Feijóo acata a sentenza na Gürtel contra o PP e o BNG pide a dimisión de Rajoy

"Se o ex-tesoureiro acaba de ser condenado a bastantes anos de cárcere é que non foi exemplar e puido contaminar ao PP", reflexiona o presidente

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2018 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este xoves a "acatar e cumprir" a sentenza do caso Gürtel e a "seguir garantindo que non volva suceder". Mentres, o BNG considera que Mariano Rajoy debe dimitir como presidente dun "PP condenado por corrupción".

Feijóo, após a reunión semanal do seu Goberno
Feijóo, após a reunión semanal do seu Goberno | Fonte: Europa Press

A Audiencia Nacional condenou ao 'xefe' da trama Gürtel, Francisco Correa, a 51 anos e 11 meses de prisión; mentres que ao considerado o seu número dous, o que fora secretario de Organización do PP galego Pablo Crespo, impúxolle unha pena de 37 anos e medio. Ademais, o ex-tesoureiro do PP Luís Bárcenas, ex-senador por Cantabria, foi condenado a 33 anos e 4 meses ademais de 44 millóns de euros de multa; á súa esposa Rosalía Iglesias, 15 anos e 1 mes de prisión e ao PP a pagar unha multa de 245.000 euros como partícipe a título lucrativo, pola súa implicación nos primeiros anos de actividades da trama.

Ao termo do Consello da Xunta, cuestionado respecto sobre a condena e se debería haber responsabilidades políticas, o presidente galego e líder do PPdeG subliñou que esta é unha sentenza "esperada" tanto polos militantes do PP como polo resto de cidadáns.

Engadiu que só puidera ver algunhas informacións xornalísticas antes de comparecer, tendo en conta que a súa prioridade este xoves é atender á situación que se vive en Tui (Pontevedra), despois da explosión rexistrada nun almacén onde se depositara de forma irregular material pirotécnico.

UN EX-TESOUREIRO QUE "CONTAMINOU" O PP

"Preocúpame máis Tui que Gürtel", esgrimiu Feijóo, antes de subliñar que, ao seu xuízo, "é evidente que se o ex-tesoureiro do PP acaba de ser condenado a bastantes anos de cárcere, é que non foi un tesoureiro exemplar e puido contaminar o PP, e iso reflícteo a sentenza".

Dito isto, e aínda que deu por feito que "os afectados recorrerán" a sentenza, subliñou que ao PP lle toca agora "acatar, cumprir e seguir garantindo que o ocorrido non volva suceder".

"Iso é o que temos que facer e enviar unha mensaxe de seguridade de que as cousas que se fixeron mal nin se fan actualmente (mal) nin se volverán a facer (mal)", concluíu.

O BNG PIDE A DIMISIÓN DE RAJOY

O BNG considera que a "contundente" sentenza ditada no Caso Gürtel debe traducirse en "consecuencias políticas", incluída "a dimisión" de Mariano Rajoy, como presidente de "un PP condenado por corrupción".

Segundo o Bloque Nacionalista Galego, a Audiencia Nacional considera probada "a existencia dunha caixa B no Partido Popular" e falla "que esta forza política e as empresas do condenado Francisco Correa montaron un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional".

A formación política explicou que "é a primeira vez que un partido político é condenado como tal por corrupción", un feito "sen precedentes e da máxima gravidade", polo que "hoxe mesmo tería que dimitir a dirección do Partido Popular, empezando polo seu presidente".

"Non é verosímil que os máximos responsables do PP a nivel estatal non fosen corresponsables por acción ou omisión do acontecido", dixeron. Para o BNG é "evidente" que a "trama de corrupción non podería sosterse sen o consentimento da cúpula do partido", tanto tras coñecer o fallo como "en base aos datos que foron aflorando en neste e noutros casos de corrupción".

COMPARECENCIA DE FEIJÓO

A formación nacionalista avanzou que pedirá a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que "responda sobre a trama galega", porque "é preciso coñecer as ramificacións e implicacións galegas desta corrupción sistémica do PP da que o ex-secretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo, foi un elemento clave".

O BNG considera que a "acumulación de casos de corrupción do PP mostran unha forza política cunha estrutura de funcionamento corrupta", lonxe da imaxe de "casos illados ou mazás podres" que "a propia dirección do Partido Popular en Madrid e en Galicia se empeña en propagar". "Pola contra, é unha estrutura completamente corrupta dentro dun sistema intrinsecamente corrupto. Roubaron, mentiron e gañaron eleccións facendo trampas", conclúe o BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 Carrio

Crespo era a man dereita de Cuiña, o que mandou a Rajoy ao poleiro nun congreso do PP galego. Vinte anos despois Rajoy manda a Crespo a Estremera para o que lle queda de vida. Cousas da política.

2 Roi Negueira

O BNG goberna Lalín apoiando un Cuiña que ten como principal referente o Cuiña que tiña como home do maletín a Pablo Crespo

1 Xa saíu o listo da Marea

Pois para impedir que fose alcalde un Crespo que ten como referencia un Crespo que é o do maletín condenado e milita no partido de M. Rajoy.

2 SaíuomultinickdeLalín

Moi bo, pero ao Crespo condenado o puso José Cuiña, que ti coñecías moi ben.

3 Fran Correa

O odiado Crespo é parente dos Cuiña Crespo, como o pai do alcalde Cuiña. Crespo é o apelido da avoa contable, aquela que conseguía a mellor xestión empresarial do país para o negocio familiar cando o fillo era conselleiro. Ou sexa que a mafia familiar é extensa e sen depurar (complicidades varias).

1 Ana Figueira

Todo culpa do tesorero e os cómplices. si, claro. Que ben lles saiu! E os anteriores tesoureiros? O PP é unha organización criminal chea de favores e cartos en B.

1 Xose

Pero a xente parece que lle gusta ou polo menos anhela vivir dese modo pois os votan eleccións tras eleccións.