A Xunta dispara un 96% o gasto en propaganda en medios polo Día das Letras mentres conxela axudas ao libro

Tras incrementar un 106% o orzamento da campaña institucional do Día do Libro, o Goberno dobra agora tamén os cartos dedicados a publicidade nos medios polo Día das Letras Galegas, sumando en apenas un mes 718.000 euros en propaganda. Porén, mantén paradoxalmente conxeladas desde hai oito anos as axudas á tradución do libro galego e abandonou as editoriais nas feiras internacionais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta volve enviar unha nova partida de cartos a determinados medios pola vía da publicidade institucional. Despois de inxectarlles 123.000 euros na campaña do Día do Libro, en abril, agora destina outros 413.218,05 euros para o plan de medios co gallo do 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios da Xunta de Galicia, e o presidente Alberto Núñez Feijóo.
Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios da Xunta de Galicia, e o presidente Alberto Núñez Feijóo.

Deste xeito, en apenas un mes o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Medios —dependente de Presidencia— destinou 536.000 euros directamente ás arcas de determinados medios. A cifra aumenta se se contabiliza o total do gasto da contratación para estas campañas, nada menos que 717.884,84 euros en adxudicacións a empresas de marketing para poñer en marcha a campaña do Día do Libro (123.774,51 euros, con IVE) e a das Letras Galegas (594.110,33 euros).

A empresa á que se adxudicou o novo contrato para a poñer en marcha a campaña do 17 de maio é Avante Marketing y Medios SL. O orzamento total distribúese do seguinte xeito:

Plan medios Plan complemento (15%)  Total plan IVE Comisión IVE Orzamento licitación IVE licitación TOTAL
413.218,05 72.920,83 486.138,88 102.089,16 4.861,39 1.020,90 491.000,27 103.110,06 594.110,33

Como vén sendo habitual nas campañas publicitarias da Xunta, a prensa en papel volve ser a máis beneficiada. O orzamento para a campaña das Letras Galegas contempla nada menos que 222.282,44 euros para o papel, un soporte en clara decadencia, con cada vez menos lectores, pero que acapara nada menos que máis da metade dos cartos programados no plan de medios.

Deste xeito, xornais como La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou El Correo —os que acostuman ser máis beneficiados pola Xunta— seguirán recibindo grandes incentivos da Administración pública para manter as súas decadentes edicións impresas.

Pola contra, a publicidade destinada a medios dixitais apenas suma 50.711,75 euros, mesmo superada pola radio, que ascende a 84.630,76. O orzamento para televisión é de 32.073,20 euros, mentres que se reservan 23.520 para publicidade exterior.

DOBRA O GASTO EN PROPAGANDA, CONXELA AS AXUDAS AO LIBRO

En 2017, a mesma campaña das Letras Galegas custou 302.700 euros (con IVE) e en 2016, 305.525 euros (IVE incluído). É dicir, o gasto este ano en campañas propagandísticas en medios dóbrase respecto a anos anteriores.

Estas campañas demostran, unha vez máis, que a publicidade institucional escapa dos axustes orzamentarios da Xunta, que segue aumentando escandalosamente as partidas dedicadas a medios —nada menos que con incrementos do 106% no Día do Libro e do 96%, co gallo do Día das Letras—, mentres, por exemplo, e paradoxalemte, mantén conxeladas por oitavo ano as axudas directas ás editoras do libro galego

Recentemente, consultados por este xornal, varios editores de libros criticaron moi duramente que a Administración siga aumentando o orzamento para pagar publicidade en medios mentres mantén conxeladas as axudas ao sector libreiro e déixaos practicamente abandonados nas feiras internacionais. Os editores piden máis axudas para as editoriais e estratexias para gañar lectores máis eficaces que campañas puntuais en prensa, radio e televisión.

Un informe do Consello da Cultura Galega revela que houbo "menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016". De feito, a evolución global da cifra de libros publicados en lingua galega ofrece unha caída dun 52,4% entre 2010 e 2016. 

No mesmo informe sublíñase: "As políticas de gasto público non contribúen a mellorar esta situación, xa que os orzamentos dos principais programas de fomento do libro e da lectura sofren un gran recorte na última década, cun descenso que se sitúa por riba do 50%". Recortes que contrastan co 100% de aumento do gasto en campañas en medios. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Venancio

A ver si tenéis más educación! Ella es de buena familia de toda la vida. Ya sus padres y abuelos lo eran. Nunca dieron nada de qué hablar. Como Mary Popins; prácticamente perfectos. Él tuvo un desliz de juventud con Marcial Dorado. Pero por lo demás, perfecto, como su familia. Ya viene de abuelos de buena familia.

2 Ana das lorbagasverdes

Outra cousa son as motos que nos venden ou deixamos que nos vendan. Así que temos o que merecemos e os "progres" merecedes isto e máis. Por certo, non vos facedes eco destas nova: https://www.sermosgaliza.gal/articu... Boa fin de semana e a ser felices en progrelandia mentres vos enganades un pouquiño máis día a día, minuto a minuto, segundo a segundo e remetedes tuis. Que feliz debe de ser unha remetendo tuis. Eu é que non teño tempo. Calquera día me meto a remetedora de tuis y vendedora de amotos.

1 Ana das lorbagasverdes

As veces semella que vides de caer dun guindo. E que isto é unha nova? Todos sabemos da política de marketing... De feito, segundo me comentaron a fin de semana pasada, ata na educación da rapazada está moi vendido iso de que hai que saber "venderse", saír nos medios, remeter tuis... A ver, o importante é a noviña no xornal... Son os tempos e eu coñezo a moita xente progre que cala e polo tanto outorga. Ensinar a ler, escribir e entender o mundo é moi duro e pouco gratificante... E moito mellor un proxectiño que se presente na prensa e que tanto lles gusta aos papás e mamás... Se pode ser en inghles e con TIC mellor. Isto é Galicia...