Gonzalo Caballero lémbralle a Sánchez que o apoiou nas Primarias e que o seguirá facendo

O líder do PSdeG cualifica a moción de censura como unha "xornada histórica" para a democracia española e felicítase por este "cambio de ciclo que era necesario e conveniente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou o seu apoio ao novo presidente do Goberno central e líder do seu partido, Pedro Sánchez, e lembrou que así o fixo "con lealdade ao longo de todo este ano" e "cando empezou a carreira das primarias". "Porque criamos que era necesario ese proxecto de esquerdas sen complexos, con vontade de goberno, e que Pedro Sánchez era a persona adecuada para selo", espuxo en declaracións despois da votación da moción de censura.

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez | Fonte: Europa Press

"Os socialistas e a esquerda do país estamos hoxe satisfeitos, hai miles de cidadáns, centos de miles de cidadáns, que están hoxe emocionados porque esperaban un cambio de ciclo político, crían que a esquerda necesitaba dar esta operación de cambio con forza, sen complexos, retirar esta dereita que é a máis corrupta de Europa de goberno", engadiu.

Así, indicou que lle trasladou a Sánchez a súa satisfacción e apoio como novo presidente do Goberno. "Como llo trasladei hai un ano cando empezou a carreira das primarias. Como llo trasladei con lealdade ao longo de todo este ano", incidiu. Agora, segundo chamou a atención Caballero, "aquilo que hai un ano parecía algo difícil de levar acabo é unha realidade, e isto mostra que a política cando se fai con ideas, con ilusión, con convicción e con forza, permite que esas vontades se convertan en feitos".

O líder dos socialistas galegos celebrou que España teña un novo presidente do PSOE, como no seu día, rememorou, foron Felipe González e José Luís Rodríguez Zapatero. "Hai moito que facer por este país e correspóndelle ao Partido Socialista de novo darlle esta oportunidade de futuro á xente que máis o necesita, que estaban a sufrir os recortes que a dereita estaba a aplicar no estado de benestar", proclamou.

"XORNADA HISTÓRICA"

No que cualificou como unha "xornada histórica" para a democracia española, Gonzalo Caballero felicitouse por este "cambio de ciclo que era necesario e conveniente". Na súa opinión, Pedro Sánchez "gañou o debate onte e hoxe", por este xoves e este venres. "Mostrou solidez, convicción, vontade de diálogo, e fronte a isto atopámonos cunha dereita incapaz de recoñecer a sentenza da Gürtel, cun único interese que era manterse no poder", subliñou.

Valorou tamén que este venres "houbo unha ampla maioría parlamentaria que decidiu que era necesario un cambio político no país, pola rexeneración, liderado polo presidente do Goberno Pedro Sánchez". Esta "nova etapa", segundo insistiu, ten que permitir o desenvolvemento de "novas políticas" e "eliminar os vicios de corrupción que a dereita estaba a instaurar".

AGRUPACIÓN CORUÑESA

A secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa, Eva Martínez Acón, cualificou de "reto" para o novo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a nova etapa á fronte do Executivo ante "o país que deixa" o PP. Mentres, fixou como "prioridade" dar resposta á cidadanía.

Nun comunicado, subliña o feito de que sexa a primeira vez na democracia española que prospera unha moción de censura, aínda que admite que a nova etapa "non vai ser fácil". "E serao menos chegar a acordos coas diferentes forzas políticas de moi distinta cor".

A iso, suma "o país que deixa o presidente cesado" e que cualifica como "un reto para Pedro Sánchez". En concreto, fai referencia a "altos niveis de paro, xubilados na rúa reivindicando unhas pensións dignas, precariedade laboral, unha sanidade que baixou no ranking de calidade, unha educación que padece recortes ou a situación de Cataluña".

"CAPACIDADE NEGOCIADORA"

Por iso, defende a necesidade de que, por parte do novo presidente do Goberno, haxa "moita man esquerda, talante, paciencia e capacidade negociadora para tentar conseguir a estabilidade nuns meses antes de convocar eleccións". "Sen dúbida, será outra proba máis para demostrar que ten un liderado que sempre foi cuestionado", engade a secretaria xeral dos socialistas coruñeses sobre a traxectoria de Sánchez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta