Temas: MELIDE

A Foliada de Melide, unha consolidada cita coa tradición

O que empezou como unha xuntanza para poñer en contacto a grupos e asociacións divulgadoras das tradicións na contorna de Melide, é a día de hoxe un encontro de referencia anual para os amantes da música e a cultura tradicional de todo o país. Detrás desta evolución está a Asociación Cultural e Musical O Castelo, entidade que organiza a Foliada dende o ano 2006. Falamos co seu presidente, Miguel Varela, “Miki”.

Por X.M. Fernández | Melide | 21/04/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Cando naceu a Asociación e con que proxectos?

Miguel Varela. Foto cedida.
Miguel Varela. Foto cedida.

A asociación naceu no ano 2006 para dar soporte á Foliada, un evento que daquela estaba comezando a dar os seus primeiros pasos. 

Nas Terras de Melide están ben arraigadas a música e o baile tradicional? 

Sempre estiveron moi vivas e hoxe en día segue sendo así. Atreveríame a dicir que se cadra máis ca nunca. A proba está nas escolas de música e baile tradicionais que ofrecen formación, ademais de en Melide, nos concellos da contorna como Arzúa. As agrupacións con actividade na comarca cóntanse cos dedos das dúas mans. 

Como valorades a continuidade nas xeracións presentes e futuras?

Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide
Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide

É fundamental incorporar ás novas xeracións, e para iso é importante reivindicar espazos como a Foliada, que está sendo un elemento clave para que se manteña con vida o apego por unha tradición musical xa de por si importante na comarca.  

Como xurdiu e como foi a primeira Foliada?

A Foliada xurdiu pola necesidade de poñer en contacto aos diferentes grupos e asociacións culturais da comarca, e xuntos visibilizar todo o potencial que existía nese momento. Tamén pola inquietude dun grupo de rapaces e rapazas novas, que dende a liberdade de facer o que queriamos, conseguimos unir aos grupos da vila e compartir experiencias. Desta maneira conseguimos crear un espazo común que nun principio se limitou a unha pequena xuntanza para tocar e bailar e que pouco a pouco foi medrando ata converterse no que é hoxe. 

O evento foi medrando moito en actividades. Como vos organizades e financiades para facelo posible?

A organización da Foliada está formada por un grupo de xente con experiencia xa que moitos de nós formamos parte dese primeiro parto colectivo. Existe un grupo de traballo con moi bo ambiente, e iso é fundamental para que despois de tantos anos sigamos con enerxía e ganas de traballar. Normalmente comezamos coas reunións a principios de ano e ao longo deses meses planificamos e distribuímos o traballo por equipos con reunións periódicas onde se van tomando as decisións.

Dende un primeiro momento tivemos claro que economicamente tiñamos que ser o máis independentes posible. Sempre fomos austeros e iso serviunos para non medrar por riba das nosas posibilidades. Os pasos que fomos dando foron sempre moi meditados. E nesa liña seguimos, dependendo moi pouco das subvencións das institucións e financiándonos a través de “merchandising” e coa colaboración do sector hostaleiro e comercial de Melide.

Que actividades teñen máis éxito e cales considerades que son as máis innovadoras?

As actividades con máis participación son os Cantos de Taberna, a Marcha Gaiteira e o Serán, nos que nesta edición participarán 35 grupos que proveñen de diferentes zonas da xeografía galega. Como innovadora non destacaría ningunha actividade en concreto. Creo que as tres xornadas da Foliada ofrecen unha diversidade de propostas atractivas para todos os públicos e para todas as idades.

A Foliada é xa unha cita obrigada para os amantes da tradición, non si? Notades que cada ano medra un pouquiño tamén en público?

A Foliada leva xa uns anos consolidada como un evento de referencia dentro calendario da música tradicional do país. A diversidade de espazos que se pode atopar dentro da programación conseguiu atraer a moito máis público nos últimos anos, e cremos que o evento ten capacidade para seguir medrando e acollendo a máis xente.   

Algunha novidade que destaque no programa deste ano?

A novidade vai ser a actuación do domingo de Odaiko & Vanesa Muela. É a primeira vez que a Foliada vai ofrecer un concerto de música tradicional castelá-leonesa e vai ser un pracer poder presenciar a actuación dunha artista tan importante como Vanesa Muela.

A Foliada de Melide celebra este ano o seu XIV aniversario con diversas actividades e actuacións musicais programadas para o 27, 28 e 29 de abril. Como xa é costume, ademais dos esperados concertos, haberá unha mostra de artesanía e instrumentos, concurso de cantos de taberna, un serán, animación de rúa, obradoiros de baile, actividades infantís e xogos populares. No apartado de concertos estarán Bruno Villamor, a Banda das Crechas, The Turre’s Band, Tonecho Castelos & Pablo Esqueira e Odaiko con Vanesa Muela.

Foliada 2017. Concertos. Foto: Foliada de Melide
Foliada 2017. Concertos. Foto: Foliada de Melide
Temas: MELIDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta