O novo reitor promete unha USC "máis democrática, transparente e responsable"

O reitor saínte da Universidade de Santiago, Juan Viaño, defende a súa xestión por "recuperar a estabilidade económica" e "mellorar e modernizar a oferta formativa"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/06/2018 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López tomou posesión este martes como novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), de modo que substitúe a Juan Viaño coa promesa de facer que a institución sexa "máis democrática, máis transparente, máis responsable, pero ademais máis forte". Así o expresou durante o acto no que se puxo á fronte da universidade máis antiga de Galicia, que se celebrou no salón nobre do Colexio de Fonseca e ao que asistiron, ademais do reitor saínte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Antonio López toma posesión como reitor da USC
Antonio López toma posesión como reitor da USC | Fonte: Europa Press

Durante o seu discurso de nomeamento, López apostou por "revitalizar" o goberno da USC, "sacar á universidade da crise na que estaba sumida" e "recuperar a ilusión" de todos os traballadores e estudantes.

Neste contexto, insistiu en restaurar "o papel dos órganos colexiados" como o claustro universitario, "para que sexan verdadeiros espazos de debate, de control e de rendición de contas". "A USC ten que aspirar a un modelo de goberno que incorpore os mellores valores da democracia participativa e deliberativa", expresou.

A continuación, destacou a autonomía universitaria como unha "garantía institucional da liberdade de cátedra e investigación" que ademais "debe ser construída cada día". "A autonomía non é un privilexio do goberno da universidade, é unha esixencia para preservar a súa función", subliñou.

Así mesmo, López declarou que a USC enfronta a transformación dixital da sociedade "nunha situación crítica" con tres eixos —o escenario financeiro, a perda de persoal e unha autonomía cuestionada— que configuran "un ámbito de incerteza cara ao futuro inmediato".

Neste sentido, dirixiuse ao conselleiro de Educación para esgrimir que, "aínda que moitas desas cousas, en Galicia, están a facerse ben, tamén é certo que noutras terán que buscar puntos de encontro para atopar novas solucións".

"Necesitamos incrementar o financiamento da universidade pública en Galicia, xa que, na actualidade, aínda non alcanza o un por cento do PIB, mentres que a Comunidade xa recuperou o nivel de gasto non financeiro anterior á crise", expresou, para despois pedir que esa "recuperación" económica se traslade ao ensino superior, algo que considera "inaprazable".

VIAÑO DESPÍDESE "CON HONRA"

Pola súa banda, o anterior reitor despediuse coa "honra" que supuxo para el dirixir a USC con "tres grandes obxectivos": a "recuperación e a estabilidade económica", "mellorar e modernizar a oferta formativa" e "consolidar un modelo de universidade de referencia".

"Creo, sinceramente, que logramos o tres obxectivos", asegurou Viaño para despois engadir que en 2014 —ano no que tomou posesión— a situación era "crítica", algo que "incluso o levou a admitir publicamente que as medidas impopulares que estaban a tomar eran o mellor, e quizais o único remedio contra a hibernación e mesmo a desaparición da universidade centenaria".

Con todo, admitiu que "de nada vale o aumento de orzamento nin a construción de miles de metros cadrados de infraestruturas (...) se non se ten claro que cada un ten que asumir a súa responsabilidade como docente, investigador, persoal de administración e servizos ou como estudante".

Non en balde, lamentou a existencia de "actitudes individualistas" na USC que, "aínda que non eran causa de ningún delito, si demostraron un pequeno grao do sentido da responsabilidade e do respecto pola institución".

Ao final do seu discurso, Viaño deixou "ben claras as diferenzas" co seu sucesor, pero lle desexou "a mellor das fortunas": "Deséxolle, sinceramente, que o seu equipo e vostede leven con éxito a esta universidade cara ao novo rumbo que trazaron".

MÁIS DE 25.000 ALUMNOS ANUAIS

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria fixo fincapé no carácter "moderno" da USC, que cada ano acolle, segundo os seus números, a máis de 25.000 estudantes cada ano nun total de 56 carreiras.

Neste contexto, Rodríguez trasladou ao novo dirixente "todo o apoio" da Xunta e do seu departamento, á vez que valorou o "tempo complexo" ao que Viaño se tivo que enfrontar, "con decisións moitas veces incomprendidas" grazas ás que, segundo afirmou, "a USC está hoxe mellor preparada para o futuro".

ENTREGA DE BASTÓN DE MANDO

No acto, o reitor saínte entregou o bastón de mando e a medalla a López, quen xurou o seu cargo para despois facer o propio o resto do seu equipo directivo, entre o cal se atopa a nova secretaria xeral, Dulce María García Mella.

O catedrático converteuse así no novo reitor da USC após obter máis do 60% dos votos nas eleccións do pasado 23 de abril, nas que derrotou a Viaño no seu segundo intento, catro anos despois de perder por escasa marxe.

Os comicios celebráronse con voto ponderado, de forma que o sufraxio dos profesores doutores supuxo o 51%, o dos estudantes o 28%, o dos integrantes doutras categorías de persoal docente e investigador o 11% e o do Persoal de Administración e Servizo (PAS) un 10%.

Neste contexto, López impúxose nas catro categorías, con especial diferenza ao seu favor entre o alumnado, xa que tres de cada catro estudantes que votaron optaron pola súa candidatura, que tiña a lema de 'XA!'. Con todo, a participación non alcanzou o 20% das máis de 27.000 persoas que estaban chamadas a votar.

PERFIL DE ANTONIO LÓPEZ

Doutor en Dereito pola USC e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López ingresou en 1981 na Facultade de Dereito en Santiago, na que obtivo a súa licenciatura en 1986 con premio extraordinario.

Entre outros cargos, foi vicerreitor de Coordinador do Campus de Santiago e vicerreitor de Coordinación de Xestión de Infraestruturas (1998-2002), así como decano da Facultade de Dereito (2005-2007).

En xullo de 2007, o Parlamento galego elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que desempeñou até 2013. Entre 2007 e 2010 foi conselleiro maior deste organismo.

Desenvolveu unha carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estancias docentes nas universidades de Sao Paulo, Montevideo e Boloña.

Casado e con dúas fillas, López vive actualmente en Bertamiráns (Ames, A Coruña), gústalle a lectura e o deporte, en especial o baloncesto, xa que é seareiro declarado do Obradoiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Padriño

¿E menos endogámica? ¿Eso para cando?