Os profesores interinos tamén levarán á Xunta ante os tribunais

Denunciarán a convocatoria de acceso á función pública docente de 2018 e acusan á Xunta de “facer acopio dun novo exército de traballadores máis económicos”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/04/2018 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Profesorado Interino de Galicia vén de presentar un recurso administrativo de reposición contra a ORDE do 14 de marzo de 2018 da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG Nº 57 DO 21/03/2018) pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso aos diferentes corpos de profesorado e mestres. Aducen que a Xunta de Galicia está incumprindo co mandato legal que establece o modelo do concurso-oposición para o acceso ao emprego público no ensino.

Protesta do profesorado interino
Protesta do profesorado interino | Fonte: profesorprecario.wordpress.com

O colectivo defende que o espírito legal do sistema concurso-oposición está na valoración conxunta do mérito (entre outros elementos deben valorarse os servizos prestados), e a capacidade (a clásica oposición ou probas selectivas), e que a Xunta está a despregar diferentes trabas burocráticas que baixo a aparencia de neutralidade están dirixidas a deixar sen efecto a fase do concurso. “Queren facer acopio dun novo exército de traballadoras e traballadores interinos máis económicos e sen dereitos”, denuncian.

Así, aseguran que a Xunta utiliza a actual convocatoria como un ERE encuberto incumprindo a súa función social de garante da legalidade, “reproducindo exactamente as actitudes que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea lle leva recriminando unha e outra vez ás Administracións españolas”. Este colectivo indica que o seu recurso é un primeiro intento de diálogo para que a Administración para que elimine aquelas barreiras que converten o concurso-oposición “en papel mollado”.

CAMPAÑA POLA "DIGNIDADE E IGUALDADE"

Ademais da vía xudicial, o colectivo iniciará unha campaña pola dignidade e a igualdade de dereitos no emprego público que pasará por citar aos sindicatos con representación no ámbito do ensino para abordar conxuntamente a problemática do persoal interino. Tamén anuncian encontros coas forzas políticas parlamentarias de diversos signo para solicitarlles “a adopción de medidas que poñan fin á discriminación do persoal temporal no ámbito do emprego público e mais a promoción de iniciativas que resolvan a situación de milleiros de profesionais nesta situación.

Finalmente, o colectivo de profesores en precario solicita que se suspenda a devandita convocatoria mentres se resolve o actual recurso administrativo. Esta iniciativa conta co respaldo do USDG (Unión Sindical de Docentes de Galicia) dentro da campaña de ámbito estatal apoiada pola Plataforma de Interinos, Temporais e Estatutarios Eventuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta