Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/05/2018 | Actualizada ás 20:45
A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa acordou impulsar a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña e requirir á Xunta de Galicia, mediante a presentación dunha alegación conxunta dos concellos impulsores, a súa inclusión no Plan de Transporte Público de Galicia, que se atopa en fase de exposición pública.
"Amosamos así o noso interese en construír, tendo iniciativa e presentando proxectos, e creo que sería bo que a Xunta apostase pola Coruña, que vise que a potencialidade que ten como área metropolitana depende de que nos dotemos de determinados instrumentos imprescindibles como a Autoridade Única de Transporte e que aposte por ela como no seu momento fixo pola de Vigo", expresou o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro.
Na xuntanza, que se celebrou no Pazo de María Pita, participaron, ademais de Ferreiro, a rexedora de Bergondo e os rexedores de Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, que tiveron a oportunidade de coñecer da man do vicepresidente executivo da Área Metropolitana de Barcelona e alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, e o seu xerente, Ramón Torra, "como abordan dende un dos modelos de área metropolitana máis exitosos a xestión do transporte e tamén doutras políticas como o urbanismo, a mellora do espazo público ou as políticas sociais e de estímulo á actividade económica".
Ferreiro explicou que, tras a participación de Balmón e Torra, a Mesa de Alcaldes e Alcaldesa avanzou no camiño para a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña baixo un modelo de consorcio, participado polos municipios impulsores e a Xunta de Galicia, "e que terá as facultades para planificar, coordinar e xestionar no seu conxunto" o servizo de transporte da futura área.
"Estamos a facer un esforzo importante, tanto a nivel técnico como político, para que o proxecto saia ben. O primeiro que escoitei da conselleira de Infraestruturas e Vivenda sobre a Autoridade Única de Transporte foi que era unha ocorrencia, que creo que non é unha boa maneira de comezar. No seu momento o presidente da Xunta amosouse disposto a que o transporte metropolitano fose o eixo sobre o que comezar a construír a área e agora é o momento de ver se esa disposición é real ou non", apuntou Ferreiro.
Para comezar a elaborar a iniciativa dos concellos, os rexedores e a rexedora encomendaron á Mesa Metropolitana de Transporte a redacción, "á maior brevidade posible", dunha proposta de alegación para o Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, "tanto aos efectos de planificación como de integración, metropolitana e urbana, das liñas de transporte", ao mesmo tempo que facultaron ao alcalde da Coruña a solicitar unha reunión conxunta coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia.
Neste sentido, a Mesa chegou tamén ao acordo de "reprobar o menosprezo do ministro de Fomento e do presidente da Xunta de cara á cidade e a súa área metropolitana" por ter visitado a cidade sen dar nin sequera resposta ás solicitudes de entrevista cursadas en conxuntos polos alcaldes e alcaldesa. Por iso, a Mesa reiterará ás peticións para a celebración deste encontro, nas que esixirá unha contestación nun prazo máximo de dez días, "antes de adoptar outras medidas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.