristas, nin os seus actuais responsables, é a sociedade vasca e a sociedade española no seu conxunto".

"Quen conseguiu a disolución de ETA son as forzas e corpos de seguridade do Estado, as familias das vítimas e o conxunto da sociedade democrática que levamos 40 anos para que isto se producise", dixo o presidente galego, para quen "lamentablemente, hai 800 mortos que non se poden esquecer".

Fejóo considerou que, independentemente dos pasos da banda, "non esquecer ás vítimas é fundamental" de cara ao "futuro". "Euskadi, España, todos nos merecemos que non volva ocorrer nunca unha atrocidade como esta", apostilou o líder da Xunta.

Nesta liña, quixo "agradecer" a súa actuación, "non aos responsables deste comunicado", se non a quen "realmente venceu a ETA, a sociedade española no seu conxunto". "Non esquezamos que fronte á democracia, fronte ao pobo, non hai ningunha organización que poida vencer".

RELATO "FALSO"

En todo caso, Núñez Feijóo quixo deixar claro que neste período "houbo asasinos e houbo vítimas", e advertiu a ETA de que "non van cambiar un relato falso por un verdadeiro". "Cada vez que falemos de ETA temos que ter en conta que hai vítimas, que hai viúvas, que hai orfos, e que ese conxunto de mans brancas que empezou a derrotar a ETA hoxe é o conxunto de todos os cidadáns de País Vasco e de España", sentenciou Feijóo, "nunca imos esquecer o que ocorreu".

Sobre a posibilidade de achegamento de presos a Euskadi, Núñez Feijóo apostou por ser "prudentes" e lembrou que "as vítimas merecen un respecto". "Son as que sufriron esa mutación para sempre nas súas vidas e teñen que ser escoitadas en calquera tipo de acordo que podamos concretar cos terroristas encarcerados", indicou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta