Beatriz Sestayo anuncia que non será a candidata do PSOE á Alcaldía de Ferrol en 2019

Di que o candidato será elixido en primarias. Ela continuará como secretaria xeral do partido e como portavoz municipal até as próximas eleccións

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2018 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PSOE en Ferrol e portavoz municipal, Beatriz Sestayo, anunciou este venres que non será a candidata socialista á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de 2019.

Rueda de prensa da secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo
Rueda de prensa da secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa ofrecida na tarde deste venres e na que estivo acompañada polos integrantes da súa executiva, Sestayo deu a coñecer esta decisión que, segundo indicou, está "moi reflexionada e meditada".

Na súa comparecencia na sede da agrupación local do PSOE de Ferrol, a tamén exparlamentaria autonómica asegurou que deixa o "tempo suficiente" para facilitar o recambio e "lograr unha Alcaldía" socialista na cidade.

"Unha decisión que tomei pensando no ben do Partido Socialista e da cidade", manifestou antes de considerar "necesaria unha alternativa de esquerdas solvente". Ademais, a portavoz do PSOE no Consistorio ferrolán xustificou a súa decisión pensada no "interese" do partido, na "procura de consensos e unanimidades", así como nun "bo clima" para traballar a favor da Alcaldía socialista.

AGRADECEMENTOS

Na súa intervención, a socialista agradeceu á súa familia o apoio dado ao longo destes anos e mostrou o seu desexo de "tratar de recuperar unha vida privada, familiar e tamén laboral, para poder realizar proxectos que actualmente son inviables".

Así mesmo, Sestayo tivo palabras de recoñecemento para a executiva galega e o secretario xeral, Gonzalo Cabllero, polo "apoio" e a "liberdade absoluta" para tomar a decisión que "quixese tomar".

Ademais, referiuse aos socialistas ferroláns como a súa "segunda familia", "tanto aos integrantes da executiva como ao resto", por apoiala, así como "á trincheira do grupo municipal, unha pequena familia que con traballo e moitas horas" tenta "compensar á cidade de Ferrol".

NOVO CANDIDATO

Na rolda de prensa, Sestayo incidiu en que a designación do candidato á Alcaldía de Ferrol será por eleccións primarias, un proceso interno para o que aínda non hai data concreta. "Será fixado por Ferraz e a executiva galega", sinalou. "Desde hoxe mesmo xa nos pomos a buscar á persona que aglutine o mellor do noso partido", destacou Sestayo, que puxo en valor a canteira dos socialistas ferroláns.

Por último, asegurou que o aspirante á Alcaldía contará coa súa lealdade como secretaria xeral do PSOE en Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Opa Canido

O candidato vai ser Julian Reina, amigo persoal de Mato, e que foi colocado por Valentín como asesor na Deputación cun soldo de 50.000 euros

1 RCDC

Dubido que Mato non o intente. Por que non?