A illa de Sálvora xa é BIC

A declaración inclúe 43 elementos de protección; todos os que están na illa de Sálvora e os illotes de Vionta, Noro e Sagres.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 26/04/2018 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A illa de Sálvora ten, por fin, a protección que se merece. A Xunta dá un paso máis na candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade e acaba de declarar ben de interese cultural o arquipélago de Sálvora.

Membros de Adega na illa de Sálvora
Membros de Adega na illa de Sálvora | Fonte: Adega

Foi o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o encargado de facer o anunciou na rolda de prensa do Consello ao salientar que o arquipélago de Sálvora terá categoría de paisaxe cultural. Despois de lembrar que se trata dunha nova categoría de BIC, creada pola Lei de patrimonio cultural de Galicia de 2016, Feijóo aseverou que con esta declaración se recoñecen as súas calidades culturais, materiais e inmateriais, froito da combinación da natureza e da acción do ser humano, que mantén presenza nesta illa desde a prehistoria.

“O conxunto constitúe un exemplo senlleiro da evolución dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles”, dixo. A declaración inclúe 43 elementos, entre eles: camiños, pozos, muíños, fontes, hórreos, lavadoiros, a capela, o conxunto de mesa e bancos de pedra denominado Mesa da Marquesa, o Monumento á Serea, o cruceiro, o Curro das cabras, o faro, o peirao, o pazo e o conxunto de cons, illotes e elementos da paisaxe.

CONSERVACIÓN E PROTECCIÓN

“En total, protéxense as 2.500 hectáreas marítimas e terrestres de territorio do arquipélago de Sálvora, para garantir así as condicións de conservación e protección dos seus valores culturais”, abundou, ao que engadiu que, en total, son tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons: Sálvora, as illas de Vionta e Noro e as illas de Sagres.

A Xunta realizou o expediente coa colaboración co Consello da Cultura Galega, coa Real Academia Galega de Belas Artes e coa Facultade de Xeografía e Historia da USC, recibíndose unha única alegación, que foi respondida incorporando unha referencia explícita ao papel dos fareiros na historia de Sálvora.

O titular da Xunta fixo fincapé en que este novo Ben de Interese Cultural supón un novo impulso á candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco, xa que Sálvora forma parte dela. Unha candidatura que xa pasou á fase final da selección da Unesco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta