Temas: RANDE BNG

O caos de Rande xa ten resposta política

O BNG pide sancionar a Audasa pola "situación intolerable" provocada polas obras en Rande. Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña constata que os veciños están "fartos", após outra fin de semana de atascos

Por E.P. | Vigo | 07/05/2018 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

As obras de asfaltado da ponte de Rande, que provocan retencións e tráfico lento a diario (as últimas esta fin de semana, coincidindo co 'derby' e a afluencia ás praias) acabaron coa "paciencia" dos cidadáns, segundo afirmou este luns o deputado do BNG, Luís Bará, que esixiu a Fomento que abra expediente sancionador á concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa.

Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande
Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

En declaracións aos medios, Luís Bará constatou que a situación é "intolerable", e lembrou que a ampliación da ponte inaugurouse a finais do ano pasado "para favorecer os intereses" da empresa, aínda cando as obras non estaban rematadas. "O que máis nos preocupa é a pasividade do Ministerio de Fomento, coa complicidade da Xunta, que permite esta estafa e este abuso", proclamou, e esixiu "que se empecen a pór multas" a Audasa "pola desastrosa xestión" destas obras e da autoestrada en xeral. Así mesmo, reclamou "medidas compensatorias" para os usuarios que, despois de estar "até unha hora" atrapados na ponte, teñen que pagar a peaxe.

VECIÑOS "ABSOLUTAMENTE FARTOS"

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, criticou a "falta de respecto institucional" do Ministerio de Fomento que, non só non comunicou no seu día que as obras de Rande estaban sen acabar, senón que tampouco aclara cando finalizarán eses traballos. "É unha auténtica chapuza na xestión e falta de respecto institucional. Os veciños están absolutamente fartos", sentenciou.

Santos tamén lamentou que as obras de asfaltado non se realizan "con celeridade", xa que o ritmo descendeu en comparación ás quendas de traballo que había para a ampliación da ponte.

Por outra banda, e a preguntas dos medios, a alcaldesa referiuse tamén ás obras de conversión do corredor do Morrazo en autovía, e celebrou a próxima apertura, "no prazo pactado", dos tramos que xa están desdobrados.

Non entanto, incidiu en que Moaña non participará en ningún acto nin inauguración ata que a Xunta non repoña os viais municipais danados polo paso de camións pesados e solucione os problemas de condución de augas pluviais, que están a causar perxuízos a vivendas.

Temas: RANDE BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta