Temas: PSICOLOXíA

Os psicólogos alertan do impacto negativo sobre a saúde laboral das políticas económicas actuais

As experiencias actuais mostran tanto a frustración en persoas desempregadas como a insatisfacción nas persoas ocupadas debido á falta de seguridade laboral.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/04/2018 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Nun comunicado do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia con motivo do 1º de Maio, apúntase que o traballo é un eixe central da experiencia humana. Non só porque represente o principal medio para acceder aos recursos económicos necesarios para vivir, senón tamén porque é unha ferramenta básica de inclusión actuando como institución socializadora, como fonte de intercambios sociais ou como característica da identidade individual.

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

O traballo é un trazo definitorio do modo en que as persoas xulgan o seu valor para a sociedade, para as súas propias familias e para si mesmas.  Porén, o traballo tamén pode carrexar riscos para as persoas traballadoras cando as condicións nas que se leva a cabo son precarias e producir malestar e insatisfacción cando non se consegue acceder a un emprego. O traballo é, polo tanto, unha fonte de saúde e de enfermidade, de benestar e malestar, a nivel físico, psicolóxico e social.

Durante a última década producíronse vertixinosos cambios económicos, políticos e sociais que impuxeron unha fonda transformación na actividade laboral, nas formas organizativas que a estruturan e no propio mercado de traballo. Esta metamorfose laboral materializouse nunha redución progresiva dos elementos que configuran o estado de benestar. Particularmente, concretouse nunha dobre ameaza para a saúde pública ilustrada na cantidade e calidade do emprego asalariado dispoñible.

Así, mentres que moitas persoas en idade de traballar ou ben quedaron fóra do mercado de traballo ou teñen unha limitada inserción laboral, as persoas que traballan experimentan maior inestabilidade e intensificación e tamén unha crecente precarización da vida laboral froito da reorganización flexible do traballo. Como resultado temos por unha banda que as dificultades de inserción laboral xeran impotencia, frustración e sentimentos de fracaso persoal e profesional. Pola outra banda, a experiencia laboral de moitas das persoas que teñen un posto de traballo resulta estresante e insatisfactoria, afectando en ambos casos ao seu benestar psicolóxico e a súa capacidade laboral.

Por todo iso, é necesario incorporar unha visión psicosocial para ter una comprensión global e integral do mundo do traballo. A participación dos psicólogos e psicólogas resulta, neste contexto, absolutamente imprescindible toda vez que os e as profesionais da Psicoloxía posúen un conxunto de coñecementos teóricos e ferramentas aplicadas sobre as distintas dinámicas individuais, grupais e organizativas relativas ao traballo que permiten identificar solucións para mellorar a empregabilidade, e o benestar e o desempeño das propias organizacións e do seu persoal.

Temas: PSICOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana das lorbagasverdes

Vaites, parabéns: sodes os campións das novas obias, obiamente coma é obvio. A ver, en verdade pensades que somos parvos ou caemos dun guindo? A esta conclusión chega miña nai soa que ten 88 anos e foi á escola, coma di ela, cando nadaban as ovellas. Un pouco de seriedade, por favor.