A loita pola visibilidade das camareiras de piso

As camareiras de piso empoderáronse diante dunha situación absoluta de desamparo, tanto legal como laboral. As externalizacións dos servizos iniciadas polas cadeas hoteleiras, trouxeron a precarización para este sector. O caso é que diante de toda a desafección que elas denunciaron por parte de axentes sociais, decidiron organizarse e facer fronte á situación.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A hostelería conta dentro do seu abano de ofertas laborais coa de camareira de piso. Úsase o sustantivo feminino debido á feminización que este segmento laboral veu arrastrando desde non se sabe cando. No argot laboral e tamén da rúa, son coñecidas como “kellys”, posiblemente derivado da palabra tamén en argot, “kelo” que quere dicir cuarto.  Desde o ano 2014 as camareiras de piso están reivindicando unha serie de melloras laborais e sociais ao tempo que visibilizan un traballo ignorado pola maioría. Porque se pensamos en hoteis, moitos e moitas pensamos noutras categorías laborais que si están máis visibles para a cidadanía e a cientela.

Protestas diante hotel Bahía, Vigo
Protestas diante hotel Bahía, Vigo | Fonte: CGT

Con motivo da reforma laboral achegada polo goberno de Mariano Rajoy, todos os sectores industriais, incluído o do turismo onde se situaría o segmento hoteleiro, comezaron a aplicar reformas e reestruturacións dentro dos seus planteis de traballadores e traballadoras. Estas reestructuracións en realidade foron a eliminación de postos de traballo mediante a “redución de custos”. A redución traduciuse en externalización dunha serie de tarefas que pasaron a mans de subcontratas. E a consecuencia foi unha baixa na cantidade do salario, aumento de horas e traballo por obxectivos para poder ter un salario suficiente.

AS CAUSAS

Como xa se explicou, a orixe das mobilizacións das camareiras de hotel e outros empregos relacionados, comezaron diante do que ellas consideraban unha despreocupación ou desleixo por parte de empresas, sindicatos e autoridades laborais e  políticas. Así, Ángela Muñoz, vicepresidenta das Kellys Madrid, explica como foi nacendo o movemento. “Logo das diferentes externalizacións que envolveron planteis enteiros de traballadoras e traballadores, houbo unha baixa salarial que veu parella a unha redución nos dereitos laborais”.

A perda de dereitos laborais traduciuse nalgúns lugares na non subrogacións de traballadores e traballadoras, na súa inclusión en convenios laborais de empresa e non nos convenios base da hostalaría. Máis aínda, Ángela Muñoz destaca que “influiu negativamente na saúde de moitas compañeiras, pois doenzas como hernias de disco, diferentes doenzas relacionadas coa nosa actividade laboral, pois este é un traballo físico no que agora mesmo pódenche dicir que debes facer uns 400 cuartos por mes ao mellor a 2,30€”.

Os problemas de saúde laboral serían tratadas polas mutuas que contratan as empresas. Non obstante, non é a primeira vez que, como di Muñoz “esas mutuas din que son cuestións derivadas da menopausia, que é artrose ou osteoporose” doenzas que para esta traballadora son unha mostra “do sexismo cara este colectivo, derivado dunha feminización deste traballo e que ten como consencuencia a súa escasa valoración”. E non só temos o sexismo de cara as traballadoras. Tamén está a perda de calidade de vida dentro e fóra da actividade labora. “Non podes conciliar porque os horarios están pensados para realizar xornadas que permitan completar o cupo de cuartos que che asignan e logo está que, mentres as mulleres si entramos no mercado laboral, os homes non entraron aínda no mundo da conciliación”.

Por outra banda, se antes existían cursos de formación de cara ofrecer un servizo de calidade “hoxe as empresas ofrecen uns contratos en formación que poden durar tres anos, o que sería un contrato encuberto” sinala Muñoz, quen apunta tamén que nalgunhas empresas esta política laborall busca que traballadoras entre 40 e 50 anos deixen os seus postos para darlle paso a xente máis nova. Esta xente non tería unha formación previa, simplemente serían orientadas durante dous días e logo estarían traballando cunha veterana. “A situación é que por exemplo, non hai sitios para que as traballadoras poidan comer, fano nos mesmos cuartos e o máis destacable, os planteis son inestables porque as novas traballadoras non aguantan moito tempo” sinala Muñoz.

E a todo isto engadirlle que a carga de traballo aumentou considerablemente. Porque ademais de teren que apuntar nun caderno o número de cuartos que arranxan, de “pedir por favor aos clientes que lles deixen arranxar o cuarto porque se non o fan é diñeiro que non cobran”, tarefas como a limpeza integral que a facía persoal específico nunha data concreta, agora fano as camareiras e dentro do horario de traballo.

A VISIBILIZACIÓN

“Comezamos contactando polas Redes Sociais e así puidemos darlle visibilización a un traballo ignorado pola maioría social” di Ángela Muñoz, “isto axudou a porlle nome e apelidos ás persoas que estabamos detrás e tamén darlle nome ás empresas e hoteis que aplicaron as reformas laborais que denunciamos” e engade “que tamén lle fomos perdendo o medo pero algunhas non van por ese mesmo medo precisamente”. Ángela mesmo di que “estou vetada en dúas cadeas hoteleiras por pedir os meus dereitos, hoxe en día traballo como gobernanta”. Esta visibilización levounas á Moncloa, a seren recibidas polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, algo inaudito para moitos sectores. Mesmo creo que os grandes sindicatos anoxaron por non acudir a eles como mediadores, como di unha traballadora que non quere dar o seu nome.

Ángela Muñoz enuméranos as diferentes propostas que puxeron sobre a mesa: “ máis inspeccións laborais, tamén que recoñezan as nosas doenzas como doenzas laborais e como traballo penoso polas mesmas causas e por último, que os contratos deixen de ser temporais e parciais, pois co actual réxime de contratación non chegaremos á xubilación aos 67 anos”.

A cuestión é que elas mesmas, as kellys, son conscientes de que o lobby hoteleiro estará presionando para que as reformas que piden non se introduzan ou se se fai, que sexa da maneira menos prexudicial. “O sector turístico foi o último en entrar en crise e o primeiro que saiu”

EN GALICIA

O caso asaltou ás páxinas no mes de maio. As traballadoras do hotel Bahía de Vigo saían á rúa pedindo a súa readmisión. O motivo era que o hotel onde traballaban subcontratadas coa empresa Alliance Outsourcing. Por cuestións relativas á calidade do traballo e a orzamentos, o Hotel Bahía decide non continuar coa empresa Alliance e pasa a traballar coa empresa Nortempo. As traballadoras son despedidas, un total de vinte e tres camareiras de piso que van á rúa.

A complicación  é maior cando aparecen dous imprevistos. Primeiro, Nortempo, a nova empresa non subroga, non contrata as traballadoras que estaban con Alliance. “Segundo Nortempo, a lexislación en Galicia non lles obriga a subrogar a conratación desas traballadoras” di Guillermo, responsable da CGT de Vigo, que xunto coa CNT convocaron as protestas das traballadoras despedidas.

Ao anterior hai que engadirlle que se ben existe un convenio provincial de hostalería en Pontevedra e dito convenio tamén incluiría as camareiras de piso, as traballadoras que estaban con Alliance figuraban dentro dun convenio propio da empresa. O hotel Bahía entendía que esas traballadoras non eran da empresa, por tanto un problema de Alliance. A  previsión é que se estas camareiras van aos tribunais e piden que se lles aplique o convenio provincial de hostalería, “o xuíz daralles a razón, con todo hai que dicir que o convenio de Alliance non se podía aplicar porque estaba nos tribunais, quedaba invalidado” di Guillermo.

O caso do Hotel Bahía de Vigo é un exemplo das políticas de externalización que naceron ao abeiro da última reforma laboral. Mais o paradoxo está en que a reforma deixou ver a situación na que estaba un sector laboral practicamente invisible para a maioría. É posible que nos vindeiros anos outros sectores, tamén invisibilizados como o das camareiras de piso, acaben pedindo o seu lugar nas negociacións laborais, nos convenios que lles correpondan para cobrar o que lles corresponde segundo ditos convenios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xlaxe

Kellys ven da frase "as QUE LImpian".