GC Aberto
Temas: EN MAREA PODEMOS

A radicalidade democrática fronte ao despotismo partidario

Cando naceu En Marea fíxoo como un proxecto político de adscrición individual, non como un partido clásico nin como unha coalición de partidos, porque entendíamos que ditos partidos en todo caso deberan ser “motores auxiliares”, non actores principais. En Marea naceu así como unha emenda á totalidade aos pactos cupulares nos que as organizacións partidarias se autodenominaban como a “Unidade Popular” cando realmente o “pobo” sempre pintou pouco ou nada neses acordos. (Artigo redactado por Xurxo Triñanes e Bea Gómez)

Por BGG | GC ABERTO | 06/06/2018

Comparte esta noticia

Esta fórmula non era nova, foi simplemente a plasmación a nivel nacional do que xa acontecera en moitos concellos do país no ano 2015, cando ducias de candidaturas municipalistas ocuparon o espazo que deixaran vacante as cúpulas partidarias servindo de ferramenta á xente do común par asaltar as institucións. Mais non se pode vertebrar unha alternativa de cambio real a nivel nacional limitándose unicamente ao ámbito municipal. Quedaba por diante o reto de unir ese conglomerado municipalista e, ca máxima de respectar sempre a independencia do local, ser quen de artellar un espazo de colaboración de ámbito galego. Dito espazo instrumental non podía quedarse nunha mera marca electoral, senón que debía retroalimentar e ser o nexo de unión entre as candidaturas municipalistas favorecendo o xurdimento de sinerxias que permitisen a unhas apoiarse noutras, empoderarse para ser quen de consolidar e sobre todo ampliar o espazo do cambio polo resto dos concellos do país.

Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado
Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado | Fonte: Xurxo Guitián

Con estes antecedentes no mes de marzo deste ano celebrouse un plenario de En Marea sobre municipalismo onde as inscritas decidimos o papel que xogaría o partido instrumental nas citadas eleccións. Estes comicios serían a oportunidade para consolidar, afondar e estender territorialmente o espazo de cambio para o país, oportunidade construída de abaixo arriba, pondo ás persoas no centro das políticas, traballando a prol das maiorías sociais dende a idea de unidade popular para acadar o ben común.


Nese plenario acordouse que o espazo instrumental de En Marea, creado a imaxe e semellanza desas mareas municipais, retribuíse politicamente ás mesmas creando un “paraugas político instrumental” que prestase apoio loxístico, económico e de coordinación, visibilizándoas como candidaturas do espazo político común que é En Marea e tentando pular tamén por disputarlle o espazo institucional das deputacións á dereita. Acordamos que ese paraugas fose o espazo que vertebre a suma de esforzos para espallar polo país o cambio que precisamos, sendo o lugar de encontro de todas as que traballamos a prol de recuperar a ilusión dende o municipal. Acordouse desenvolver un traballo conxunto, baseado no diálogo, a fraternidade, a radicalidade democrática dende novas formas de relación política que teñan o respecto e a autonomía das mareas locais como esencia, e baseado tamén na bidireccionalidade nas relacións coas mesmas.


Fronte a este panorama, observamos estes días como hai quen prefire a unilateralidade (nomeadamente, cupular) fronte á bidireccionalidade, actuación bastante cuestionable para quen se autonomea adalide da nova política. E é que hai organizacións ás que non lles gusta someterse á democracia radical das persoas e prefiren os atallos partidistas para “manexar o barco” a toda costa (a costa incluso, dos acordos asemblearios tomados polas inscritas), organizacións que agora mostran a súa verdadeira faciana.


Así, estes días puidemos comprobar cómo Podemos, IU e EQUO decidiron, unilateralmente dende Madrid, ir en coalición ás eleccións de 2019. Algo perfectamente lexítimo senón fose pola pretensión de impoñer tamén ese acordo ás candidaturas municipais, roubando vilmente, con nocturnidade e aleivosía o traballo feito durante todos estes anos por estas e usándoas de trampolín para os seus obxectivos electoralistas. As candidaturas vense, deste xeito, na obriga, so pena de non ser bendecidas por esta Santa Trinidade partidista, de ceder a súa marca e o seu traballo para ser empregadas como mera propaganda electoralista por organizacións que en moitos casos non moveron un só dedo por elas.


Ademais, aproveitando que o Miño pasa por Ourense, tanto a Carmen Santos (Secretaria Xeral de Podemos Galicia) como Eva Solla (Coordinadora de Esquerda Unida), non lles faltou tempo para volver cuestionar o proxecto de En Marea, espazo do que forman parte, ou non, segundo mellor lles conveña aos seus intereses (ou segundo por ónde lles dea o aire), porque é moito mais sinxelo que pensar nas inscritas, nas maiorías sociais e na unidade popular real.

Tal é así que, sumándose as saídas de tono que a dirixente de Podemos Galicia acostuma a adicarlle ao espazo, as dirixentes de Esquerda Unida en rolda de prensa tiveron a deslealdade de calificar como “partido ornamental” a En Marea, declarando que EU porá as súas estruturas municipais á disposición de Podemos para acadar candidaturas conxuntas alí onde non se acate o acordo do trío de Madrid. Un ataque en toda regra á liña de flotación da base e do sentido da unidade popular en Galicia que son as mareas municipais. Ademais non tiveron o mais mínimo rubor en dicir que nunca apoiaron a creación dun partido instrumental, cando ambos (Eva Solla e Rubén Pérez) formaron parte da 1ª coordinadora de En Marea e votaron a favor do seu documento de organización onde xa no parágrafo inicial se define a organización como “partido instrumental de participación individual”.


Compárese isto ca proposta de En Marea de colaboración desinteresada con tódalas mareas, mesmo aínda abrindo a porta a tecer redes con aquelas que non se sumen ao paraugas instrumental. Vese aquí claramente a diferenza entre quen ten obxectivos políticos e obxectivos partidistas.


Todo o antes exposto pódese resumir como a loita da democracia radical fronte ao despotismo ilustrado dos partidos e as súas dirixentes, para as que o “todo para el pueblo, pero sin el pueblo” sempre será o máis acaído aos seus intereses. Pero para estas cúpulas hai algo esencial que non teñen en conta ao falar de En Marea e das mareas municipais: ás inscritas. Porque no espazo de ruptura son as inscritas as que deciden o qué queren e cómo. Á xente que deixou o seu esforzo por construír este espazo non lles valen os acordos unilaterais, non lles valen apropiacións indebidas nin impostas do seu traballo. Por moito que se esforcen en denostar e en desprestixiar ás que non acaten as súas decisións cupulares, mesmo chegando ao desprezo coa denominación que fan de “ornamental” á organización pola que elas chegaron a onde están (enténdase, ó Grupo Parlamentar de En Marea), a xente, a protagonista real da unidade popular, vai dar a batalla.


Porque viñemos a mudalo todo, o fondo e as formas, imos tamén a decidilo todo, e non nos imos a resignar fronte aos intereses particulares de ninguén.

Temas: EN MAREA PODEMOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Chi Chi Na-vo

mucho barullo para terminar diciendo que finalmente Galicia no tiene ni voz ni voto en el aparato del estado. Ahora seguid dando discursitos sobre transversalidad, voto personal, etc. etc....

4 especho do coche vandalizado

PERO TI DE QUE ARBORE CAICHES.... non sabes acaso do pacto do silencio entre Waldo das JONS e o vello -Vieiras... non sabes que vendeu a soberanía da patria por un prato das lentellas podreiras, agora viven coma dioses con chalets de gran luxo de 650 mil euros, asi donan os cartos as ONG... todo xa era visto, venderon todo, destruiron todo, traizoaron a todos e a todo... e agora victimismo cando non son mais que escravos do proxecto de dominación da comunista IU (IZQUIERDA LA UNITARIA), estades engañado e mentido servos do expañol, escravos dos mandriles, axentes do podreiro, e que perseguides sinon engañar e vender o pobo galego atado de mans e pes o imperialismo a monoarquia dos mandriles como xa o estades a facer cando os comunistas de Barcelona van os mitins de extrema dereita do grupo VOX e do pepeiro, van o lado de bandeiras fascistas, van a aplausar os grupos violentos e terroristas da dereita española vida desde mandriles a marea e antesa do facismo

3 O Mato da Xingüiera

O gran erro duns nacionalistas foi ir da man da esquerda xacobina, pero leccións sobre estas cousas hai un feixe na nosa historia. O tempo sempre lle dá a razón aos do Bloque.

2 FERNANDO ML

O paripé das forzas reformistas de sempre, que ahora din que son rupturistas ( a única ruptura posible é co Réxime do 78 e a instauración dunha República Popular, cousa que estes paiasos nunca defenden ) pon nunha situación de baixeza persoal os oportunistas dun " bando " e doutro. Non queda mais opción que dotar de obxetivos realmente transformadores os espazos de unidade popular. E para isto precisamos de confiar en nós mesmos, coma clase traballadora, e organizarnos. As experiencias socialistas do século XX, con todos os seus acertos e mais erros, son un exemplo de que sen derrumbar as estruturas oligarcas non haberá prosperidade para a maioría social. Saúdos.

1 Gamela

Sí e non, habería que ir por partes, non tódalas "mareas municipais" naceron igual nin coa mesma finalidade democrática... Marea de Vigo naceu marcada polos intereses de Rubén Pérez (e logo foi apoiada polo aparato EU vía Eva Solla) // Así pois as MARCAS xa estaban antes de criación do Partido Instrumental en Vigo // http://www.galiciaconfidencial.com/... Supoño que outras moitas Mareas Municipais non teñen esa TACHA pero precisamente os movementos nas cúpulas semellan amosar claramente cal é a súa pretensión: REPRODUCIRSE NO PODER PER SÉCULA SECULORUM a costa da xente do común !!!