O Grândola Vila Morena volve a Santiago, onde se escoitou por primeira vez anos antes da Revolución

A Associaçon José Afonso-Galiza, en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela e Rianxo, organiza unha serie de actos en conmemoración da Revolucion dos Caraveis.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2018 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

Grândola Vila Morena, o himno oficioso do 25 de abril cando se produciu a coñecida como Revolución dos Caraveis que acabou coa ditadura salazarista, volverá soar en Santiago de Compostela, onde Zeca Afonso a interpretou por primeira vez anos antes de servir como contrasinal en 1974.

Presentación actos do 25 de abril en Santiago de Compostela
Presentación actos do 25 de abril en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

O cantar colectivo acompañado polos 'Enxebres de San Lázaro' partirá da praza de Cervantes (antes coñecida como Praza do Pan) e pasará polo Obradoiro, Praterías, e Rúa do Vilar até a Praza do Toural e forma parte da programación con motivo da celebración do 25 de abril que organiza a Associaçon José Afonso-Galiza en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela e Rianxo.

Na presentación dos actos conmemorativos estiveron este luns a tenente de alcalde María Rozas e o presidente da entidade, Xulio Villaverde, quen destacou a relevancia de celebrar tamén en Galicia o 25 de abril. Pola súa banda, Rozas chamou a atención sobre a importancia de "lembrar a revolución para as xeracións que non sentiron a ditadura" de forma directa.

ACTIVIDADES

As actividades previstas comezan este luns coa proxección de 'Bom povo português', de Rui Simoes, e 'O Cravo da liberdade', de Andreia Marques. Terá lugar na Asociación de Veciños Asorei da Almáciga.

Este martes 24, a Facultade de Xeografía acollerá unha palestra con Camilo Mortágua, capitán de abril, e a profesora Margarita Ledo, exiliada en Portugal no ano 1974, baixo o título 'Os días da Liberdade'.

O 25, ademais da foliada e cantar colectivo que comezará ás 21,00 horas, presentarase a exposición 'Os cartazes do 25 de abril', no Auditorio de Rianxo ás 17,30 horas. Finalmente, o sábado 28 terá lugar o concerto 'Abril sempre', a cargo dos portugueses José Manuel Ésse 'Trio' e Manuel Teixeira & António Rosa, en Cervantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta