Gonzalo Caballero non descarta unha "responsabilidade institucional" ao longo da lexislatura no Parlamento

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia asegura que non ten "ningunha inmediatez nin présa para facelo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2018 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, non descarta asumir algunha responsabilidade institucional, como unha eventual entrada como representante no Parlamento galego ao longo desta lexislatura, aínda que asegurou que non ten "ningunha inmediatez nin présa para facelo".

Nota+Imaxen Rg A Entrevista S.X. Psdeg
Nota+Imaxen Rg A Entrevista S.X. Psdeg | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista en Radio Galega insistiu en que está ao "servizo do PSdeG", e que, de momento, considera que a "mellor forma de facelo é mantendo o seu traballo diario", na "Universidade de Vigo como docente investigador", aínda que non descarta "ao longo da lexislatura ter responsabilidade institucional como secretario xeral dos socialistas galegos".

"Se me preguntan cando ou de que maneira, sinceramente non está decidido nin teño ningunha inmediatez nin présa para facelo", remarcou. Precisamente, Gonzalo Caballero encomiou o traballo "sólido" que desenvolve o actual portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, algo que asegura que lle permite estar "tranquilo e satisfeito".

CANDIDATOS NAS MUNICIPAIS

Aínda que reiterou que o seu principal reto é "construír eses cimentos, esas bases que poidan xerar un cambio político en Galicia", Caballero recoñeceu que os socialistas xa están "a traballar arreo" na que será a súa primeira cita electoral á fronte do partido en Galicia, os comicios municipais de 2019.

Coa vista posta nunhas eleccións nas que o partido aspira recuperar a súa posición nas grandes cidades galegas, o líder do PSdeG aproveitou para lembrar o legado deixado por socialistas cando gobernaron, asegurando que "alí onde gobernan hai boa xestión municipal".

Pero sobre o que non se quixo pronunciar abertamente é sobre as especulacións que existen ao redor dos candidatos para distintas cidades galegas, como é o caso de Xosé Antonio Sánchez Bugallo, o ex-alcalde de Santiago de Compostela.

Tras remarcar que o partido está "en fase de orientar o rumbo das municipais" e que aínda non ten "o calendario para a elección definitiva dos candidatos e candidatas", de Bugallo valorou que "foi alcalde de referencia", aínda que a partir de aí limítase a indicar que hai "que enfocar os próximos procesos de acordo coas regras" socialistas.

"Bugallo sóame como excepcional alcalde que tivo a cidade de Santiago", subliñou Caballero, para quen "sexa quen sexa o candidato o alcalde vai ter o apoio do secretario xeral do PSdeG" porque o importante é "dar un proxecto en clave municipal para o conxunto dos municipios".

Con este mesmo argumento, cuestionado pola ferrolá Beatriz Sestayo, limitouse a asegurar que ten todo o seu "respecto para o seu proxecto".

CRISE NA DEPUTACIÓN DE LUGO

Caballero tamén quixo restar importancia á posibilidade de que o que fora vicepresidente da Deputación de Lugo, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, impulse unha lista alternativa ao PSdeG na provincia de Lugo tras o seu recente cesamento e a ameaza de expulsión do partido.

E é que o líder dos socialistas galegos aludiu ao pouco percorrido que chegaron a ter as "candidaturas independentes" durante a democracia española "máis aló do municipal", convencido de que as estruturas que permanecen son os partidos.

OUTRAS FORMACIÓNS

Respecto doutras formacións, criticou o papel do PP en cidades como a de Ourense ao considerar que "non teñen capacidade de aprobar os orzamentos municipais", e que mesmo, "perden impulso".

A Ciudadanos cualificouno de "burbulla laranxa" e prognostica que"vai picar". Caballero cre que "ese escenario de crecemento de Ciudadanos en España e en Galicia non se produce".

No que se refire a En Marea, Caballero apuntou a Podemos para asegurar que "está nun escenario de retroceso no conxunto do Estado" e que iso vai afectar" a Podemos e outras forzas análogas no conxunto de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta