Temas: CEG EMPRESA

Os empresarios galegos non se poñen de acordo para elixir novo presidente

Despois da dimisión de Arias en xaneiro, a terceira desde 2015, hai nomes sobre a mesa, pero as eleccións aprázanse como mínimo até xuño

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/04/2018 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) vaise dar máis tempo para elixir o seu novo presidente, logo da dimisión de Antón Arias o pasado 25 de xaneiro, que foi a terceira despois de que José Manuel Fernández Alvariño abandonase o cargo en novembro de 2015 e Antonio Dieter Moure fixese o propio en outubro de 2016.

O catro presidentes provinciais da CEG en reunión
O catro presidentes provinciais da CEG en reunión | Fonte: Europa Press

Aínda que a intención era celebrar a asemblea na que se sustanciaran as eleccións o próximo 10 de maio, esta cita aínda non foi convocada formalmente, ante a falta de consenso para chegar á mesma cun candidato que guste a todas as partes. Xa que os estatutos da patronal fixan un prazo mínimo de 40 días desde a convocatoria até a celebración da asemblea, xa é imposible que frutifique esa data.

De feito, é probable que a xunta de vicepresidentes que convoque esa asemblea se reúna a primeira semana de maio, segundo fontes consultadas por Europa Press. De ser así, os comicios postergaríanse, aproximadamente, até mediados de xuño, como pronto.

Logo da dimisión de Arias, a finais de xaneiro, a xunta de vicepresidentes da CEG fixouse como obxectivo que a institución celebrase eleccións á presidencia o próximo 10 de maio. As fontes consultadas estiman que esta data foi demasiado "optimista", posto que as dificultades para acordar un candidato son evidentes.

Sen ir máis lonxe, no anterior proceso electoral, este intento non chegou a bo porto e finalmente presentou a súa candidatura o coruñés Antón Arias, algo que non gustou en Ourense e Pontevedra.

PÉREZ CANAL, TOUZA...

Tres meses despois deste acordo, as negociacións seguen bloqueadas, aínda que xa apareceron varios nomes sobre a mesa. Por unha banda, o presidente da confederación ourensá, José Manuel Pérez Canal, segue aspirando a presidir a patronal galega (perdeu por 10 votos fronte a Dieter Moure nos penúltimos comicios), segundo fontes consultadas.

Por parte da confederación pontevedresa, mentres, propóñense nomes como o de Javier Touza, presidente da cooperativa de armadores de Vigo (Arvi); e tamén criterios como que o futuro presidente teña tempo suficiente para dedicarse á CEG.

Durante estes tres meses, os catro responsables provinciais, Antonio Fontenla (A Coruña), Jorge Cebreiros (Pontevedra), Jaime López (Lugo) e José Manuel Pérez Canal (Ourense) viñeron reuníndose de maneira periódica.

Segundo as fontes consultadas, as cuestións de goberno avanzan con normalidade, pero non así todo o relativo ao necesario acordo que se fixan como requisito para chegar ás eleccións sen a posibilidade de que a historia se repita.

A xunta de vicepresidentes configúrase como xestora cando o cargo de presidente está vacante, e á súa fronte sitúase a persoa de máis antigüidade no posto, que neste caso é Fontenla.

CRISE DESDE 2013

A CEG busca sucesor a Antón Arias co pano de fondo do conflito permanente. Os candidatos, segundo establecen os estatutos, poderán presentarse até unha semana antes da data para a que se marque a asemblea.

Arias abandonou a CEG ao constatar que só puido levar adiante un dos seus dous obxectivos: a viabilidade económica da institución. O que non logrou foi a reforma dos estatutos, que precisamente expuña para evitar que se poidan dar situacións de bloqueo como as que veñen dando no seo da organización desde hai cinco anos (Alvariño chegou ao poder en 2013).

Neste escenario, seguen enfrontados varios sectores, con gran malestar nas confederacións de Pontevedra e Ourense polo mandato de Arias, a quen apoiaron no seu día tanto A Coruña como Lugo, e coa polémica sobre cal debe ser o papel das organizacións sectoriais no futuro da CEG.

Temas: CEG EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Anselmo

Ser empresario neste país é unha vergoña. Sabemos que moitos sobrevivides polas "mordidas" e porque estades ao carón do poder. E o poder o ostentan os mafiosos e ladróns do PP. E non porque o diga eu. E que é así e está comprobado. Outra cousa é que non ilegalicen ao PP como tiña que terse feito dende hai moito tempo. E non se ilegaliza porque é o que ostenta o poder, xunto co rei, das forzas armadas e de todo o "tinglado" do Estado. E vós estades ao seu carón. Polo que non me merecedes ningún respecto. Haber haberá excepcións. Pero si as hai, vanse e non están con vós.

1 Samil

Que pena!. Estes non se poñen de acordo nin para cobrar un recibo....... Unha das eivas fundamentais do noso País, é carecer dun grupo empresarial forte e unido que defenda sen fisuras o desenvolvemento económico de Galiza. Que se miren no espello vasco ou catalán....

1 Fernando G

Nótase moito que o teu é o 3% e o imposto revolucionario