As Brigadas deseucaliptizadoras atacan de novo, desta volta, no Ribeiro

Nesta ocasión centraranse en erradicar as acacias da parroquia de Lentille, en Cenlle, moi afectada polos lumes do pasado ano.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/05/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Voluntarios de Verdegaia bótanse de novo ao monte este vindeiro sábado como parte das brigadas deseucaliptizadoras. Será na parroquia de Lentille, no concello de Cenlle para continuar a iniciativa que comezaron hai unhas semanas de substituír especies invasoras, como o eucalipto ou a acacia, por especies autóctonas como o carballo ou castiñeiro.

A acacia rebrota nun monte queimado
A acacia rebrota nun monte queimado | Fonte: wikipedia

Precisamente, o obxectivo desta segunda Brigada é a erradicación de acacias, unha especie exótica invasora que supón un serio problema ambiental polo seu rápido crecemento, por competir coas especies autóctonas e pola acidificación do solo que trae consigo.

Os numerosos lumes que abafaron o país en outubro pasado favoreceron a proliferación das acacias, converténdose nun grave problema para as zonas afectadas, como é o caso de Lentille. Nesta ocasión, a intervención consistirá en eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir, coa idea de introducir no vindeiro inverno froiteiras bravas.

“Recordamos que, ademais de inscribirse como Brigadista, é preciso anotarse a cada Brigada concreta”, lembran desde a entidade. Nesta ocasión, foron algo máis de 20 persoas as que se apuntaron como voluntarias para a realización dos traballos, que se levarán a cabo entre as 10 da mañá e as 2 da tarde, hora na que se ofrecerá un xantar ás persoas participantes.

A xornada completarase cunha foliada, un pequeno obradoiro práctico sobre o combate contra a velutina e un paseo pola zona, no que se poderan disfrutar das vistas do val do Avia. Desde a organización ofrecen luvas e ferramentas para todo o mundo e recomendan traer roupa e calzado apropiado para o traballo no monte, e un chuvasqueiro se así o recomenda o tempo previsto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Nerio

En Lentille non ardeu ano pasado. Ardera hai 14 anos e daí fundamentalmente a invasión asoballadora da acacia.

2 Xose

Creo que era necesario algún enlace o proxecto ou xornada. A inscripción para a xornada do 26 xa pechou o 20 de maio, pero se só se inscribiron 20 persoas quedarían 10 espazos baleiros pois a actividade por tema de loxística estaba pensada para 30 persoas. É cuestión de preguntar se aínda se pode inscribir se teñen eses espazos baleiros. Brigadas Deseucaliptizadoras: http://verdegaia.org/brigadas/ Xornada do sábado 26/05/2018: http://verdegaia.org/brigadas/archivos/182

1 Que ben

E mentres PP e Esquerda Unida fan de desarborizadores en xeral sen ser alcolitos. https://www.facebook.com/maltrato.u...