Temas: EDUCACIóN

Os profesores de centros concertados denuncian que levan oito anos sufrindo recortes salariais

Mobilizaranse para reclamar mellores condicións laborais e salariais e entregarán máis de 5.000 sinaturas no rexistro da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/04/2018 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

É un colectivo de máis de 7.000 traballadores que levan 8 anos perdendo salario e dereitos laborais. Por iso, o profesorado de centros concertados decidiu organizarse e comezar a reclamar melloras nas súas condicións de traballo. 

Protesta do profesorado da ensinanza concertada diante da sede da Xunta
Protesta do profesorado da ensinanza concertada diante da sede da Xunta | Fonte: Feuso

E, coma acontece no campo da xustiza, tamén aquí todos os sindicatos están unidos para reclamar o que cren que lles roubaron nos últimos anos. Así, os representantes de todos os sindicatos do Ensino Concertado (FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino, FEUSO e CIG Ensino) continuarán coas súas accións reivindicativas ante a falta de resposta por parte da Administración as súas peticións. Por iso, este mércores delegados de toda Galicia do Ensino Privado Concertado concentraranse ante a Consellería de Educación e entregarán por rexistro máis de cinco mil sinaturas esixindo negociación na Educación Concertada.

O pasado día 4 deste mes solicitaron por escrito no rexistro da consellería a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC) e o silencio foi a única resposta da  Administración ata agora. Por iso os sindicatos volven á rúa para facer escoitar as peticións dos máis de 7.000 traballadores e traballadoras deste sector. 

DENUNCIAS

“Non temos Acordo de Mantemento de Emprego dende o ano 2009, e a perda de unidades suporá un maior paro”, denuncian os sindicatos. Lembran os recortes salariais soportados por este colectivo nos últimos anos, consolidados en nómina, e a desaparición da paga extraordinaria de antigüidade dos 25 anos, que non se aboa dende o 2010, “sendo Galicia a única comunidade autónoma do Estado que non a paga, sendo un dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada”. 

Ademais, critican que, a diferencia dos centros públicos, non se aboe a coordinación de dinamización lingüística, incumprindo a propia lexislación da Xunta de Galicia. “Cremos que chegou o momento de empezar a negociar  un acordo de mantemento de emprego, un acordo de aboamento da PEA e un calendario de equiparación salarial e de condicións laborais, así como o pago da coordinación de dinamización lingüística que non están a cobrar os traballadores/as do ensino concertado”, avisan.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 O capador

Profesores postos a dedo e pagados con cartos públicos...

1 spiridin

Na universidade pública tamén todos os profes entran a dedo. Convócase a plaza de fulanito, e obtena fulanito. E as cátedras xa son de chiste, danse por ter moitos sexenios e por ter publicacións, aínda que non as cite nin o can.