Presentado o II Festival do Viño da Ribeira Sacra

O Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra en colaboración co Concello de Monforte organizan a II edición deste evento que repetirá localización, o Paseo do Malecón, e que terá lugar os días 6,7 e 8 de xullo.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 26/05/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

No acto de presentación do evento no Centro do Viño da cidade do Cabe estiveron presentes os responsables das diferentes formacións políticas do goberno local, o alcalde José Tomé Roca e o Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez. A xornalista local e locutora de Onda Cero, Manola Porto, fixo de mestra de cerimonias dando paso no momento oportuno tanto a Tomé como a José Manuel para que presentaran os detalles do festival aos alí presentes.

Intervención do Presidente da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.
Intervención do Presidente da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

O mandatario local explicou que o festival naceu o pasado ano coa vontade de permanecer no tempo e coa idea de promocionar conxuntamente os viños e as adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe celebrando unha especie de fin de curso. En palabras de Tomé “o sector vitivinícola é clave para nós, serve de motor para a economía de Monforte e de toda a Ribeira Sacra. Todo isto viñémolo facendo sabendo compaxinar a tradición da viticultura tradicional coa innovación tecnolóxica”.

Pola súa parte, o Presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, destacou que “a D.O. superou as súas vodas de prata e existía unha sensibilidade para celebrar en Monforte, capital da Ribeira Sacra, un evento destas características, pero iso si, tendo en conta que a nosa comarca é moito máis que viño”.

O cartel promocional do Festival do Viño é o mesmo que o ano anterior porque, segundo indicou o alcalde, ademais de ser bonito axuda a manter unha identidade e idea de marca, xa confirmaron presenza no encontro 24 adegas que ofrecerán os seus mellores caldos aos visitantes e o programa de actividades está totalmente pechado.

Programación do Festival da Ribeira Sacra 2018

Cartel do evento.
Cartel do evento.

Na liña do ano anterior a intención é crear un programa de propostas culturais variadas: rutas turísticas, música, gastronomía, artesanía, animación infantil… actividades que xiran arredor do verdadeiro protagonista que é o viño.

O Festival do Viño ofrecerá ao longo de 3 días unha oportunidade única para coñecer as paisaxes da “viticultura heroica” con varias rutas turísticas que se poderán realizar os días 6 e 7 de xullo, actividades para os máis pequenos, postos de artesanía e concertos na Praza España para a noite. O venres 6 estarán no escenario Najla Shami e Sons do Douro e o sábado 7 a música correrá a cargo de Davide Salgado e Pedro Pascual e A Banda da Loba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta