Temas: RURAL POBOACIóN

Cales son as "batallas" que hai que dar para manter a poboación no rural?

Crear conciencia colectiva para dar o debate social sobre un novo modelo de investimento e denunciar as deficiencias nas infraestruturas, entre as propostas.

Por Galicia Confidencial | vedra | 27/05/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

En todo o rural galego hai dúas batallas fundamentais para poder seguir vivindo del: Unha é a batalla sobre a actividade económica, xa que “se non hai unha actividade agraria forte, o rural esmorece”; e outra son os servizos públicos porque “se non temos servizos públicos que nos permitan ter unha vida normal no medio rural, a poboación tamén marcha destas zonas”. Ou iso é cando menos o que cre a eurodeputada galega Lidia Senra.

Senra insiste nuns servizos públicos de calidade como garantía para poder manter e fixar poboación nas zonas rurais de Galicia e lograr un rural vivo no que a xente poida residir nunhas condicións dignas. Unhas manifestacións que fixo durante a primeira mesa da xornada “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa” que se celebrou en Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).

“Son temas importantes aos que non se lle está prestando no debate político a importancia que teñen e temos que preocuparnos e moito desde as organizacións sociais e desde as institucións para solucionalo”, defendeu. Así, denunciou tamén o interese privatizador que impera actualmente, de pretender converter os servizos públicos nun negocio e vaticinou que se seguir así, o rural será o primeiro en pagar estas políticas privatizadoras. “O PP e o PSOE reformaron o artigo 135 a Constitución para priorizar o pago da débeda por riba do investimento, mesmo én detrimento dos servizos públicos básicos, e as consecuencias témolas enriba”, dixo.

Ante esta situación, a europarlamentaria chamou a articularse socialmente. “Estase acabando cos servizos no rural á vez que están intentando converter o rural nos vertedoiros das cidades e estamos chegando a un nivel de contaminación impresionante. Só nas proximidades de Santiago, da capital galega, temos a antiga mina de Touro convertida nun basureiro contaminador de augas e solos; temos o vertedoiro de Miramontes, en Grixoa, na mesma situación; e ademais agora queren facer algo similar nunha antiga canteira de Teo. Isto hai que sacalo á luz, está oculto. Oco que hai, oco que están usando para esconder lixo e ademais residuos que se producen en moitos casos a centos de quilómetros”, denunciou.

OUTROS PROBLEMAS

No coloquio, no que participaron Senra, Roberto Castro Rocamonde, concelleiro Non Adscrito en Vedra, e María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira da Agrupación de Veciñ@s de Boqueixón, tamén se abordou e denunciou a deficiente situación actual da maioria do rural galego e de Vedra e Boqueixón en particular en canto ao acceso que ten a cidadanía a servizos básicos como poden ser internet, o transporte público ou Correos.

María del Carmen Soutullo Carolo exixiu uns servizos públicos para evitar o abandono do rural e acabar co illamento das aldeas. “Se non miramos polo rural imos quedar sen centros médicos, sen escolas, sen centros de día, coa poboación envellecida que temos”, dixo.

Roberto Castro Rocamonde, criticou que a día de hoxe a xente da aldea “teñamos que defendernos como se foramos case unha reserva de indios” que ten un muro colocado que lle impide acceder aos servizos. Así, chamou a aceptar que o medio urbano e o rural teñen que ser permeables xa que o medio urbano dificilmente se vai soster sen o rural e polo tanto o rural terá que recibir unha serie de prestacións.

Pola súa banda, o concelleiro de Santiago de Compostela responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, que participou na segunda mesa da mañá para abordar o plan de transporte para Compostela e comarca, defendeu os servizos como un dereito para todas as persoas. Duarte, que foi presentado por Mar Blanco Casais, concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), defendeu a necesidade dun transporte público rural para a comarca.  

Na sesión da tarde, a xornada continúa cun debate baixo o título de “O rural vivo é posible. Exemplos de interese na xestión de servizos básicos de concellos galegos e doutras partes de Europa”, no que interviron o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez; María Ángeles López Agüera, directora do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxéitca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e deseñadora do Plan de Actuación de Enerxía Sustentable (PAES) do concello de Vedra; e Maja Gilbert, membro do Partido da Esquerda sueca e do Consello do Condado na rexión de Dalarma, en Suecia, onde está en marcha o proxecto Fibre to the Village, que estimula ás comunidades a establecer as súas propias redes de internet nos municipios.

Tractores no campo
Tractores no campo | Fonte: EP

Casa no campo
Casa no campo | Fonte: EP
Temas: RURAL POBOACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

e non sería mellor deixar de mirarnos o embigo e afrontar o futuro con decisión ? galegos sí pero negros mellor que mortos ! https://i.gal/gamela13