Catro novos terremotos sacoden Ponte Caldelas

O maior foi de 3,2 graos de magnitude. Os sismólogos non ven motivo de alarma ao non constar unha falla que poida orixinar un tremor preocupante, que sería a partir de magnitude 5.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2018 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A serie sísmica na provincia de Pontevedra continúa e nas últimas horas rexistráronse catro novos pequenos terremotos na zona de Ponte Caldelas, o maior deles cunha magnitude de 3,2 graos na escala de Ritchter, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN).

Características tremor Ponte Caldelas madrugada 17 de maio 2018
Características tremor Ponte Caldelas madrugada 17 de maio 2018 | Fonte: Europa Press

Segundo a central de emerxencias do 112, este tremor con epicentro en Ponte Caldelas foi percibido pola poboación, pero non causou danos materiais nin persoais. Estes novos catro tremores producíronse despois da secuencia de até 32 sacudidas rexistradas entre a tarde do martes e a madrugada do mércores.

Após rexistrarse o tremor de maior magnitude, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibiu un par de chamadas de veciños da vila pontevedresa e da parroquia de Salcedo, que aseguraron sentir como se movía o chan, pero sen haber constancia de danos.

O movemento sísmico de magnitude 3,2 tivo o seu epicentro en Ponte Caldelas, a unha profundidade de 17 quilómetros, e rexistrouse ás 5,13 horas da madrugada, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional. Un dos seus sismólogos, Luis Cabañas, explicou a que non hai motivo de alarma para a poboación, xa que non existe unha falla activa coñecida na zona que poida dar lugar a un gran terremoto.

SISMICIDADE HABITUAL

Os sismólogos consideran que a magnitude dun terremoto empeza a ser preocupante a partir dos 5 graos na escala de Ritchter, porque é moderado, pero capaz de producir danos estruturais se se produce preto dunha poboación. Como referencia, o terremoto rexistrado na localidade murciana de Lorca no ano 2011 tivo unha magnitude de 5,1 e deixou 9 vítimas mortais.

No caso dos 36 tremores rexistrados nas últimas horas na provincia de Pontevedra, o de maior magnitude foi o desta madrugada de 3,2, o cal para os sismólogos "entra dentro do normal" dos movementos sismícos que sempre houbo nesa zona, aínda que non existe constancia dunha serie "tan continuada".

Cando se dá esta circunstancia, dunha secuencia de pequenos terremotos sen que haxa un gran tremor principal, os sismólogos falan de "enxame sísmico" e atribúeno á existencia de "pequenas fallas que liberan a tensión acumulada producindo pequenas sacudidas", pero insisten que a xeoloxía, a día de hoxe, non ten coñecemento dunha gran falla. Iso si, puntualizan que "podería habela e non ser coñecida".

DURACIÓN IMPREDICIBLE

En calquera caso, Luis Cabañas apunta que esta serie "é moi curta de momento" e aínda que a súa duración é "impredicible", non cre "que poida haber algo moito máis alá" e que "o normal é que non dure moito". "Pódese estar tranquilo. Está dentro do tipo de sismicidade habitual na zona", indicou e lembrou que, por exemplo, o 1990 xa foi sentido nesta zona un terremoto de magnitude 3,1.

Ademais, en 1920 as crónicas aluden a un terremoto de intensidade 7 ao sur de Pontevedra, no camiño a Ponte Caldelas. Non existe unha equivalencia exacta, pero os expertos calculan que podería estar na contorna dunha magnitude 5.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta