Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2018 | Actualizada ás 17:38
O Parlamento galego mostrou este mércores a súa "comprensión coa decepción e a indignación" das mulleres e expresou o seu "desacordo" coa sentenza da Audiencia Provincial de Navarra que o pasado 26 de abril condenaba os cinco membros da coñecida como 'La Manada' a nove anos de prisión por un delito de abuso e non de agresión sexual.
Nunha declaración institucional que leu o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, na sesión plenaria deste mércores, a Cámara reafírmase no seu "respecto á independencia do poder xudicial", aínda que considera que "toda manifestación pública do exercicio dos poderes dun Estado democrático está exposta á opinión pública".
Ademais, na declaración —que require o apoio de todos os grupos con representación no Pazo do Hórreo—, o Lexislativo galego lembra que o fallo "non é firme" e, por tanto, "pode ser recorrido co obxectivo de que se modifique a cualificación xurídica" dos feitos probados como delito continuado de abuso sexual.
Neste sentido, a Cámara traslada o seu "acordo" co anuncio do Ministerio Fiscal de presentar recurso contra a sentenza.
TRABALLAR "A PROL DA IGUALDADE REAL"
O Parlamento galego tamén trasladou "todo o seu apoio e solidariedade" á vítima e os seus achegados.
Finalmente, reafirmou o seu "compromiso para continuar traballando a favor da igualdade real e efectiva" e "en defensa dos dereitos das mulleres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.