Cales son as administracións con competencias para normalizar o uso do galego?

Nos últimos tempos, os entes implicados no proceso de normalización lingüística tiñan criticado que non se establecera unha dinámica de traballo conxunto entre Xunta e administracións locais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/06/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Aclarar calquera dúbida sobre duplicidade de competencias e a forma na que pode incidir a lexislación vixente en materia lingüística entre a administración local e a autonómica. Ese foi o obxectivo do informe que este martes presentaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias. E cal foi o resultado?

A  directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García | Fonte: xunta.gal

Segundo ese novo documento sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia, as dúas administracións teñen competencia nesta materia.  É dicir, que a cousa é das dúas administracións e que as entidades locais de Galicia comparten coa Xunta de Galicia o mandato legal de promover a normalización da lingua galega.

“Son as dúas administracións as lle dan cumprimento á devandita obriga. A administración local é a organización administrativa máis próxima á cidadanía e, por tanto, unha vía prioritaria para impulsar a promoción social do idioma, polo que calquera actuación en materia de normalización lingüística desde as propias entidades locais non require do informe previo da Administración autonómica por se considerar que istose fai en exercicio das propias competencias da Administración local”, dixo na presentación do informe Marta Fernández-Tapias.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística recordou que, de acordo coa lexislación aplicable en materia lingüística, nomeadamente a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, se dispón, respectivamente, que o galego, como lingua propia de Galicia é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma (artigo 4º).

“Isto implica que a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego (artigo 6º) e que o galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local (Artigo 7º)”, lembrou lendo os artigos desa norma.

E POR QUE O INFORME?

A Xunta e a administración local tentaron, deste xeito, dar resposta á necesidade manifestada polos propios axentes implicados no proceso de normalización lingüística de establecer unha dinámica de traballo conxunto coa que sumar esforzos, aproveitar sinerxías e evitar duplicidades. Con independencia disto, o texto informa que a prestación do servizo de normalización lingüística polas entidades locais galegas non require da emisión de ningún informe de duplicidade nin sustentabilidade financeira, tal como esixe o artigo 3 da citada Lei 5/2014 para o caso de exercicio de novas competencias distintas das propias.

O informe emitido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Administración Local e a instancia da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foille remitido xa á Comisión Galega de Cooperación Local, que se reuniu o pasado 7 de maio co propósito de pór en coñecemento das entidades locais este criterio unánime acordado pola Xunta de Galicia. O texto completo pódese ler no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta