Temas: EE.UU.

“Os estadounidenses admiran do galego que sobrevivira séculos coexistindo cun idioma máis poderoso”

A profesora da Universidade de Regis, en Colorado, é unha das organizadoras do III Simposio norteamericano de estudos galegos que terá lugar en Denver en outubro deste ano. É a terceira cita dun foro que está abrindo novos camiños ao estudo do galego nos EE.UU. Un idioma que ano tras ano atrae a máis estudantes que ven na nosa lingua un reducto contra a globalización.

Por Xurxo Salgado | Denver, Colorado | 04/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Os estudos galegos nos Estados Unidos permite aos estudantes ter unha oportunidade de botar unha ollada directa a unha lingua e a unha cultura minorizadas vivas que viviron no mundo da oralidade durante séculos e que hoxe enfrontan os efectos da estandarización e 'globalización'/ 'glocalización'”, suliña Obdulia Castro. 

A profesora Obdulia Castro, da Regis University de Colorado
A profesora Obdulia Castro, da Regis University de Colorado

Para a profesora galega, o galego abre a oportunidade de xerar un diálogo entre académicos norteamericanos, internacionais e galegos para analizar de preto a situación do galego hoxe e engadir novas aportacións ao estudo das linguas e culturas minorizadas do mundo.

Neste terceiro simposio colaboran, entre outros investigadores, especialistas e profesores universitarios Maria Akrabova, Maria Rey-Lopez, Carrie Ruiz, Miriam Sánchez-Moreiras, Peter Elmore, Javier Torre, Susan Walter, Antonio Pedrós Gascón, Maite Correa ou Cristina Moreiras Menor e Gabriel Rei-Doval. No comité organizador do III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos tamén se inclúen un bo número de membros da facultade das universidades de Colorado.

Este anos chégase á terceira edición do North American Symposium of Galician Studies. Está collendo forza o galego como lingua de estudo? 

Os estudos galegos están collendo forza nos Estados Unidos grazas ao traballo dos estudosos que comparten o seu interese neste campo cos seus estudantes e colegas.  Nos últimos anos, estudosos como Kirsty Hooper (Universidade de Warwick), Eugenia Romero (Universidade do estado de Ohio), Benita Sampedro (Universidade de Hofstra), Gabriel Rey Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee), Cristina Moreiras-Menor (Universidade de Michigan-Ann Arbor), María Elena Soliño (Universidade de Houston), Danny Barreto (Universidade de Colgate), Germán Labrador (Universidade de Princeton), entre outros, espertaron o interese polos estudos galegos a través das súas clases, proxectos de investigación e a súa participación activa en grupos profesionais. A inclusión dunha nova Sección Permanente e un Grupo de Discusión sobre Estudos Galegos como parte da Asociación de Linguas Modernas (MLA) tamén está a dar ao galego a visibilidade necesaria para medrar como un campo de estudos en América do Norte. 

Participantes no II Simposio de Estudos Galegos  nos EE.UU.
Participantes no II Simposio de Estudos Galegos nos EE.UU.

Nesta ocasión é a Regis University de Colorado a que acolle o evento. Cal é a experiencia deste centro no estudo do galego? 

O Departamento de Linguas e Literatura Clásicas e Modernas da Universidade de Regis en Denver ten exposto aos seus alumnos á lingua, historia e cultura galegas desde hai máis dunha década. Os alumnos responden con grande interese á la introdución de temas previamente descoñecidos.  Os alumnos de Regis participaron nas conferencias da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) e tamén no primeiro e segundo simposio de Estudos Galegos en América do Norte. Tamén incorporaron a súa investigación sobre o galego en presentacións académicas noutras conferencias nos Estados Unidos. Un bo número destes estudantes continúa o seu interese polos estudos galegos en programas de posgrao en diferentes universidades dos Estados Unidos. 

Efectivamente, porque nos últimos anos non sodes poucos os investigadores e académicos que comezachedes a "mapear" os estudos do galego en Norteamérica. Por que e con que finalidade? 

A riqueza e profundidade dos estudos galegos merece sempre unha atención e un estudo especial, pero no mundo da migración e das linguas e culturas minorizadas do mundo no que vivimos hoxe, o eido dos estudos galegos nos Estados Unidos permite aos estudantes ter unha oportunidade de botar unha ollada directa a unha lingua e a unha cultura minorizadas vivas que viviron no mundo da oralidade durante séculos e que hoxe enfrontan os efectos da estandarización e 'globalización'/ 'glocalización'. Este campo de estudo non só é rico nas súas orixes propias, senón que tamén permite ter unha oportunidade de estudar unha situación na que a historia, o idioma e a cultura están entrelazados coa economía global contemporánea.

Os outros dous congresos asentaron xa as bases da importancia do galego como materia de estudo en Norteamérica, que agardades neste terceiro congreso? 

Ademais de facer o que o título ‘Os Estudos Galegos rumbo aos Oeste' implica emulando de xeito o Camiño de Santiago, que traendo os peregrinos ao oeste do mundo trouxo o mundo europeo a España e Galicia, pretendemos expandir e abrir a oportunidade de xerar un diálogo entre académicos norteamericanos, internacionais e galegos para analizar de preto a situación do galego hoxe e engadir novas aportacións ao estudo das linguas e culturas minorizadas do mundo. O galego preséntase como un magnífico estudo de caso para analizar o mantemento e, ao mesmo tempo, o cambio lingüístico e cultural. Isto significa explorar non só a dinámica da lingua, cultura, raza, etnia, nacionalidade, relixión, xénero e sexualidade, senón tamén as implicacións sociais e estruturais do privilexio, o poder e a orde política e social en América do Norte, Galicia e o mundo.

Dicías que neste foro tamén participan importantes especialistas como Maria Akrabova, Maria Rey-Lopez, Carrie Ruiz, Miriam Sánchez-Moreiras, Peter Elmore, Javier Torre, Susan Walter, Antonio Pedrós Gascón, Maite Correa ou Cristina Moreiras Menor e Gabriel Rei-Doval. Cal a súa aportación ao galego e o seu papel neste congreso? 

Tódolos membros do comité organizador do terceiro simposio norteamericano de estudos galegos xa teñen antecedentes extensos sobre os estudos galegos ou están moi interesados ​​en participar neste interesante campo e levalo á atención dos seus alumnos.  Cristina Moreiras Menor (Universidade de Michigan-Ann Arbor) e Gabriel Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee) teñen publicado extensivamente neste campo e foron os organizadores dos dous simposios previos. Colorado ten conexións pasadas e presentes con Galicia e cos estudos galegos. O Departamento de español e portugués da Universidade de Colorado, Boulder (Peter Elmore é o actual director) tivo un programa de intercambio de estudantes de posgrao coa Universidade de Santiago de Compostela a través do cal moitos estudantes galegos que completaron a súa licenciatura na USC realizaron o seu posgrao en Boulder. Tres membros do comité organizador do III Simposio son graduadas deste programa: María Rey-López (Universidade Estatal Metropolitana de Denver (MSU)), Miriam Sánchez Moreiras (Universidade de Regis) e Carrie Ruiz (Colorado College). Moitos estudantes de Boulder foron a Galicia para estudar na USC e ensinar no Instituto inglés.  A universidade MSU ofrece aos seus alumnos a oportunidade de facer o Camiño de Santiago e recibir crédito académico.  Susan Walter (Universidade de Denver) leva anos traballando sobre temas galegos e acaba de publicar 'Enfoques para ensinar os escritos de Emilia Pardo Bazán' co-editado como parte do enfoque do MLA para ensinar a serie de literatura mundial. Este volume inclúe un artigo de Javier Torre (Universidade de Denver), outro dos patrocinadores do simposio. Antonio Pedrós Gascón (Universidade do Estado de Colorado) ten traballado co autor Suso de Toro e na área de realidades transnacionais.  Maite Correa (Universidade do Estado de Colorado) ten traballado moito nas áreas de e ensino de linguas a falantes de herdanza.  

Ao decidir que os estudos galegos levasen rumbo ao oeste, considerar as opcións para que unha institución universitaria acollese o simposio semellaba o xeito natural de avanzar, considerando que así foi como se fixo no pasado.  Tendo en conta as conexións pasadas e presentes de Colorado e Galicia, decidín deseñar o III Simposio coma un espazo colaborativo onde non só académicos doutras partes do mundo, senón do propio Colorado, puidesen colaborar para compartir a diversidade dos estudos galegos. Por iso, pedín ás universidades da área de Colorado unirse á Universidade de Regis para co-patrocinar o III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos. O comité organizador do III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos inclúe un bo número de membros da facultade das universidades de Colorado e, ata o momento, temos recibido ofertas de fondos para patrocinar presentadores e actividades durante o simposio das seguintes persoas e oficinas: Dr, Sandra Wong, Decana do Colorado College; Dr. Tom Bowie, Decano de Regis College; Dr. Janet Houser, Preboste da Universidade de Regis; Dr. Joan L. Foster, Decana de MSU e Dr. Maria Akraboba, directora do Departamento de Linguas de MSU.

Ti levas xa anos de docencia nos EE.UU. Que busca un estudante ou investigador cando elixe o galego? 

As persoas desenvolven o seu interese por este tema de moitas maneiras: interésanse por un determinado autor e / ou por un período de tempo, exploran diferentes aspectos lingüísticos e teñen interese no desenvolvemento do idioma. No meu caso particular, despois de perder o galego na escola, cando o galego era a lingua da casa pero non o idioma da escola, desenvolvín moi cedo o desexo de estudar como as políticas lingüísticas, os procesos de estandarización e os gobernos inflúen no mantemento e / ou desaparición das linguas e culturas. Non podendo tomar clases en galego, tomei clases en portugués, que me fixeron ter unha nova e máis ampla perspectiva do ensino e aprendizaxe de linguas así comoa do mantemento das linguas do patrimonio. ¿Por que o investigador elixe estudar galego? Por mor da riqueza dunha lingua e dunha cultura que logrou sobrevivir durante séculos malia que non tiña un estándar e coexistía cun idioma estandarizado e máis poderoso.

Pero que é o que máis lles gusta da nosa cultura, do noso país? 

A historia, a música, a cultura, a paisaxe son elementos que atraen aos norteamericanos ao campo dos estudos galegos.  Cando os estudantes dos Estados Unidos entran en contacto cos estudos galegos por primeira vez, fican sorprendidos de que a riqueza da historia destes temas non se lles teña presentado antes. Os alumnos namóranse dos temas cuxo estudo desperta un interese continuo. Os interesados ​​na lingüística están fascinados polo mantemento da lingua e da cultura e aproveitan esta oportunidade para seguir estudando os procesos asociados ao cambio lingüístico e á posición do galego no mercado lingüístico.

E cres que o noso idioma que ten potencial de futuro nese país?

Como dixen anteriormente, os estudos galegos teñen e, se seguimos traballando nesta área, seguirán tendo un futuro neste país. Os Estados Unidos están a enfrontarse coa presenza de linguas diferentes do inglés e os estudos galegos contribúen grandemente a comprender a situación das distintas linguas e culturas en contacto. A historia da migración galega engade unha perspectiva diferente á migración non só nos Estados Unidos, senón no mundo neste momento. Os estudos galegos dannos unha magnífica oportunidade de ver o mundo con 'novos ollos'.

Unha das principais campañas que tedes realizadas nos EE.UU é conseguir que se creara unha sección propia de galego na Modern Language Association. Cal é o traballo desta sección? 

O traballo da sección de estudos galegos (LLC Galician) na MLA asegura que teñamos polo menos unha sesión adicada aos Estudos Galegos na convención anual da asociación. Isto dá ao galego unha presenza clara e visible entre todas as linguas representadas na MLA, unha das asociacións académicas máis grandes do mundo, con máis de 24,000 membros en 100 países. O decembro pasado, Danny Barreto, Secretario do grupo LLC Galician, foi elixido como o noso representante na Asemblea de Delegados da MLA. Esta é a primeira vez que o Grupo de Estudos Galegos está representado na Asemblea de Delegados. Tamén ao mesmo tempo, Veronica Loureiro, (Universidade de Manitoba) foi elexida como nova membro do grupo LLC Galician desde o 2019. Ter Veronica Loureiro como membro do noso grupo, significa engadir unha valiosa representante de Canadá ao noso grupo norteamericano.

Que se leva feito ata o de agora?

Comezando na Convención MLA en Austin, Texas no ano 2016, o grupo LLC Galician patrocina polo menos unha sesión como parte da conferencia. En xaneiro de 2016 houbo catro sesións diferentes cun tema galego na convención: dúas patrocinadas polo noso grupo, unha patrocinada pola Asociación Americana de Profesores de Español y Portugués (AATSP) e outra independente patrocinada por Danny Barreto da Universidade de Colgate. Durante a sesión de 2017 en Filadelfia, tivemos dúas sesións patrocinadas polo noso grupo e unha sesión patrocinada por Olga Castro (Universidade de Aston, Reino Unido) e tamén presentacións individuais sobre temas galegos incluídos en sesións patrocinadas por outros grupos de enfoque do MLA.  Unha das sesións do LLC Galician en 2017 tivo como oradores convidados a Francisco Dubert-García, Xulio Sousa e Rosario Alvarez, todos da Univ. de Santiago de Compostela. As presentacións como esta última cumpren o noso obxectivo de fomentar un verdadeiro intercambio entre académicos galegos e norteamericanos nos que as dúas partes se benefician da súa respectiva experiencia: os estudosos galegos teñen a oportunidade de compartir a súa investigación cos estudosos norteamericanos, mentres que ao mesmo tempo están expostos ao sistema de investigación académica estadounidense. Ámbolos dous lados comparten unha experiencia de aprendizaxe incrible e rica, os efectos dos cales supoñen un enriquecemento dos seus eidos de traballo.

Cales son os teus proxectos futuros no campo da lingua en EE.UU.?

Neste momento estou a realizar un proxecto de investigación sobre o mantemento do español novo mexicano tradicional, coñecido como a máis antiga variedade do español en América, comparándoo co galego en Galicia. O obxectivo deste proxecto de investigación é amosar como o proceso de normalización como parte do proceso de creación de alfabetización contribúe á desaparición de variedades tradicionais e ao establecemento de novas variedades 'estándar'. Tamén, fiel ao meu interese no ensino e aprendizaxe de linguas extranxeiras e linguas de herdanza, a mina liña de investigación actual céntrase nas diversas aproximacións á inclusión da cultura e das oportunidades esperianciais no proceso de aprendizaxe. A situación e historia do galego supoñen unha perspectiva enriquecedora ao estudo da situación lingüistica dos Estados Unidos.

Temas: EE.UU.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta