Temas: MONDOñEDO

As Quendas de Mondoñedo son moito!

Todo preparado para que Mondoñedo celebre a súa festa grande de primavera do 30 de abril ao 1 de maio. Como é costume, haberá actividades para goce de todos os sentidos e a diversión está asegurada.

Por X.M. Fernández | Mondoñedo | 27/04/2018 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

As Quendas naceron cunha feira franca libre do imposto das alcabalas alá polo século XVI, sendo este trabuco o máis importante do Antigo Réxime pois gravaba o comercio e proporcionaba grandes ingresos á Facenda Real. Pasando por moi malas épocas en canto a prestixio, eclipsadas sempre polas San Lucas, as festas empezaron a coller pulo da man da Asociación As San Lucas presidida por Miguel Souto e integrada por grandes activistas culturais entregados sempre a tan nobre misión de exaltar a importancia social e intelectual de Mondoñedo.

Encontro de música e baile tradicionais na praza da Catedral durante as San Lucas de Mondoñedo
Encontro de música e baile tradicionais na praza da Catedral durante as San Lucas de Mondoñedo

A día de hoxe son xa unha festa de “obrigado cumprimento” na Mariña cun programa de actividades que a converte nunha festa total, nun parque de atraccións para os sentidos. Tal é así que o mesmo vídeo promocional que a asociación está facendo correr polas redes sociais emprega o espertar dos sentidos para referirse á temática das diferentes actividades que completan o programa. Nas Quendas goza o padal coas xornadas gastronómicas da carne de poldro, o mercado de produtos do campo, as polberías, a Festa da Empanada; gozan os oídos co monólogo de Touriñán, os coros, os grupos de gaitas e as grandes orquestras; goza tamén a vista co concurso hípico, o teatro, a gran feira cabalar, a primeira xuntanza de vespas, lambrettas e motos clásicas; e goza o corazón co “Mondoñedo é poesía”… Un auténtico “festival dos sentidos” ou como sempre se lle chamou en Mondoñedo: Feiras e Festas de “As Quendas 2018”.

O comezo oficial será mañá sábado pola noitiña, coa recepción e acompañamento da pregoeira Ruth Chao dende a Casa do Concello ata o Auditorio Pascual Veiga onde terá lugar o pregón sobre as 20.30 h. A continuación farase o acto simbólico de acendido do arco conmemorativo dos cento vinte e cinco anos da chegada da luz eléctrica a Mondoñedo.

O domingo 29 de abril comezan as xornadas gastronómicas de carne de poldro galego, celebrándose tamén a primeira xuntanza de vespas, lambrettas e motos clásicas e a exhibición de concurso hípico de salto. Chegados ao luns 30 o protagonismo correrá a cargo do actor e humorista Xosé Antonio Touriñán que ofrecerá dous pases do seu monólogo “Manolo Lojo” no Auditorio Pascual Veiga.

O peche das festas, martes primeiro de maio, destaca pola Festa da Empanada que chega á súa trixésimo quinta edición, a Gran Feira de gando cabalar no Campo da Feira, o espectáculo de monicreques polas rúas e “Mondoñedo é poesía” en diferentes localizacións da cidade rematando co recital poético musical no Auditorio Pascual Veiga de 18.30 a 20.00 h.

Os cabalos ao seu paso polo barrios dos Muíños.
Os cabalos ao seu paso polo barrios dos Muíños.

Manolo Lojo, personaxe de Xosé A. Touriñán.
Manolo Lojo, personaxe de Xosé A. Touriñán.
Temas: MONDOñEDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta