Feijóo vende unha década de emprego en Ferrolterra coa construción de cinco fragatas tras o fiasco de Pemex

A presidenta da SEPI destaca como "ilusionante" o proxecto na súa visita a Santiago, onde se reuniu con Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2018 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

A pesar de que unha das grandes promesas de Feijóo no sector naval non se cumpriron; os famosos contratos para Pemex, por exemplo, o presidente galego volveu lanzar unha nova promsesa; "unha década de emprego" para a comarca coa construción de cinco fragatas F-110. De feito, a presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Pilar Platero, definiu como "ilusionante" este contrato de 4.000 millóns.

Presidenta da SEPI, Pilar Platero, e o titular da Xunta, Núñez Feijóo
Presidenta da SEPI, Pilar Platero, e o titular da Xunta, Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Así o destacou durante a presentación de novos selos sobre Santiago nun acto de Correos no Hostal dos Reis Católicos, no que destacou que Navantia é "transcendental para a ría de Ferrol". Previamente, Pilar Platero e o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reuníronse na Xunta para avaliar os proxectos de Navantia --empresa pública pertencente á SEPI-- para Galicia.

Segundo informaron o Goberno galego e a SEPI nun comunicado, a construción de cinco fragatas F-110 suporá un contrato cun importe aproximado de 4.000 millóns de euros e xerará 10 anos de traballo para a factoría de Ferrol, onde manterá ao redor de 7.000 empregos anuais directos e indirectos. A Xunta remarca que o programa de fragatas xa ten reservados 250 millóns de euros consignados como anticipo financeiro nos orzamentos do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Neste sentido, a responsable da SEPI apuntou que en Navantia traballa nun plan estratéxico "para garantir a súa viabilidade futura" --que se negocia cos sindicatos e que prevé unha carteira de pedidos de 11.000 millóns até 2022--, "e que ten aí un ilusionante proxecto por diante, como son a nova serie de fragatas, as F-110, que van ser construídas en Ferrol cos adiantos tecnolóxicos máis avanzados".

Após estas palabras de Platero no acto de presentación de selos en Santiago, Feijóo agradeceu á presidenta da SEPI que "fale das fragatas porque son traballo, moito traballo", "unha década de traballo". "Que a presidenta da SEPI veña a confirmar o que aparece no orzamento non deixa de ser unha excelente noticia", agregou.

OUTROS PROXECTOS

Así mesmo, a Xunta e a SEPI resaltan que os estaleiros da ría ferrolá reforzarán os seus niveis de ocupación coa finalización do sexto buque de acción marítima (BAM). A isto súmase o programa en curso dos buques loxísticos para Australia, a enxeñaría do buque de asalto anfibio para a mariña turca e a colaboración no programa de fragatas para a mariña australiana, ademais da actividade na área de enerxía eólica e de reparación de gaseiros.

Nesta liña, Feijóo e Platero analizaron os avances na internacionalización da empresa, a modernización dos centros coa incorporación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento da dixitalización e a aplicación dos principios do Estaleiro 4.0.

Durante a reunión, o responsable do Goberno galego informou a Platero do plan de formación posto en marcha específico para o naval ao que a Xunta destina 12 millóns de euros para cualificar a 3.000 traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta