Pilar Cancela pide que os candidatos socialistas para as cidades sexan elixidos "canto antes"

Sobre a Comisión de investigación de Angrois: "Toca establecer o calendario e empezar a traballar; non hai máis escusas"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2018 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

A deputada do PSdeG-PSOE no Congreso Pilar Cancela fai un chamamento a que os candidatos socialistas para as alcaldías das cidades galegas sexan elixidos "canto antes" porque "un ano pasa moi pronto" e "queda bastante menos do que parece" para a cita coas urnas.

Pilar Cancela, na comisión do pacto contra a violencia machista
Pilar Cancela, na comisión do pacto contra a violencia machista | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista este domingo na Cadena Ser, Cancela lembrou que a decisión de marcar o calendario pertence "á executiva galega e a cada federación", pero, ao seu entender, o proceso de elección de candidatos non pode dilatarse no tempo, "polo menos nas grandes cidades".

E é que, para a que foi presidenta da xestora dos socialistas galegos no período de interinidade desde a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro á elección de Gonzalo Caballero, as sete cidades galegas "son os referentes máis importantes" e "sustentan o armazón institucional" socialista.

Hai pouco máis dun mes, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, emprazou ao comezo do novo curso político o próximo mes de setembro para a elección dos cabezas de listas do PSdeG, formación na que só parecen perfilados os candidatos naquelas cidades onde ostentan alcaldías, como Vigo ( Abel Caballero) e Lugo (Lara Méndez).

"Un ano pasa moi pronto. Queda bastante menos do que parece; sobre todo naqueles sitios onde haxa que conformar novos equipos", asegurou Cancela, que cre que contar con candidaturas definidas permitiría "empezar a traballar dunha maneira máis asentada".

A continuación, comentou que "a novidade" no escenario municipal do próximo ano será "a irrupción" de Ciudadanos en Galicia, que cre que será "importante" aínda que "se cadra non tanto" como o partido laranxa "pensa".

"ESTAR UNIDOS"

Cancela chamou a dedicar "as 24 horas do día" á carreira por recuperar o terreo perdido na política local, un obxectivo para o que o PSdeG debe "estar unido" e "evitar ao máximo trasladar ao exterior os conflitos orgánicos".

Para a parlamentaria, o secretario xeral dos socialistas galegos posúe "toda a competencia e o dereito a trazar a folla de ruta e marcar os obxectivos en coordinación cos órganos provinciais, a estrutura orgánica do partido".

Ademais, reclamou para Caballero "un pouco de marxe" porque ten fronte a el "un reto asombroso" no que, ao seu xuízo, "estará á altura". "Hai que darlle esa oportunidade porque o merece", apostilou.

TRABALLO NAS CORTES

Cancela tamén se referiu ao traballo que desempeña nas Cortes, onde preside a Comisión de Igualdade encargada de levar a cabo as tarefas de seguimento do Pacto de Estado na materia.

"Pasaron sete meses desde que se asinou e hai determinadas medidas, sobre todo, un compromiso orzamentario de 200 millóns de euros que aínda está en dúbidas. O que toca é cumprilo para que non quede no papel", remarcou.

ANGROIS

A deputada socialista formará parte da Comisión de Investigación sobre o accidente de Angrois, que tratará de arroxar luz sobre o sinistro que deixou 80 mortos e máis dun cento de feridos no verán de 2013 nos arredores da capital galega.

Así, confía en que a comisión bote a andar canto antes, aínda que advirte que "neste período de sesións está a darse unha situación preocupante". "Moitísimas das iniciativas que debían ser de inmediata execución son bloquedas na Mesa do Congreso polas maiorías da dereita, da nova e a vella", comentou.

Con todo, sinalou que o que toca é "establecer o calendario e empezar a traballar; non hai máis desculpas"; á vez que defende que o PSOE chega á Comisión "sen ningún tipo de precacución nin predisposición" e co único obxectivo de "saber que pasou e que non volva suceder".

TRANSFERENCIA AP-9

Ademais, cargou contra a actitude do PP na petición de transferencia a mans autonómicas da xestión da autoestrada AP-9, reclamada por unanimidade no Parlamento galego.

"Creo que se está cuestionando a soberanía do noso país", indicou en relación a que o PP "atrase" que se debata nas Cortes unha "decisión unánime" do Parlamento de Galicia. "É vergoñento", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta