A RAG sobre Moreno: "Protagonizou unha proeza nun tempo e espazo que esixía determinación"

O académico Xesús Alonso Montero subliñou que María Victoria Moreno recolleu un "insólito compromiso cívico e literario" co galego.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 17/05/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O académico numerario da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero subliñou que María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, "protagonizou unha auténtica proeza nun tempo e un espazo que esixía clara determinación", ao adquirir un "insólito compromiso cívico e literario" co galego.

Acto central polo Día das Letras Galegas 2018
Acto central polo Día das Letras Galegas 2018 | Fonte: Europa Press

No acto central polo Día das Letras Galegas, celebrado en Pontevedra, tamén a académica Fina Casalderrey definiu a Moreno como "un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa".

Así mesmo, a académica Marilar Aleixandre indagou na reflexión de María Victoria Moreno sobre o dilema das mulleres ante o rol de dedicarse a unha arte ou unha profesión, no seu caso escritora e profesora, e ser ama de casa. Un conflito ao que se enfrontou ela mesma, dixo Aleixandre, xa que Moreno "viuse obrigada a escoller entre pasar o ferro ou escribir", e comparou esta situación coa situación do galego.

Neste acto, fixéronse reiteradas mencións e encomios á neta de María Victoria Moreno, Victoria Feijóo, quen no acto institucional celebrado previamente recitou un poema, e á que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse como "a flor máis querida de María Victoria". "Non sei se recitou antes de hoxe, senón, hoxe nacía unha rapsoda", engadiu Alonso Montero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta