Caballero ve "tan só unha cita" na reunión entre o líder de Democracia Ourensá e o alcalde de Vigo

Subliña que a chegada do tren de alta velocidade á cidade das Burgas "é unha causa que defenden todos os socialistas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2018 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que a reunión entre o líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, polo atraso do AVE a Ourense, "tan só se trata dunha cita".

Gonzalo Caballero en rolda de prensa en Vigo
Gonzalo Caballero en rolda de prensa en Vigo

No marco das declaracións sobre o atraso na construción do centro de saúde do barrio ourensán de O Vinteún, o líder socialista sinalou ante os medios de comunicación que a alcaldía de Vigo "recibe a todo tipo de asociacións de calquera tipo de agrupación". "O alcalde de Vigo recibe a todo aquel que lle pide unha cita e ten con total claridade un compromiso coa súa cidade, co noso partido e co conxunto dos socialistas galegos", expuxo.

Neste sentido, sobre o seu tío, Gonzalo Caballero indicou que "leva neste partido catro décadas e sabe que a súa acción é no PSdeG". "Os nosos comportamentos e compoñentes están totalmente en liña cos socialistas de Galicia", engadiu Gonzalo Caballero.

ATRASO NA CHEGADA DA AVE

Gonzalo Caballero agregou, en relación á reunión entre Pérez Jácome e Abel Caballero, que a chegada do tren de alta velocidade á cidade das Burgas "é unha causa que defenden todos os socialistas en España e en Galicia".

"Temos exposto que o PP non está a cumprir coa entrada da AVE en Galicia. Os propios orzamentos do Estado, no anexo de infraestruturas, especifican que a entrada do AVE en Ourense atrasarase até o ano 2025", subliñou o secretario xeral dos socialistas galegos.

Ao seu xuízo, o goberno municipal, do PP, "non foi capaz de producir unha mínima incorporación do progreso na cidade". "Ourense segue sen ter o AVE con entrada directa desde Madrid garantida, segue sen haber avance na estación intermodal. Chegamos a 2018 e o alcalde de Ourense tan só pode ensinar un 5% de execución do orzamentado. Se non cumpre con iso, é un alcalde que fracasa", concluíu Gonzalo Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta