En Marea reclama "dotar de voz" ao Concello na decisión sobre o futuro dos terreos portuarios da Coruña

O goberno local da Coruña rexeita tamén o pacto de Xunta e Fomento, deseñado "de costas á cidade, as institucións e a súa xente"

| 21/04/2018 | Actualizada ás 18:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O grupo parlamentario de En Marea solicitou que o protocolo asinado entre Xunta, Ministerio de Fomento, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria en relación aos terreos da fachada marítima da Coruña se deixe sen efecto e reclama "dotar de voz" ao Concello, nun novo proceso negociador.

Antón Sánchez, viceportavoz do grupo parlamentario
Antón Sánchez, viceportavoz do grupo parlamentario | Fonte: Europa Press

O viceportavoz parlamentario, Antón Sánchez, levará á Cámara unha proposición para conseguir pór freo ao acordo existente, ao entender que unha decisión "de tal relevancia", que afectaría os peiraos portuarios e á fachada marítima, "non pode tomarse de costas ao goberno local".

"A Solaina e o Hotel Finisterre, por unha banda, e Calvo Sotelo, Batería e San Diego pola outra, non deben ser obxecto das políticas de pelotazo deseñadas pola Autoridade Portuaria nos convenios de 2004 e na PXOM de 2013, senón que deben ser unha oportunidade para definir o futuro da cidade cunha visión global, na procura do interese xeral e priorizando os usos públicos e dotacionais", arguméntase desde En Marea.

A formación lembra "as mobilizacións da sociedade civil e política da Coruña", que entende que "xa deixaron claro o sentir maioritario da cidade", respecto destes terreos.

En Marea sinala que, "no pasado", a resposta social "ás accións que tentaron a privatización do espazo e a especulación urbanística xa foi clara e contundente". E apúntase a que, mesmo obrigou aos gobernos do PP a asumir o "sentir xeral" e "cambiar o seu discurso" ao redor da preservación da titularidade pública do litoral coruñés.

Por isto, En Marea considera que o acordo alcanzado agora supón "unha emenda á loita polo dereito a decidir" da cidadanía e, en concreto, do goberno local, e aposta pola colaboración institucional. "A campaña de Bea Mato non pode condicionar o futuro da cidade", apunta a formación, que insinúa que tras esta manobra escóndense "intereses partidistas do PP".

Fronte ao que definen como a "gran aposta da Autoridade Portuaria" coa "enaxenación privada dos terreos portuarios da Coruña e a privatización do chan público", En Marea reclama a desafectación dos peiraos de Calvo Sotelo-Batería e San Diego.

Con isto, daríase forma a "unha fachada litoral vinculada a unha finalidade pública", como defende En Marea, e que contaría con equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes para o uso público da cidadanía.

En contraposición, denuncian que o protocolo que foi subscrito "mantén a previsión de privatización do espazo portuario para financiar a débeda da Autoridade Portuaria, e sen que se teñan en consideración outras alternativas que posibilita o novo marco europeo de financiamento e de xestión económico-financeira dos portos".

Unha operación que En Marea critica cualificándoa de "desatino" e de "visión cortoplacista", e que "continua apostando polo pelotazo urbanístico".

GOBERNO LOCAL DE A CORUÑA: REXEITAMENTO Ao ACORDO DE XUNTA E FOMENTO

Tamén o goberno local da Coruña manifestouse sobre o futuro da fachada marítima da cidade e os seus peiraos portuarios, cunha postura de rexeitamento "enérxica" á oferta pactada pola Xunta de Galicia, Portos do Estado e o Ministerio de Fomento, coa que se "blindan" os convenios urbanísticos de 2004.

O goberno que preside Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) entende que con este acordo sálvase así "a operación especulativa nos peiraos de San Diego", artellada "de costas á cidade, ás súas institucións e á súa xente".

Ante esto, o executivo local anticipa que, nesas condicións e co contido do convenio que se propón, o Concello da Coruña non adquirirá cota de propiedade nese condominio.

O consistorio municipal convida ás administracións estatal e autonómica, gobernadas polo PP, a rectificar e, aproveitando que o convenio non está asinado, a deixalo sen efecto "con carácter inmediato" e retomar as conversacións co Concello.

O executivo local establece tres premisas "irrenunciables" ao redor de calquera negociación sobre a fachada litoral: a revisión dos convenios de 2004; o tratamento do bordo atlántico no seu conxunto e non troceada, e a garantía da titularidade e o uso público de todos os terreos portuarios.

O goberno da Coruña lamenta ademais non recibir resposta á proposta de protocolo que remitiu en outubro, tanto á Xunta como a Fomento, como tampouco á súa invitación os días 27 e 28 de abril ao Foro Cidadán 'Tecendo Litoral', no que mostrará a súa proposta.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antón, ti represéntasnos

É así, mentres Antón adícase ó que se ten que adicar (acción política de altura e calidade, apoiar ás cidades do cambio, denunciar o retroceso de dereitos no estado, etc)... Villares está ocupado instruindo o sumario de Paula, por encargo dos guardias civiles Mario, Chelo, Hermida e aplaudidores. E dalle urticaria todo o que pase en Ferrol, Santiago, etc. El é mais de ir cos que pactan en Fene para poñer ao PP. Pobre Marea. ¿Cómo foi caer nas mans deses refugallos? Ah, si. Xa lembro: O tránsfuga Villares pactou con eles que lles faría unha especie de Napolenciño-voceiro a cambio de os meter na coordenadora. Correcto: Circulen e disfruten do (non)votado